Presentamos catro voces sobre o asunto que traemos ao editorial deste número de Irimia. A sinodaliedade, palabra da xerga eclesiástica que non se entende moi ben a pé de rúa, vén sendo a participación activa e inclusiva das bases na toma de decisións e na definición do rumbo a seguir. A reforma de Francisco formúlase desde as alturas. El ten unha estratexia que é facer que a voz da xente de abaixo se escoite. Moitos interrogantes se suscitan. A pirámide é sólida.

Como percibes e como te sitúas en relación á chamada do papa Francisco para participar nunha consulta aberta sobre a sinodalidade na Igrexa?

Bea Pérez

Bea Pérez

Onde está a Vida, onde están as comunidades?

A vida pasa paseniño, pero pasa…

Pásame unha cousa moi curiosa, vou ás xuntanzas e a impresión que teño é que pasaron 20 anos eque volvo ao mesmo lugar coas mesmas preguntas, e que a vida pasou por min, pasou por nós, pero non pasou pola Igrexa.

Teño unha profunda tristeza porque as ventás, as portas dos nosos templos, da nosa casa común deberían estar abertas e deixar que entrara a Luz, e sobre todo a Vida.

Teño moi presente que esta é unha situación nova, única e que esta podería ser unha boa oportunidade de traballo, de escoita e de comunidade. Mais onde están as comunidades? Onde está todo o pobo de Deus? Durante moito tempo, demasiado, moitas e moitos de nós, sentímonos sen ser acollidos, xulgadas e xulgados por unha igrexa na que o número e a moral ditou sentenza. Onde queda a acollida? Onde queda a radicalidade do amor? Onde queda a comunidade viva?

Penso que a pregunta fundamental é que facemos e que queremos facer? Porque seguramente a pregunta debería ser para todas as persoas que cren, que senten e que seguen a pensar nunha Igrexa diferente, máis estas non están e deberían ser acollidas e preguntadas.

Seguramente os tempos son chegados para pechar os templos e abrir os que en realidade importan, o de cada persoa que se sente excluída e que non ten voz.

Christina Moreira

Christina Moreira

Cartas marcadas

O sistema eclesial institucional é un sistema feudal, unha anomalía nun mundo civil maiormente afeito á democracia, polo menos en grao de tentativa; un sistema que precisa con urxencia de ser reformado fondamente para atallar graves danos como a exclusión de máis da metade dos membros afiliados (mulleres, LGBTIQ, divorciad.a.os, volt.a.os a casar, rebeldes consecuentes dos seus dereitos de batizada.o.s) e danos máis graves padecidos por crianzas e adultas violadas e abusadas nas catro esquinas da cristiandade. En troques, estes señores (no senso medieval) estannos a querer entreter, a regalarnos uns cantos elos máis de cadea para ternos contentas e ocupadas. Veñen con preguntas feitas, atravesadas -están as cartas marcadas-, sabendo que as respostas pasarán aos bispos, escollidos a dedo todos eles, que transmitirán… se lles peta e o que lles pete (liches ben).

Vaia a miña admiración e agarimo para as boas e xenerosas persoas que participan. Só pido respecto por nós, pobo valente de Deus. Abofé que seremos quen de remitir respostas valiosas. Se non nos fan caso falaremos con aquel Señor, o Único, que quixera, e non deixou de querer, acubillarnos “como unha galiña aos seus pitiños”, de “sepulcros branqueados” e de “ fariseos hipócritas”. Non quedará así!

Asina, Christina, en rebeldía.

Manuel Regal Ledo

Manuel Regal Ledo

Igrexa pola sinodalidade, máis ca un accidente, unha identidade.

Atráeme a proposta do Papa Francisco para que fagamos un exercicio de mirar xuntos/as como nos vai iso de andarmos xuntos/as (sinodalidade). Gústame ver que o que se pretende non é algo puntual, pasaxeiro, senón que o anuncia o Papa coma un trazo da identidade do conxunto da Igrexa para o presente século, coma un reto a conseguir. Estamos ante algo básico, sen o cal non seriamos comunidade cristiá, non seriamos Igrexa de Xesús.

Emporiso, vainos moito iso de xuntarnos, analizar, debater, concluír, facer comunicados etc., e quedarmos no seo da manta, sen modificar a vida das comunidades. Non sei por que o modelo xerárquico, clerical, se impuxo desde o primeiro sobre o modelo irmandiño, a pesar do mandato expreso de Xesús de sermos irmás/irmáns para o servizo, non para o poder (cfr. Mt 23, 8-12).

Gústame a invitación a que revisemos moi especialmente se a xente máis fráxil, marxinal, é realmente a nosa compañeira de viaxe. E entre nós, na Igrexa, a muller é un grupo marxinal en moitos aspectos. E á hora de analizar todo isto, gústame tamén saberme compañeiro de camiño de calquera ser humano, do xénero, raza, cor, fe, país, procedencia que sexa. A Casa Común ao completo, non só a Igrexa, é o noso lugar de vida e de camiñada.

Elvira Santos Pena

Elvira Santos Pena

O Sínodo é un camiño

O Papa Francisco, convocounos a todos, mulleres e homes, laicos, relixiosas, curas. Os e as de dentro, as de fronteira, os arredados e tamén aos que se senten alleos á institución, pero que sería bo que expresasen como esperan que sexa esta Igrexa nosa na actualidade e no futuro.

Sorprende moito esta chamada tan aberta e tan novidosa. Francisco está apostando por unha clara e profunda renovación da nosa Igrexa, nalgúns temas aínda timidamente. Será que non pode ou non convén facelo doutra maneira. Agora dá un paso adiante, importante, que é a convocatoria do Sínodo.

Este é o Sínodo da Sinodalidade. Un proceso de reflexión que nos vai axudar a todos e a todas, pobo de Deus, a seguir un camiño de crecemento, e de descubrimento de como avanzar eficaz e axeitamente na realización da nosa misión.

Se se nos pide reflexión, reflexionemos. Se se nos pregunta, a nosa responsabilidade é contestar. Contestar con liberdade, con valentía, con sinceridade e con paz.

É o momento de achegar, de propoñer e de aprender de todo o bo que nos trae o camiñar xuntos.

O Papa Francisco precisará moito apoio para levar a cabo as reformas tan profundas que esta Igrexa precisa. O mellor apoio será que coñeza de primeira man, o que pensamos, o que propoñemos e o que esperamos. Ninguén ten a palabra por nós.