Comezou como fotoxornalista na axencia EFE e ten publicado en National Geographic, El País ou La Vanguardia. Impulsou a web “Fotógrafos contra a guerra” e obtivo premios e recoñecementos como o do Certame Luís Ksado e o “Premio amigos da Unesco”. Desde a súa produtora desenvolveu proxectos documentais de denuncia e solidariedade como “A pegada dos avós” premiado nos “Mestre Mateo”. Xosé Abad impulsa a iniciativa ACAMPA e foi unha gozada contar con el na Festa do Lume 2020 de Irimia en Bergondo.

Quen diría Xosé Abad que vén sendo Xosé Abad?
Sempre resulta difícil definirse a un mesmo pero se falamos do que fago no meu oficio, máis aló do medio de vida, eu definiríame como un traballador da imaxe especialmente interesado en encontrar historias coas que interpretar o mundo. E cando logro interpretar o mundo, o que intento é sumar a miña forza á dos milleiros de persoas que teñen necesidade de transformar algúns aspectos que resultan insoportables, especialmente a ausencia dos máis elementais dereitos humanos dunha gran parte do planeta e o retroceso dos dereitos conquistados nos países máis desenvolvidos, e sempre pola mesma causa: a avaricia, o poder e o espolio, exercido por unha minoría capaz de aplicar as peores receitas dun sistema capitalista inhumano e salvaxe.

Son un traballador da imaxe interesado en encontrar historias coas que interpretar o mundo

Tes unha experiencia vital moi rica e diversa: As traxectorias definen as vidas e as persoas. Que feitos foron decisivos para definir a túa traxectoria, as túas decisións vitais, as túas angueiras?
Sen dúbida o feito que máis marcou a miña traxectoria vital foi a loita clandestina contra a ditadura de Franco dende os 17 anos. Sendo tan novo e unha vez que asumes ese compromiso, aprendes a analizar a realidade, e comprendes as causas que provocan as desigualdades, as guerras, a destrución da natureza, a violencia; xa resulta difícil permanecer á marxe. Esa aprendizaxe principal foi completada con moitos proxectos ao longo do tempo no que tiven a oportunidade de coñecer máis a fondo outras culturas, outros movementos de loita e outras xentes comprometidas, das que non deixo de aprender e retroalimentarme. As experiencias máis ricas e máis intensas van deixando fermosas marcas no cerebro, no meu caso sempre van ligadas a movementos de resistencia espallados polo mundo e dos que me gustaría dar conta polo que representan: o movemento Zapatisata en México, a resistencia Saharauí nos campos de Tindouf en Argelia, a loita do pobo indíxena Ashánincas na Selva Central Peruana, a boa xente de Guinea Ecuatorial tratando de sobrevivir no contexto dunha ditadura brutal, o movemento indíxena Guaraní-Kaiowá en Mato Grosso do Sul en Brasil ou o Movemento dos Traballadores Rurais sen Teito e o Movemento Sen Teito Central no Brasil. Isto por citar os que máis me axudaron a comprender que os dereitos e os avances sociais non veñen de serie coa partida de nacemento, conquístanse colectivamente, e se non somos capaces de comprender esta idea tan básica temos pouco futuro como humanidade.

En que estás agora ocupado e preocupado?
Preocupado con nada; ocupado fundamentalmente en tres asuntos: primeiro en axudar a construír Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio; segundo en atender o meu traballo profesional que me paga a casa e a comida e terceiro, en fotografar o que sucede polo mundo adiante sempre que teño ocasión, entendendo a fotografía como unha ponte que me permite achegarme a outras vidas, a outras historias, a outros mundos.

Que che dá, como persoa, estar metido nestes enguedellos? Cal é o balance vital?
A maior satisfacción prodúcese sempre que acadamos pequenas vitorias, sempre que percibes que un esforzo colectivo tan forte como construír Acampa vai sumando novas persoas, novas organizacións, novas cidades. Notar que unha sociedade está viva e que non desfalece ante a magnitude e o poder do inimigo sen rostro que ten diante.

O meu balance vital, como todo balance, ten luces e sombras, pero de todas saquei aprendizaxes importantes para as seguintes etapas. O que máis valoro sempre son as persoas que vas sumando no haber da amizade e toda a sabeduría e forza que queda na memoria colectiva con cada iniciativa que poñemos en marcha.

O caso é lograrmos pequenas conquistas que sumadas logren cambios a favor da humanidade

Que soños, que esperanzas agarimas para a nosa sociedade?
O soño principal, e xa por sacarlle ferro a entrevista, podo dicir que é unha sociedade igualitaria sen inxustizas, pero sobre todo sen reunións, estou farto de reunións de longas horas. Unha sociedade na que a única ocupación de toda a humanidade sexa, a do gozo dunha ocupación estimulante e desexada, do ocio, do amor e da amizade… A ver, postos a soñar…

Temos remedio?
Estou convencido que a maioría si temos remedio, pero hai unha minoría que non o ten nin o terá nunca, e non debemos permitir que esa minoría decida as nosas vidas.

De que che gustaría contaxiar aos lectores e lectoras de Irimia?
As lectoras e lectores de Irimia sodes persoas ben informada e cun compromiso claro, así que máis ben debería de ser eu o contaxiado. En todo caso a idea principal que podemos compartir é a necesidade de sermos capaces de sumar todas as mans, todas as forzas e todas as organizacións, nun espazo de encontro para lograrmos, cando menos, as pequenas conquistas que se poidan sumar a outras pequenas conquistas, coas que lograrmos grandes cambios a favor da humanidade.