Serafín González conta cunha longa e prestixiosa traxectoria como investigador do CSIC no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas e como presidente da Sociedade Galega de Historia Natural. Nesta entrevista expresa a súa preocupación sobre a macrocelulosa Altri que ameaza o corazón de Galicia e critica a xestión da enerxía eólica, acusando á Xunta de priorizar os intereses empresariais sobre os criterios ambientais. En canto aos incendios, lamenta a falta dun esforzo real para erradicar a actividade incendiaria humana, principal causa do problema.
Galicia é coñecida pola súa biodiversidade e os seus ecosistemas únicos. Que ameazas específicas están a poñer en risco esta biodiversidade?
As ameazas son múltiples e variadas, pero podemos salientar varias moi importantes. Por un lado, o enorme déficit de espazos naturais protexidos; Galicia é a pechacancelas en superficie en Rede Natura 2000 en España e a Xunta ten metida nunha caixa (semella que con sete chaves) a súa ampliación dende hai nada menos que 16 anos, malia os requirimentos da UE. Ademais da RN 2000 compre poñer de manifesto o absurdo absoluto de que Lugo non conte con ningún Parque Natural.
Por outro lado, Galicia ten dende hai 17 anos un Catálogo Galego de Especies Ameazadas, pero ao ritmo actual cumprirían máis de catro séculos para aprobar os plans de recuperación das especies en perigo de extinción e máis de dous milenios para ter os plans de conservación das especies vulnerables. Con eses datos queda claro o total desinterese da Xunta pola conservación da biodiversidade.
“queda claro o total desinterese da Xunta pola conservación da biodiversidade”
A contaminación da auga é un desafío importante. No país dos “dez mil ríos” temos un problema de calidade das nosas augas?
Temos un problema de calidade, con ríos e acuíferos contaminados tanto pola actividade industrial “clásica” (por exemplo, o aluvial do Louro pola herdanza tóxica da industria química e os ríos de Valdeorras e Quiroga polas louseiras), como pola proliferación desmesurada de industria gandeira con macrogranxas intensivas sen base territorial (como na Limia ou no Deza) e a deficiente depuración de augas residuais (ata hai ben pouco, a maior cidade de Galicia -Vigo- non modernizou a súa depuradora. Pero tamén temos un problema de cantidade, por sobreexplotación para regadío (A Limia) e un incumprimento xeneralizado dos réximes de caudais ecolóxicos polos grandes encoros hidroeléctricos.
© Foto: greenpeace
Un mapa do ministerio contabiliza ata 5.400 verteduras legais en augas galegas. E vostede declarou que habería que establecer uns límites máis baixos e ser máis esixentes en canto a depuración das augas.
Hai que ir cara un marco máis esixente coas verteduras legais (industriais e urbanas), aplicando as mellores técnicas dispoñibles aínda que sexan algo máis custosas, pois diso depende que academos un bo estado ecolóxico dos nosos ríos e masas de auga, superficiais e subterráneas.
“eu non felicitaría a ningunha cidade galega pola súa política ambiental”
Existe unha implantación descontrolada da enerxía eólica que a está deixando sen efectividade?
En 1996 a Consellería de Industria e Comercio encargou a realización do Proxecto de Ordenamento Eólico de Galicia (tamén chamado Plan Eólico Estratéxico de Galicia) á empresa privada APASA-GAMESA, que se converteu así en xuíz e parte ao ter naquela data o 22% da potencia eólica concedida en Galicia. A consecuencia directa foi que na planificación eólica de Galicia se primasen os intereses empresariais obviando ou minusvalorando os criterios ambientais. Ademais, os impactos ambientais agraváronse ao aceptar as Consellerías de Industria e de Medio Ambiente a tramitación fragmentada de pequenos parques eólicos “virtuais” próximos ou adxacentes, a miúdo dunha mesma empresa, evitando así a avaliación dos efectos acumulativos e sinérxicos dos parques eólicos “reais” sobre o medio natural.
Os incendios forestais son un problema recorrente en Galicia. Augúranos un verán tranquilo ou todo o contrario.
