Un formidable movemento cidadán, impulsado polos propios colectivos migrantes no conxunto do Estado español converteuse nunha ILP con máis de 700.000 sinaturas recollidas. Despois, quedou esquecida no Congreso dos Deputados durante varios anos. Agora concretouse , por fin, mediante unha reforma do Regulamento de Estranxeiría, para evitar a oposición política da extrema dereita racista e tamén, de forma incrible e con argumentos inverosímiles, por parte dun PP tirado ao monte.
Anunciada en xaneiro, e aínda que tardou algo en concretarse , dende o 16 de abril está a desenvolverse o proceso ata o 30 de xuño. Un atranco inesperado, a inclusión dun informe de vulnerabilidade non previsto, lastrou as primeiras semanas, pero o ritmo de presentación vai bastante áxil, especialmente aquí na Galiza. Estamos con moito traballo, de forma coordenada entre todas nós, pero sobre todo con moita ilusión pola alegría que transmiten as persoas que están, coa documentación, recuperando dereitos básicos e dignificando a súa contribución a nivel económico, pero tamén social, cultural e relixioso na nosa sociedade. Falta aínda por ver se non hai problemas na fase de tramitación, pero esta iniciativa dotará de dereitos a unhas 10.000 persoas en Galicia, máis de medio millón no Estado. Non hai mellor antídoto contra o racismo e os discursos de odio que esta resposta da maior parte da cidadanía e do seu goberno en sintonía.