Benqueridos amigos:
Con frecuencia lémbrome dos nosos encontros: dous no Vaticano e un en Santa Cruz de la Sierra e confésolles que esta “memoria” me fai moito ben, achégame a vostedes, faime repensar en tantos diálogos durante eses encontros e en tantas ilusións que naceron e medraron alí e moitas delas se fixeron realidade. Agora, no medio desta pandemia, vólvoos recordar de modo especial e quero estar cerca de vostedes.
Vostedes son para min verdadeiros poetas sociais
Nestes días de tanta anguria e dificultade, moitos téñense referido á pandemia que sufrimos con metáforas bélicas. Se a loita contra o COVID é unha guerra, vostedes son un verdadeiro exército invisible que loita nas máis perigosas trincheiras. Un exército sen máis arma que a solidariedade, a esperanza e o sentido da comunidade que reverdece nestes días nos que ninguén se salva só. Vostedes son para min, como lles dixen nos nosos encontros, verdadeiros poetas sociais que, desde as periferias esquecidas, crean solucións dignas para os problemas máis agudos da xente excluída.
Sei que moitas veces non se lles recoñece como é debido porque para este sistema son verdadeiramente invisibles. Ás periferias non chegan as solucións do mercado e escasea a presenza protectora do Estado. Tampouco vostedes teñen os recursos para realizar a súa función. Míraselles con desconfianza por superar a mera filantropía a través da organización comunitaria ou reclamar os seus dereitos no canto de quedaren resignados agardando a ver se cae algunha faragulla dos que posúen o poder económico. Moitas veces mastigan liortas e impotencia ao ver as desigualdades que persisten mesmo en momentos onde se acaban todas as escusas para soster privilexios. Emporiso, non se pechan na queixa: arremánganse e seguen a traballar polas súas familias, polos seus barrios, polo ben común. Esta actitude de vostedes axúdame, cuestióname e ensíname moito.
O Papa con representantes dos movementos populares no III Encontro Mundial celebrado en Roma no ano 2016
Penso nas persoas, sobre todo mulleres, que multiplican o pan nos comedores comunitarios cociñando con dúas cebolas e un paquete de arroz un delicioso guiso para centos de nenos, penso nos enfermos, penso nos anciáns. Nunca aparecen nos grandes medios. Tampouco os campesiños e agricultores familiares que seguen labrando para produciren alimentos sans sen destruíren a natureza, sen acaparalos nin especular coa necesidade do pobo. Quero que saiban que o noso Pai celestial míraos, valóraos, recoñéceos e fortaléceos na súa opción.
Que difícil é quedar na casa para quen vive nunha pequena vivenda precaria ou que directamente carece de teito! Que difícil é para os emigrantes, as persoas privadas de liberdade ou para aqueles que realizan un proceso de curación por adicción. Vostedes están aí, poñendo o corpo onda eles, para faceren as cousas menos difíciles, menos dolorosas. Doulles os meus parabéns e agradecemento de corazón. Espero que os gobernos comprendan que os paradigmas tecnocráticos (sexan estadocéntricos, sexan mercadocéntricos) non son abondo para abordar esta crise nin os outros grandes problemas da humanidade. Agora máis ca nunca, son as persoas, as comunidades, os pobos os que deben estar no centro, unidos para curar, coidar, compartir.
Quero que saiban que o noso Pai celestial míraos, valóraos, recoñéceos e fortaléceos na súa opción
Sei que vostedes foron excluídos dos beneficios da globalización. Non gozan deses praceres superficiais que anestesian tantas conciencias. A pesar diso, sempre teñen que sufrir os seus danos. Os males que a todos feren, a vostedes golpéanos dobremente. Moitos de vostedes viven o día a día sen ningún tipo de garantías legais que os protexa. Os vendedores ambulantes, os recicladores, os feirantes, os pequenos agricultores, os construtores, os costureiros, os que realizan distintas tarefas de coidado. Vostedes, traballadores informais, independentes ou da economía popular, non teñen un salario estable para resistir este momento… e as corentenas fánselles insoportables. Quizais sexa tempo de pensar nun salario universal que recoñeza e dignifique as nobres e insubstituíbles tarefas que realizan; capaz de garantir e facer realidade esta consigna tan humana e tan cristiá: ningún traballador sen dereitos.
Tamén quixera invitalos a pensar no “despois”, porque esta tormenta vai terminar e as súas graves consecuencias xa se senten. Vostedes non son uns improvisados, teñen a cultura, a metodoloxía, pero principalmente a sabedoría que se amasa co lévedo de sentir a dor do outro como propio. Quero que pensemos no proxecto de desenvolvemento humano integral que anhelamos, centrado no protagonismo dos Pobos en toda a súa diversidade e o acceso universal a esas tres T que vostedes defenden: terra, teito e traballo. Espero que este momento de perigo nos saque do piloto automático, sacuda as nosas conciencias durmidas e permita unha conversión humanista e ecolóxica que termine coa idolatría do diñeiro e poña a dignidade e a vida no centro. A nosa civilización, tan competitiva e individualista, cos seus ritmos frenéticos de produción e consumo, os seus luxos excesivos e ganancias desmedidas para poucos necesita facer un cambio, repensarse, rexenerarse. Vostedes son construtores indispensables deste cambio inadiable; é máis, vostedes posúen unha voz autorizada para testemuñar que isto é posible. Vostedes saben de crises e privacións… que con pudor, dignidade, compromiso, esforzo e solidariedade conseguen transformar en promesa de vida para as súas familias e comunidades.
Sigan coa súa loita e cóidense coma irmáns. Rezo por vostedes, rezo con vostedes e quero pedirlle ao noso Pai Deus que os bendiga, os colme do seu amor e os defenda no camiño dándolles esa forza que nos mantén en pé e non defrauda: a esperanza. Por favor, recen por min, que tamén o necesito.
Fraternalmente, Cidade do Vaticano, 12 de abril do 2020, domingo de Pascua.