Depende da meteoroloxía, que é a que determina o “éxito” da actividade incendiaria, pois en Galicia nove de cada dez lumes son provocados pola actividade humana. Comezaremos a ter problemas si se encadean 7-10 días seguidos sen chover; a situación será grave si chegamos as dúas semanas consecutivas sen choiva e haberá unha vaga de lumes incontrolable si pasamos das tres semanas sen chover. Se, ademais, vai calor e un vento sostido (por exemplo do nordés) a situación será explosiva. É así de triste porque nunca se fixo un esforzo real por erradicar de raíz o problema que, insisto, é a actividade incendiaria humana.
Cartel na serra da Groba (Pontevedra) © Foto de Stop Eólicos
Non podemos deixar esta entrevista sen falar de Altri.
ALTRI pretende construír unha macro-celulosa pintándoa de verde como xa fixo co seu nome (GREENFIBER). O proxecto incrementaría nun 33% a produción de celulosa en Galicia e a súa contorna inmediata (plantas de ENCE en Pontevedra e Navia), agravando a eucaliptización imparable dos montes galegos e os seus enormes impactos nos ecosistemas terrestres e acuáticos (solo, auga, flora, fauna, paisaxe e risco de incendios).
Coa metade do seu perímetro lindeiro coa ZEC ES1110014 Serra do Careón, augas arriba da ZEC ES1140001 Sistema fluvial Ulla-Deza e da Ría de Arousa (ZEC, ZEPA e Humidal Ramsar Complexo intermareal Umia – O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira) e nunha zona que se contemplou para a ampliación da Rede Natura 2000, o emprazamento elixido é un dos peores que se poderían atopar en Galicia para unha actividade industrial destas características. O proxecto impactaría sobre media ducia de especies ameazadas, tanto terrestres (as plantas Armeria merinoi, Santolina melidensis, Leucanthemum gallaecicum e Centaurea janeri) como acuáticas (Margaritifera margaritifera e Galemys pyrenaicus).
“hai que ir cara un marco máis esixente coas verteduras legais”
Mención aparte merece o feito de que os promotores do proxecto nos tomen por parvos cando din “aquí o auga non se consume, úsase e devólvese en mellores condicións, augas arriba”. Se a calidade das súas augas residuais fose incluso mellor que a do río Ulla, por que haberían de bombear innecesariamente cada día máis 30.000 m3 de auga (equivalente ao consumo conxunto das cidades de Lugo e Ourense) a 12 km de distancia e unha altitude 200 m superior cun enorme consumo de enerxía? Por que haberían de tirala en lugar de funcionar nun circuíto máis pechado e gabarse así de promover unha “economía circular”? Por que haberían de construír unha tubaxe de 9 km de lonxitude para a vertedura?
Cal é a cidade galega con máis contaminación atmosférica e cal considera a mellor para vivir deste o punto de vista ambiental?
Persoalmente, eu non felicitaría a ningunha cidade galega pola súa política ambiental. Por non ir moi lonxe, recomendaríalle a todas que mirasen o que se está a facer por exemplo en Vitoria.
En canto á contaminación atmosférica a resposta debera ser moi sinxela mirando os datos das estacións da rede de seguimento e control… se os seus emprazamentos fosen representativos. En Santiago está na cima do Monte da Condesa, ben aireada polos ventos que veñen limpiños do mar; obviamente, os seus datos deben ser marabillosos.
Verquidos en San Cibrao das Vi§as. © foto Amigos da Terra
Considera que os galegos estamos preocupados por estas cuestións ambientais ou existe certo deixamento.
Á sabedoría popular me remito: polas súas obras os coñeceredes. De palabra creo que os galegos non andamos mal de preocupación ambiental, pero de obra temos moito que mellorar.
Formule un desexo desde o punto de vista ambiental para a nosa terra.
Confórmome con que a Xunta de Galicia en xeral, e a Consellería de Medio Ambiente moi en particular, cumprisen e fixesen cumprir toda a lexislación ambiental. Simplemente con iso Galicia entraría por fin no século XXI, ambientalmente falando.