Nerea Queiruga Laranga ten 28 anos, está titulada en educación primaria, con mención en atención á diversidade pola Universidade de Santiago de Compostela, pero, sobre todo, é unha mestra convencida e ilusionada. Entrevistámola no CEIP de Seráns, no Porto do Son, onde actualmente traballa como mestra responsable desta unitaria, cun alumnado que vai desde os 3 aos 7 anos de idade.

Como é a escola onde traballas?
Pois é a escola de Seráns, unha escoliña ao pé do monte Tahúme e coñecida comunmente co nome de “a unitaria”. A escola foi unha casa de tipo tradicional, convertida en colexio alá polo ano 1950. Trátase logo dunha edificación que foi doada pola veciñanza co único fin de que os nenos e nenas desta e doutras aldeas lindeiras tivesen outro futuro ademais do coidado no campo e a axuda na casa. A meirande parte das familias desta parroquia traballan en Ribeira ou no Porto do Son, na industria local ou no sector servizos.

Concordas coa idea de que a oferta educativa que pode facer unha “unitaria” ten importantes vantaxes?
Para o alumnado é un modelo óptimo. É unha educación diferente. Aquí en Seráns traballamos sen libro de texto e apostamos, neste momento, por unha educación vivencial que parte principalmente do coñecemento do alumnado, do que lle resulta coñecido e práctico para posteriormente poder afondar e pescudar cara ao que aínda non sabemos.

A educación é vivencial e experimental, aproveitando todas as oportunidades que nos oferta a contorna.

Incorporamos un enfoque de educación experimental, intentando aproveitar todas as oportunidades que nos oferta a contorna. Poténciase o maior número de situacións de aprendizaxe a través do contacto co noso, co familiar… que sexan os nenos e nenas os que investiguen e tiren as súas conclusións sendo a figura docente quen guíe esa aprendizaxe.

No CEIP de Seráns hai nenos e nenas dende os 3 anos ata os 7 anos de idade. O que pode parecer un escenario de dificultades convértese nunha grande oportunidade de aprendizaxe (o alumnado de maior idade aprende a ser responsable co alumnado máis pequeno e os nenos e nenas de idades máis temperás van aprendendo dos seus compañeiros e compañeiras maiores.

Veríaslle algunha desvantaxe?
A principal sería a soidade á que estás sometida profesionalmente. Es a única persoa que está co alumnado durante toda a xornada escolar, todos os días da semana. Existe un medo, un temor de que pase algo, que precises de axuda e non a atopes. Afortunadamente as familias e a veciñanza prestan axuda sempre e cando se necesita.

Amais diso están todas as conmemoracións e actividades que veñen marcadas polo Decreto, tanto a nivel de educación primaria como de educación infantil, entón todo o traballo burocrático recae nas túas horas de lecer. Nun CEIP grande o traballo está repartido entre os equipos (equipo de actividades complementarias, equipos de dinamizacións…); aquí non, aquí tes que facer todo o traballo nas túas horas persoais porque, as 7 horas e media que veñen marcadas por lei fóra do horario lectivo pero que se deben dedicar ao traballo do centro non chegan para nada.

Unha desvantaxe que se podería “dar” dende fóra sería que as instalacións do centro non son como as dos colexios “normais”: o noso centro, por exemplo, carece de pavillón polideportivo no que facer deporte pero trocámolo por algo mellor, pois podemos gozar facendo exercicio pola nosa aldea (temos monte, temos praia, temos sendeiros..) e respirar aire puro, socializar coa xente. Case se pode dicir que neses pequenos aspectos, saímos gañando.

CEIP Ceráns

Como é a relación coas outras escolas?
Facemos un moi bo equipo. As catro unitarias que hai no concello estamos moi unidas, facemos proxectos e actividades xuntas, realizamos saídas na medida do posible e incluso levamos a cabo plans de formación conxuntos para poder mellorar as dificultades que van aparecendo nas nosas escolas. Tratamos de que a sociedade vexa o importante papel que xogan estes centros, tanto educativa como socialmente. Resulta de vital importancia conservalas. Unha unitaria trae futuro, educación, cultura, dálle vida á aldea pero tamén lembra un pasado.

