A Quenlla acaba de ser premiada polo seu precioso traballo de recuperación e “posta ao día” dun trobador esquecido. Da súa man aprendemos que Martín de Padrozelos, natural de Praducelo de Lóuzara, concello de Samos, foi o “cantautor” das primeiras cantigas coñecidas en galego, como demostran os cancioneiros da Vaticana e da Biblioteca Nacional de Lisboa. O traballo premiado pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago é o disco Trobador no Camiño, que musica dez cantigas deste precursor. Na Romaxe de Vilalba (“Ferrados de Corazón”), coñecemos a Tania Capón, Paloma Suances e Yaiza Seijo e gozamos das súas voces, do seu saber instrumental e da súa xenerosidade. Coas dúas primeiras conversamos.
Pois comecemos polo principio, logo: de quen vides sendo? Como fostes chegando a facer cousas tan xeitosas?
(Paloma) No meu caso, dende pequena estiven interesada na música folk non só galega senón tamén escocesa, irlandesa… do mundo. Empecei a cantar por toda Galicia desde o ano 95 como cantautora galega. Actuei no festival folk de Pardiñas e de Moeche no 98. No ano 99 gravei un disco chamado “Feitizo”. Unha vez gravado ese disco fixemos unha presentación en Galicia e fóra dela (Plasencia, Valladolid, Salamanca, Madrid…). Colaborei en gravacións doutros discos como “Ball-cans Projecto Ninghen”, “Catro mulleres catro estilos”… Formei un dúo musical chamado Alba Noctua co que percorremos Galicia, España e chegamos ata Irlanda. Tamén colaborei con outros artistas como María Manuela, Pilocha e actuei no espectáculo de mulleres Son delas xunto a Guadi Galego, Uxía Senlle ou Mercedes Peón.
facerlle honra a un legado histórico foi un reto a nivel persoal e musical
Coñecín a Mero durante este percorrido musical e reencontrámonos tras unha actuación co grupo Ith. Deste reencontro xurdiu a proposta e embarqueime encantadísima na súa “dorna” chamada A Quenlla.
(Tania): Eu veño dunha formación clásica e académica que desenvolvín primeiro en Lugo, despois en Vigo e finalmente en Bratislava. Neste ámbito colaborei coa Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra de Cámara Galega ou a Orquestra Gaos entre outras. No medio deste periplo comecei a tomar contacto con músicos doutros estilos e achegueime así á música folclórica especialmente. Pertencín ó grupo Kibitka no que nos fusionabamos músicos de diferentes nacionalidades cos ritmos propios da nosa tradición (do leste, latinos e galegos principalmente). Seguindo este vieiro de raíces e centrándome cada vez máis nos sons da nosa terra, entrei a formar parte do grupo Brath durante un par de anos. Finalmente, por felices coincidencias da vida, presentóuseme a oportunidade de coñecer a Mero e ter a honra de ser acollida nesta nova formación da Quenlla, na que, ademais de gozar a nivel musical, non podería desexar ter mellores compañeiros de andanzas.
Que supón persoal e musicalmente para vós serdes protagonistas desta descuberta dun trobador galego practicamente esquecido?
Temos que agradecer os traballos de Xulio Pardo de Neyra e Dulce Fernández que nos achegaron a estes marabillosos textos e que nos permitiron ser a chave que conecte dous tempos e artes: a palabra medieval coa música deste século. Certo é que hai un vínculo que nos une co pasado e é que as emocións plasmadas nestes textos son intemporais. Incluso algunha sorprendeunos gratamente ó non esperar que na lírica desa época puidera haber unha cantiga desa índole; en concreto referímonos a “Amig’avia queixume” que non sendo nin de amor nin de amigo, conforma un diálogo entre home e muller no que é ela a que pon os límites e el o que pide perdón.
Facerlle honra a un legado histórico foi un reto a nivel persoal e musical. Intentamos sempre conxugar ambas tradicións desde o máximo respecto. As reminiscencias medievais musicais vense reflectidos nos modos empregados, os intervalos, os ritmos…
Para nós as dúas, que eramos compañeiras no ámbito educativo, este proxecto supuxo o descubrimento dunha afinidade musical que despois compartiriamos co resto do grupo.
