“Se non nos abrimos a outras realidades, estamos quedando coxos como pobo vivo”
Que é Égueire?
É unha asociación de cooperación internacional con sé en Mazaricos e que desenvolve proxectos sanitarios, educativos e de promoción económica en Costa de Marfil. Nacemos coa crise, no 2008, e aquí nos mantemos. En www.egueire.org podedes coñecernos mellor e ver o xeito de colaborardes con nós.
A nosa inspiración foi e é a promoción humana partindo da súa propia realidade
Que proxectos estades a realizar?
Neste momento colaboramos no mantemento da Maternidade, que inauguramos hai dous anos, e coa Asociación Amigos do Sorriso, que coida de nenos dos que as nais morren no parto e as familias non se poden encargar da crianza dos bebés polo custo que supón a comida “de farmacia”.
Tamén colaboramos na xestión de nove cooperativas de mulleres postas en marcha con microcréditos. E o ano pasado iniciamos a construción dun centro de agricultura, gandería e acuicultura, pondo en marcha inicialmente a parte agrícola e este ano iniciaremos a parte de gandería.
Que obxectivos pensades acadar con cada proxecto?
Coa maternidade queremos paliar o alto índice de mortes de nais e bebés por problemas ligados ao parto; 16 mulleres morren diariamente por problemas no momento do parto, que realizan maioritariamente nas súas casas. Coa colaboración con Amigos do Sorriso pretendemos evitar que os bebés acaben nos orfanatos. Os bebés coidados pola asociación volven coas súas familias en canto poden comer normalmente a comida habitual no país.
No caso das cooperativas de mulleres pretendemos, por unha banda, aliviar a situación de pobreza nas zonas rurais de Costa de Marfil -nós traballamos na zona sur-. Por outra, tamén consideramos moi importante o empoderamento da muller nunha cultura moi marcadamente patriarcal. E, por último, pretendemos darlles medios ás mulleres e mellorar a vida das familias, posto que elas se preocupan da alimentación, da escolarización e da mellora sanitaria dos fillos.
Respecto da granxa escola, pretendemos seguir o principio de “Non lle deas un peixe, dálle unha cana e ensínao a pescar”. Queremos formar mozas e mozos para que poidan mellorar o xeito de cultivar, a introdución de novos cultivos, a mellora da crianza dos animais etc., de xeito que teñan máis e mellores alimentos e poidan dedicar os excedentes ao comercio. A venda do que se produce na escola vai ser reinvestido na propia escola.
O mesmo poderiamos dicir da piscifactoría. Costa de Marfil ten un gran consumo de peixe, pero escasea fóra das temporadas de pesca. A cría en catividade pode paliar este problema, converterse nunha fonte segura e permanente de peixe, tanto para o autoconsumo como para o mercado.
Como se vos ocorreu facer os proxectos? Houbo algunha inspiración en concreto?
A nosa inspiración foi e é a promoción humana partindo da súa propia realidade.
Non impor proxectos, senón dar curso a proxectos que xorden das comunidades. A maternidade foi solicitada pola xente de Nandibou 2, onde está emprazada e, ademais da idea, doaron o terreo e colaboran no mantemento para que a sintan como algo propio. O mesmo sucedeu coas cooperativas ou coa Asociación Amigos do Sorriso.
No caso concreto da granxa escola, foi tamén a xente da aldea de N’Zida, a través da súa directiva tradicional, que nos pediron este proxecto porque viron que tiña un gran futuro para os seus fillos a promoción e produción de alimentos. Eles doaron o terreo -10 ha- e puxeron nas nosas mans dous mozos, que viñeron formarse aquí durante dous anos.
A vida é relación e intercambio. Falamos de familia humana.
Traballades desde Galicia. Con que motivación?
Boa pregunta. A chegada de Désiré á nosa diocese -actualmente párroco na zona da ría de Cee-Corcubión- levounos a coñecer a realidade do seu país e ese contacto humano levounos ao obxectivo concreto de colaborar con el no desenvolvemento do seu país, Costa de Marfil.
Tentamos facerlle ver á nosa xente que se non nos abrimos a outras realidades humanas e culturais, estamos quedando coxos como pobo vivo. A vida é relación e intercambio. O que nós consideramos básico para o noso desenvolvemento persoal, familiar e social temos que loitar por el para todos os pobos. Falamos de familia humana. Galicia foi e é un pobo que migrou e nós cremos que é mellor facilitar o desenvolvemento dos pobos no seu propio contorno cultural. Non debera haber migración buscando o sustento diario. A realidade de pobo que tivo que migrar débenos levar a ser sensibles e solidarios coa xente máis empobrecida. Vivimos en crise, pero non podemos pechar os ollos a quen está moito peor ca nós.
Cando e como pensades levar a cabo os proxectos futuros?
Dúas liñas de acción: colaborar cos proxectos postos en marcha para que non decaian e crear novos proxectos.
Estaremos centrados na granxa escola por bastante tempo, posto que nos gustaría ir dando pasos ata crear un centro de formación profesional co seu propio internado para os alumnos que non poidan ir e vir a diario das súas casas.
Unha vez posta en marcha a parte de agricultura, gandería e acuicultura teremos que dar pasos de cara a formación en conservación, transformación e distribución do producido.
Deberemos crear infraestruturas para garantir todo isto: edificios, laboratorios, profesorado etc. Temos aquí tarefa para anos.
Como se logra todo isto?
Principalmente contamos coas aportacións dos socios –segue a ser a fonte principal e permite organizar cada ano con anticipación-, imos logrando fondos a través de actividades como a Festa Africana, a Cea Solidaria de Nadal, os mercados de artesanía marfileña etc. Tentamos darnos a coñecer para aumentar o número de socios e captar axudas puntuais dalgunha persoa ou empresa que se interesa polos proxectos e tentamos acceder a subvencións públicas.