“Vivimos en simbiose coa contorna, nun medio no que todo nos fala”

Antonio Rodríguez Corbal
Antonio Rodríguez Corbal, Toño de Lodoselo. Foto cedida
Antonio Rodríguez Corbal, máis coñecido como o Toño de Lodoselo, é a alma do Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) O Viso. Un centro situado na comarca da Limia no que se traballa polas persoas do rural a través de accións globais de carácter social, educativas, económicas, de formación e de emprego. A súa actividade é realmente impresionante: dende a vivenda comunitaria, o centro de día, o comedor comunitario, o xantar na casa, repartimento de comida, aldea-escola… Nesta entrevista queremos coñecer a filosofía de vida e de traballo de Toño para tratar, a poder ser, de exportala a toda Galicia!

En primeiro lugar gustaríanos saber brevemente quen é o Toño de Lodoselo? Es máis mestre ou máis dinamizador local?
No perfil de whatsapp teño que “eu son nós”. Son unha persoa traballadora, esixente, un militante do medio rural que trato de facer posible o necesario. Agora xa xubilado como mestre de primaria dende hai uns anos, digo que son pastor, labrego, un reserva* e auxiliar para tarefas múltiples no CDR O Viso.

“Facer da veciñanza é un dos nosos sinais de identidade”

En que momento vital decides regresar á túa terra natal de Lodoselo?
Estando en Pinto (Madrid) lin un escrito de Manolo Regal en Encrucillada sobre o Preescolar na casa. E aquilo engaioloume. Logrei contactar con el e puiden pasar uns días daquela Semana Santa en Romariz (Abadín). Alí coñecín a xente que naquel momento conformaba a mesa de redacción de Irimia. Marta e Xosé Lois animáronme a ir onde D. Antonio Gandoy, o cura da bicicleta, levoume o Manolo Regal, e… en setembro de 1985 comecei a traballar no programa contratado por Cáritas. Eu estaba disposto a ir a calquera lugar do país e fíxome ver que o mellor sitio era a miña aldea. Volvín á casa cos meus pais.

No 1990 dás o salto ao CDR O Viso. Máis de 40 anos despois se botas a vista atrás, que logros conseguiches, cal foi a túa gran decepción e que che queda por facer?
O gran salto foi que ese ano aprobei as oposicións!!! Eu nunca tiven relación laboral co CDR. No 1985 constituímonos como Asociación Cultural (O Cruceiro) intentando revitalizar a vida comunitaria nestas aldeas (magosto, entroido… e dobre escola: Barbiana. Milani). E no 1990 demos de alta o CDR O Viso. Máis que logros conseguidos diría que un dos máis importantes é, foi e segue sendo, o de gozar aprendendo, facendo. Nesta liña, a atención sostida, as boas compañas coas que a vida me ten agasallado… O decepcionante é querer e non poder; as inxustizas, as relacións tóxicas, a xente perversa. Quédame por facer… tanto como a vida, a saúde nos permita; gozar se a situación é boa; se é mala, transformala e se non pode ser transformada… transformarme eu. Estou na utopía irrenunciable.

Escenas no Centro de Desenvolvemento Rural (CDR)

Os CDR impulsan o desenvolvemento económico e social nas zonas rurais. Non sería este labor da Administración?
En Preescolar na casa diciamos que os nenos de hoxe non esperan polas solucións de mañá. O máis doado é queixarse. Nas aldeas, polo menos nalgúns e na época que nos tocou vivir, aquí, a administración case non chegaba. Se quixemos ter a auga nas casas, os camiños arranxados… fixémolo nós. Aprendemos que o impulso, a motivación para mellorar as nosas vidas non a iamos delegar. Sería estupendo que o fixera a Administración, si, claro e se chega pronto ese día, xenial!

“Hai que crear novas ruralidades promovendo alianzas entre o o rural e o urbano”

En que medida pensas que é transferible os proxectos do CDR O Viso noutros lugares de Galicia?
O de transferir non me gusta moito. Relaciónoo con colonizar na súa peor acepción… Xa escoitei: “hai que Lodoselizar Galicia!”. Non, por favor. Cada lugar, cada circunstancia, é a que é e as persoas que están nese determinado momento tratarán de facer posible o que lles parece necesario. E claro, temos a sorte de poder ler, coñecer, visitar outras experiencias que nos van servir de referencia. Pero cada proxecto é único e case tan vulnerable como as persoas que o conformamos. Paso a paso, pisando a terra, con humildade, sabendo que hoxe estamos e mañá… quen sabe. Sabemos que os proxectos tamén morren; a outros mátanos. E moitas veces, a maioría, desde dentro.