A letra estaba nos cancioneiros, pero a música non. Como fostes resolvendo semellante reto?
Estivemos analizando os textos e aquel de nós que se sentira máis identificado cunha das cantigas tomaba a iniciativa na creación musical. No momento da composición intentamos conectar coa emoción expresada polo autor nesa cantiga e intentar que fluíse a través da música. Despois, esta idea primixenia era levada ao ensaio, compartida e moldeada entre todos e todas ata lograrmos un balance adecuado de todos os aspectos que queriamos desenvolver no tema.
non é fácil abrirse camiño: o traballo e a valía do músico non está debidamente recoñecido
Desde a vosa experiencia persoal, como vedes a música en Galicia? Como vedes a xente nova que aposta por formarse musicalmente? Hai futuro alén da COVID e da crise demográfica?
A calidade musical en Galicia segue crecendo e desde o noso punto de vista a gran velocidade. Hai unha enorme variedade musical que acolle estilos moi diferentes. Os músicos inician a súa formación a idades cada vez máis temperás e isto deriva en que cheguen a idade adulta cunha bagaxe amplísima. De feito hai músicos galegos que están triunfando a nivel internacional como Abraham Cupeiro ou Juan Durán.
Non obstante, aínda non é fácil abrirse camiño neste mundo. Primeiro porque o traballo e a valía do músico non está recoñecido a todos os niveis e é necesario o apoio tanto institucional, como burocrático e económico; e despois porque non hai igualdade de oportunidades para todos e isto non favorece o crecemento e o enriquecemento da cultura na nosa terra.
Sempre hai futuro, ten que habelo independentemente das vicisitudes. Agora tocounos o COVID que, certo é, freou considerablemente a actividade cultural coas cancelacións ou a redución do número de aforo, pero isto é un mal pasaxeiro (iso cremos!); o que comentamos con anterioridade si que para nós é máis preocupante. O mesmo sucede coa crise demográfica, non importa tanto o número de xente senón o interese pola cultura, se é forte, esta manterase.
As dúas estades profesionalmente involucradas no ensino. Cal é a importancia de educar na música os nosos cativos e cativas? Ten algo que ver con quererlle máis e mellor á nosa terra?
Están máis que avalados os beneficios da música nos nenos. Sabemos que nesta materia se traballan simultaneamente varias áreas do cerebro e que favorece a atención, a memoria, a concentración, a fluidez de expresión, estimula a creatividade, reforza a linguaxe, aumenta a sociabilidade, axuda ó desenvolvemento psicomotor e poderiamos seguir enumerando.
a música no ensino crea un vencello especial coa terra
Nós temos a sorte de traballar nun colexio, o colexio Fingoi de Lugo, que cre firmemente na importancia da expresión artística para a formación dos nenos e nenas. No noso colexio a música do noso contorno, da nosa tradición, é a primeira coa que contactan. É un centro educativo que xa desde os seus inicios en 1950, sendo director Carvalho Calero, procurou de coidar, protexer e difundir a nosa cultura. De feito, dentro do currículo do centro está incluído o baile tradicional e os grupos de música tradicional (coa aprendizaxe de gaita e percusión tradicional).
Está claro que así se crea un vencello especial coa terra. Recordamos, por exemplo, cando se xubilou unha cociñeira que levaba media vida no colexio. Como sorpresa despedímola cantando os nenos “A pomba dourada” musicada por Batallán. Tal foi a emoción que experimentaron que os nenos cantaban chorando. Tamén houbo un ano no que polo Día das Letras Galegas, mentres recolliamos, os nenos puxéronse a cantar por iniciativa propia o Himno Galego, posto que aínda que iamos fóra de tempo non concibían pechar o acto doutra maneira.
A Quenlla está identificada cunha música de raíz, comprometida. Sen renunciar a esa identidade, como enganchar coa xente nova e con cousas novas que están aparecendo?
Todo depende de como se lles presente. Por exemplo, Paloma introdúcelles as cantigas medievais explicando que era a maneira de expresar o “crush” da época. Entón, desta maneira, conectan máis con esa música, séntense máis identificados. Moitas veces a clave está en como transmitimos, a linguaxe que utilizas e en facer que participen.