As catro unitarias do concello estamos moi unidas, facemos proxectos e actividades xuntas, saídas, plans de formación conxuntos

Cal pensas ti que debe ser o obxectivo principal dunha escola infantil?
Pois debería ser dar a recoñecer e respectar o papel do neno ou nena. Darlle o seu espazo e ensinarlle a valoralo, tanto de forma individual como a nivel social. As escolas infantís deben ser para vivenciar, para aprender xogando. Resulta fundamental o papel do xogo, sobre todo o xogo simbólico nestas idades (aumenta a capacidade de aprendizaxe, desenvolve a memoria, potencia a fluidez verbal, enriquece o vocabulario). Moitas veces réstaselle importancia ao xogo, convértese para moitas persoas nunha perda de tempo e incluso se troca por outras actividades cando realmente o xogo é a peza fundamental da infancia.

Que tipo de coñecementos queres transmitir? Como se adquiren coñecementos nestas idades?
Todo e canto se aprenda é bo. O proceso de ensino-aprendizaxe resulta moi fácil nestas idades porque o alumnado é como unha esponxa, queda con todo o que ti lle vas dicindo, para o bo e para o malo; hai que ter moito coidado co que dicimos e co que facemos, tanto sexamos docentes como familia, porque nestes momentos somos o seu espello.

Está claro que os coñecementos curriculares deben existir e téñense que dar pero, persoalmente, considero que se debe facer maior fincapé no proceso psicoevolutivo do alumnado. Traballar as emocións, a autoestima, a valoración dun mesmo, sen esquecer que vivimos nunha sociedade na que é moi importante saber como afectan os noso actos ás demais persoas. Tamén aprender a recoñecer como inflúe o que fagan os demais nun mesmo. Debemos romper cos estereotipos, coñecer de onde vimos para aprender como somos ao tempo que nos damos a oportunidade de poder mudar e mellorar.

Exterior Seráns

Participan as familias?
De maneira positiva. Por mor da pandemia hai situacións que se tiveron que eliminar ou circunstancias que houbo que pospoñer. Malia iso, para o que necesitas, aí están. Tamén é certo que a escola debe estar unida e aberta. Escola e familias deben traballar conxuntamente e a prol dunha educación de calidade. Nunha aldea, nunha unitaria como esta é quizais máis fácil tratar coas familias que nun centro de liña 3 con aulas de 25 nenos/as. O trato aquí é máis familiar, máis aberto e directo. Tampouco se pode pretender poñer as mesmas normas que noutros centros. Para recibir hai que dar.

Son esponxas, quedan con todo, para o bo e para o malo; hai que ter moita conta co que dicimos e facemos

Por que escolliches esta profesión?
Inda no teño moi claro. Non houbo un día concreto no que se me aparecese a idea e vise claro o meu futuro. De feito, nun primeiro momento, comecei estudando xeografía e cambiei de carreira ao segundo ano. Que gran idea aquel día!

Seguramente acabei na educación polos mestres e mestras que fun tendo ao longo da miña etapa educativa. Sempre sentín a escola como un fogar, un lugar para mudar.

Ou quizais tamén fose para intentar dar a miña achega e mudar a educación, cambiar o método, en certo modo por non me acabar de gustar no que se estaba convertendo.

Unha mestura de ambas cousas fixo que rematase aquí.

Tiveches logo experiencias escolares e docente que foron referentes, que che axudaron no teu percorrido laboral…
Teño moi boas lembranzas tanto do colexio onde cursei educación primaria como no instituto onde fixen secundaria e bacharelato. Será que me gustaba o que facía ou será que topei con grandes profesionais do ensino público que me aprenderon a amar esta profesión. O momento máis tortuoso foi o camiño de preparar as oposicións. Ninguén te prepara para iso. Así e todo, ao fin e ao cabo, non saín tan mal parada delas.

Algún desexo para o teu futuro profesional?
Seguir formándome e sempre traballar para mellorar. En educación, como na vida, non podes parar; se non, estáncaste.