Rede veciñal de apoio ás persoas migrantes de Santiago de Compostela
QUE É
A rede está formada por persoas de todo tipo que, de maneira informal, se coordinaron para botar unha man ás persoas migrantes que forman parte da nosa sociedade, fomentando a convivencia intercultural e o apoio mutuo.
COMO PARTICIPAR
Cada persoa achega o seu tempo e saberes cando pode e como pode, polo que o nivel de implicación é flexible. Pódese contactar a través do whatsaap ou dos teléfonos no 616871886 (Isa) ou 687 368 314 (Mari Fidalgo). Tamén no correo: redevecinaldeacollida@gmail.com
A rede coordínase a través dunha comunidade en whatsapp e asembleas mensuais. Na comunidade de whatsapp hai un grupo xeral e subgrupos por temáticas. Cada participante da Rede elixe en que subgrupo(se) quere estar. Por aí avísase das distintas necesidades que van xurdindo, a persoa que nese momento pode participar avisa e repártense as tarefas. Os subgrupos son os seguintes:
— Acompañamentos: Facilítase o proceso de integración ao acompañar de maneira puntual a persoas para que poidan facer tarefas sinxelas que moitas veces non necesitarían acompañamento, pero que na realidade o feito de estar en compañía dunha persoa local facilita enormemente o proceso e evita as posibles discriminacións por racismo que tristemente seguen existindo.
Pode ser ir ao banco, a realizar trámites burocráticos coa administración, ao médico, a unha entrevista laboral…
— Vivenda: Axúdase a localizar pisos ou habitacións en alugueiro, visítanse coas persoas que necesitan o aloxamento e axúdaselles a revisar os contratos e ver as necesidades. Tamén se recolle roupa de cama e utensilios de cociña para axudar nese primeiro paso cara á creación dun fogar cando é necesario.
— Traballo: A procura de emprego é algo especialmente complicado para as persoas migrantes, pois aínda tendo toda a documentación en regra e o permiso de traballo activo, hai moita falta de experiencia e desinformación no proceso de contratación por parte das empresas. Normalmente actuamos en colaboración con outras entidades como a Plataforma polo Emprego ou o servizo de Emprego de Cáritas: búscanse empresas que poidan ter demandas de emprego, acompáñase a estas persoas ás súas entrevistas laborais ou apóiase no proceso de contratación brindando información ás empresas.
— Casas amigas: A xente, que lle apetece e ten dispoñibilidade, anótase neste grupo para acoller de maneira puntual en casa un día ou dous a persoas que o poidan necesitar. Habitualmente só se lles brinda aloxamento, dado que para a alimentación úsase o recurso da Cociña Económica.
A través dun chat de whatsapp avísase cando xorde a necesidade e a persoa que pode acoller nese momento confirma a dispoñibilidade. Adoitan ser mozos que quedan fóra dos dispositivos de Protección Internacional e que non contan con praza neste momento nos recursos de acollida da cidade. A acollida en Casas Amigas dáse por tanto ata que queda libre unha praza no albergue ou ata que se pode facer cargo Servizos Sociais ou algunha outra institución. Desde a Rede Veciñal destácase o enriquecedor da devandita convivencia para ambas as partes, creando lazos que nalgúns casos chegaron a ser de amizade ou familiares.
— Transporte: As persoas que teñen coche tamén poden axudar en transportes puntuais cando por exemplo hai entrevistas laborais fóra da cidade en sitios onde non hai transporte público, como granxas agrarias, ou cando é necesario trasladar moita equipaxe.
COMO XURDIU
En outubro de 2024 varias persoas de Santiago e doutras localidades galegas comezaron de forma espontánea e solidaria, por tanto sen coñecerse, a botar unha man a algúns dos mozos migrantes que quedaban na rúa ao recibir denegación da súa solicitude de Asilo e Protección Internacional. Os recursos de acollida temporal para aloxar a persoas migrantes das ONGs como Rescate carecían de redes suficientes de apoio no territorio e, a pesar de que a maioría dos mozos marchaban das localidades ou tiñan xa traballo e aloxamento, algúns quedaron en situación de total desamparo por non ter activado aínda o seu permiso de traballo ou por estar realizando algún curso de formación na cidade sen dispoñer de aloxamento.
“Na Rede Viciñal de Santiago, as persoas autóctonas toman acción para cambiar esas dinámicas inxustas e para defender os dereitos das súas veciñas e veciños migrados”
A solidaria resposta da xente de Santiago fixo que de maneira natural se fosen creando conexións entre as persoas que acollían a estes mozos de maneira temporal nas súas casas, acompañábanos a Servizos Sociais, ao Albergue de Xoán XXIII ou a outras institucións. Moitos deles comezaron a ser atendidos pola Plataforma polo Emprego, e outros recursos, a nivel de apoio laboral. Aos poucos a rede foi crecendo e coordinouse co sistema de acollida da cidade xa establecido con anterioridade , tanto coa parte municipal a través de Servizos Sociais, e especialmente a través do Servizo de Mediación Intercultural da Unidade de Atención ás Migracións (UAMI) que supuxo un impulso á Rede organizando actividades de encontro e formativas, ademais dos acompañamentos directos.
Tamén fomos coordinándonos con espazos como o Foro Galego de Inmigración ou con entidades como a Cruz Vermella e outras ( como Médicos do Mundo, AMIGA, Arraianas…), así como con Cáritas e o Albergue de Xoán XXIII do Convento de San Francisco.
ACTUALIDADE
A Rede Veciñal segue avanzando mostrando o marabilloso resultado da convivencia intercultural, o enriquecedor que é para todas as persoas que participan e o satisfactorio que é o apoiarse mutuamente. Tamén supón un espazo de toma de conciencia sobre as inxustas políticas migratorias, as discriminacións diarias e o racismo institucional e sobre a importancia de que as persoas autóctonas tomen acción para cambiar esas dinámicas inxustas e para defender os dereitos das súas veciñas e veciños migrados.
Ademais das cousas que xorden por necesidade, tamén se fomenta a realización de actividades puntuais de convivencia , organizando eventos festivos, culturais e deportivos. Estas iniciativas supoñen un espazo para o coñecemento mutuo e para o fortalecemento das redes comunitarias de convivencia, funcionamento como estratexia de prevención e de resistencia contra os discursos de odio e condutas racistas.
Desde o colectivo comentan que o éxito destes pequenos encontros iniciais anima á organización de máis actividades no futuro, e destacan que, pese ao pouco tempo que a maioría da xente ten dispoñible, canta máis xente participa máis se reparte a carga a nivel individual das posibles tarefas facilitando a interacción e axilizando as solucións.
Tamén destacamos o valor desta iniciativa, pioneira no territorio galego, como experiencia de autoorganización e traballo comunitario para poñerlle freo e contrarrestar os discursos de odio, promover concienciación e sensibilización social sobre o funcionamento das políticas migratorias e o racismo institucional e para nutrir lazos de convivencia intercultural enriquecedores.