
© Foto: puntoedu.pucp.edu.pe
As palabras que convenceron os cardeais foron sinxelas, pero profundas: a razón de ser da Igrexa consiste en saír de si cara ás periferias do mundo para levar a mensaxe de Xesucristo a quen máis o necesita. A Igrexa engordou, preocupouse moito de si mesma, “mundanizouse”. Debe erguerse, poñerse en camiño e enfraquecerse. Debe evanxelizar, desgastarse e correr riscos.
O futuro da Igrexa está hoxe, máis ca nunca, sobre a mesa
Tamén hoxe o mundo arde. Por iso Francisco quere que a Igrexa alce a voz polos inmigrantes afogados nos mares. Polos perseguidos nas guerras e os marxinados nas cidades. Polos esquecidos nos cárceres. Polas secuestradas pola trata. Polos nenos vendidos e escravizados. Por iso debe abrir as portas aos homosexuais, ás mulleres, ás persoas divorciadas que volveron casar. A Igrexa debe ser máis un hospital de campaña ca unha clínica de potentados, unha axuda samaritana máis ca unha aduana relixiosa. Ten que denunciar as agresións contra o equilibrio ambiental da casa común, porque detrás da crise climática hai unha crise antropolóxica.
A fe cristiá non é só un credo teórico, senón que ten consecuencias ecolóxicas, políticas e económicas. Porque hai unha economía que mata. Unha cultura do descarte que usa os seres humanos como kleenex. Por iso Francisco insiste en que necesitamos unha cultura do encontro, da fraternidade e da xustiza. Os políticos non deben alzar muros, senón construír pontes, porque non hai nada menos cristián que, alzando a Biblia, utilizar o nome de Deus mentres se pisan os dereitos humanos dos que menos teñen e máis axuda necesitan. Non se pode criminalizar e expulsar todos os inmigrantes. Hai que acollelos, protexelos, promovelos e integralos. Son irmáns, non inimigos.

© Foto: revistasic.org
Francisco converteuse na única voz mundial
Guste ou non, Francisco, cos seus acertos e os seus fallos, converteuse na única voz mundial que, fronte a Trump, Putin ou Xi Jinping, propón unha orde global distinta ao imperativo belicista que nos obriga a armarnos até os dentes. E non porque non sexa realista —pois foi el quen dixo que xa estamos a vivir a 3ª Guerra Mundial, só que en anacos—, senón porque ten esperanza, porque é un home de fe. Francisco ten fe no futuro da humanidade, porque cre no Deus de Xesús de Nazaret, porque cre na mensaxe do seu Reino e por iso aposta pola paz, a xustiza e o diálogo.
Nunca foi doado loitar contra o lume. Os incendios non só matan queimando, senón sobre todo intoxicando. É así como os pirómanos de hoxe queren asfixiar o pontificado de Francisco. Con mentiras, con bulos, con rumores interesados que todo o confunden, nas redes e nos medios, cara a dentro e cara a fóra. Chamáronlle populista, comunista, peronista e ata herexe. E non só políticos inimigos, senón tamén bispos e cardeais.

© Foto – Pablo Carro.
Enténdese que a moitos mozos e a moitas mulleres —tamén ás católicas— lles pareza insuficiente. É pouco o que ata agora cambiou para elas. Aínda queda moito por facer. A reforma está en cueiros.
Veremos se o próximo conclave —que oxalá aínda tarde moito en reunirse— decide continuar a obra ou di que xa está ben, que onde imos parar. Porque todo pode pasar. Porque hai moita nostalxia de tempos pasados de ordeno e mando. Porque hai bispos e cardeais que ou non se acordan ou non se queren acordar da corrupción, os escándalos e os lumes que nos trouxeron ata aquí. Pero hai outros que si. Hai outros que teñen mellor memoria, porque o incendio é recente e aínda fumea.
Sexa como for, o futuro da Igrexa, cun Papa que nestes días non respira ben, está hoxe, máis ca nunca, sobre a mesa. O alento do Espírito Santo dirá.