Cres que proxectos como o do CDR O Viso revitalizan e dignifican a vida das xentes nas aldeas?
Si e non. Depende de cada momento, de cada persoa, de como fagamos o que facemos… Da actitude de servir, acompañar. O empeño é ese. Pero non sempre o conseguimos. Ademais teño a sensación de que o fiel da balanza entre os dereitos e os deberes está desequilibrado e uns non son posibles sen os outros.

Como se está abordando o despoboamento nas zonas rurais de Galicia e que medidas consideras máis efectivas para reverter esta tendencia?
Os nosos pobos xa se poden considerar case despoboados e a nosa especie en perigo de extinción. A nosa contribución vai na procura de crear novas ruralidades e sempre promovendo unha alianza entre o medio rural e o urbano.

avós e nenos

Moitas veces acúsanse os gobernos de facer políticas para o rural dende as cidades. Pode estar aí o problema?
Non o sei. As cidades xa valoran, máis do que o fixeron, o medio rural e no medio rural tamén debemos ser conscientes de que o noso futuro (e o deles tamén) pasa por apoiarnos mutuamente. O contrario é seguirmos a estar na onda dos “parvos polarizados” pero parece que alimentar isto a alguén lle vai moi ben.

“ o decepcionante é querer e non poder; as inxustizas, as relacións tóxicas…”

Tamén temos o caso de xente que vai vivir para o rural pero coa mentalidade da cidade.
Haberá de todo… pero cabemos todas e todos. O desexable será construírmos comunidade, facer da veciñanza —como sempre foi— un dos nosos sinais de identidade. En calquera caso, aprendermos a vivir en harmonía con nós mesmos, cos demais e co medio. Para min a clave é a autonomía vinculada; fronte ao “podo vivir sen ti” (abonda con perseguir a felicidade “bebendo” un refresco!)… estamos, polo menos algunha xente, moita… en que “a vida gústame máis contigo”.

Como lle explicamos á xente de fóra que non hai que atender só a persoa senón tamén as súas terras para que se sintan queridos?
É o concepto mesmo de casa (con todas as pertenzas) que levamos tan dentro a xente do rural. A nosa paisaxe está moi humanizada, vivimos en simbiose coa contorna, nun medio no que todo nos fala. Se alguén nos quere coidar é ben sinxelo: que nos pregunten que son para nós os coidados, como nos sentimos ben coidados. Outra cousa é que nos coiden como a eles lles parece, pero claro iso é outra cousa.

No rural non hai nenos porque non hai escolas ou é ao revés?
Na plataforma rural diciamos iso: Hai poucos nenos, péchanse as escolas; e se abrimos as escolas para que haxa nenos e nenas? Pero por aquí aínda foi peor: estivo de moda promover o peche dos CEIP. para convertelos en residencias para a xente maior e convertéronse moitas escolas en tanatorios! Pero tamén temos experiencias de éxito: casas niño, puntos de atención á infancia, algúns CEIP que reciben nenas e nenos doutros lugares porque se ofrece calidade educativa.

Como se poden involucrar os mozos e as mozas na vida rural e que oportunidades lles hai que ofrecer para que poidan desenvolverse profesionalmente nas súas comunidades?
Terán que reocupar o poder que temos os cidadáns; mesmo rescatar a política do secuestro na que a teñen os que viven dela. E ben seguro que alentados polo seu empeño vital, dunha idade que todo é forza e ilusión van atopar moitos cómplices que os acompañaremos. Coñecemos e admiramos a xente moza transitando este camiño.

Dando para comer a animais

E os maiores? Por exemplo, como é facerse maior na Limia?
En todos os sitios o tempo modélanos; imos axustando o noso ritmo, as nosas condutas aos límites e posibilidades que nos vai marcando o noso corpo e a nosa contorna. “Eu son eu e a miña circunstancia e se non a salvo a ela non me salvo eu” é a frase enteira de Ortega e Gasset da que ordinariamente se elimina esta segunda parte. Queremos coidar as circunstancias porque iso é coidarnos.

Para rematar, cal é a túa visión para o futuro do rural galego?
Ser un referente, reconstruír unha identidade sen medo a manifestar a nosa ética do traballo digno; en calquera actividade laboral pero no que se valorice a agricultura e a gandaría, os alimentos saudables que se producen grazas ao chan, as sementes, o sol, a auga, a xente labrega. Seres vivos que tomamos e damos.

Que mensaxe che gustaría transmitirlles aos habitantes do rural galego e a aqueles que están interesados no seu desenvolvemento?
Que o tempo, que é finito, é vida e a clave é vivilo plenamente.

Máis información www.cdroviso.org