Soledad Lucero, fundadora e representante da Asociación Movilidad Humana, da zona de Ferrol, que se está a estender a outras zonas de Galicia. É unha das máis destacadas militantes antirracista e feminista de Galicia, símbolo tamén da defensa dos dereitos das persoas migrantes na nosa Terra. Entre os moitos enredos nos que se move, á parte da Regularización e do intenso traballo que lle está a dar estes meses, salientamos a súa participación na Rede Estatal Padrón por Dereito:

Por que é tan importante o empadroamento para as persoas migrantes? Como e para que xorde esta Rede?
O empadroamento é moito máis ca un papel. É o mínimo recoñecemento de que existimos neste territorio. Sen padrón, o sistema expúlsate, invisibilízate e négache dereitos básicos. E isto non é casualidade, é parte dunha lóxica estrutural que decide quen conta e quen non.

“Seguiremos organizándonos, facendo rede e alzando a voz, porque a dignidade non se negocia”

A Rede Estatal Padrón por Dereito xorde porque estamos fartas de ver como un dereito recoñecido por lei se converte nun privilexio ao que non todas poden acceder. Xorde desde os territorios, desde as organizacións e desde as propias persoas migrantes que vivimos estas violencias administrativas. É unha resposta colectiva fronte a un sistema que, moitas veces, funciona como unha fronteira máis.

Cal é a vosa participación na mesma e en que momento se atopa?
Desde Movilidad Humana levamos a realidade crúa que vivimos no día a día. Non falamos desde despachos, falamos desde corpos atravesados pola migración, polo racismo e pola precariedade.

Estamos nun momento de moita incidencia, pero tamén de moita tensión. Porque cando sinalas as violencias institucionais, incomodas. E nós vimos a incomodar, a cuestionar e a transformar.

A Rede está medrando, articulándose e facendo algo fundamental: politizar o padrón. Porque o padrón non é neutro, é unha ferramenta de poder.

Como valoras a Regularización na que estamos inmersos?
A regularización é unha demanda histórica do movemento migrante, pero tamén temos que dicir as cousas claras: non pode ser unha medida que deixe fóra ás persoas máis precarizadas.

Se o acceso ao padrón segue bloqueado, se se esixen requisitos afastados da realidade das persoas migrantes, entón estamos reproducindo exclusión baixo unha capa de “oportunidade”.

As persoas migrantes levamos anos sostendo esta sociedade —nos coidados, na limpeza, na hostalaría—, e facémolo en condicións de desigualdade. Esta regularización ten que ser unha reparación, non un novo filtro.

Movilidad Humana é tamén un exemplo da participación das persoas migrantes, especialmente das mulleres. Cales son os retos agora?
O reto é romper coa mirada asistencialista e colonial que nos coloca sempre como suxeitas pasivas. Nós non somos “as que reciben”, somos as que organizamos, as que propoñemos, as que lideramos.

As mulleres migrantes sostemos a vida en todos os sentidos, pero seguimos sendo invisibilizadas nos espazos de poder. E iso tamén é violencia.

Outro reto é o tempo e as condicións materiais: como participas cando traballas como interna, cando non tes dereitos laborais, cando o teu tempo non che pertence?

Aínda así, seguimos creando comunidade, xerando liderados e demostrando que sen nós non hai sociedade que se sosteña.

Existe un racismo estrutural? Como loitar contra el?
O racismo estrutural non só existe, senón que organiza a sociedade. Decide quen accede a dereitos, quen é sospeitosa, quen pode falar e quen ten que calar.

Está nas leis de estranxeiría, nos obstáculos administrativos, nos discursos que nos criminalizan e tamén nos silencios.

Loitar contra o racismo implica ir á raíz, cuestionar o sistema que o sostén. Non abonda con campañas simbólicas. Necesitamos políticas públicas valentes, redistribución de poder e, sobre todo, escoitar ás persoas migrantes non como testemuñas, senón como suxeitos políticos.

Ser antirracista é posicionarse. É incomodarse. É actuar.

Algunha outra cuestión que queiras transmitir?
Si. Que estamos cansadas de ser vistas como man de obra barata ou como problema social.

As persoas migrantes somos suxeitos de dereitos, somos comunidade, somos coñecemento, somos vida.

E tamén quero dicir algo claro: sen xustiza racial non hai democracia real.

Seguiremos organizándonos, facendo rede e alzando a voz, porque a dignidade non se negocia.

Ata que a dignidade se faga costume.