A elección do nome
“Na elección tiña onda min ao arcebispo emérito de S. Paulo, o cardeal Hummes; un grande amigo…Cando os votos chegaron aos dous terzos veu o aplauso por me escoller Papa. El abrazoume e bicoume e dixo: “non te esquezas dos pobres”. Esa palabra entrou aquí, no corazón, os pobres, os pobres. Deseguido pensei en Francisco de Asís, pensei nas guerras e Francisco é o home da paz. O home que ama e custodia a creación…o home que nos da este espírito de paz, o home pobre. Como querería unha igrexa pobre e para os pobres!
(Aula Paulo VI, Marzo de 2013)
Sobre a homosexualidade
“Se unha persoa é homosexual , busca ao Señor e ten boa vontade, quen son para xulgala?“
(Xullo de 2013, volvendo da XMX en Río de Xaneiro)
O drama no Mediterráneo
“Con dor e vergonza hai que dicir que desde comezo de ano van preto de 2.000 homes, mulleres e nenos que morreron neste mar intentando chegar a Europa. É unha ferida aberta da nosa humanidade…alento os esforzos de todos os que traballan para evitar os naufraxios e rescatar aos inmigrantes”.
(8 de xullo de 2013, antes da viaxe a Lampedusa).
Igrexa aberta
“Na igrexa, non sobra ninguén. Ninguén está de mais. Hai espazo para todos. Tal como somos. Todos. É algo que Xesús di con claridade. Cando manda aos apóstolos a chamar para o banquete dese señor que o tiña preparado:-“Vaian e traian a todos”, mozos e vellos, sans e doentes, xustos e pecadores. Todos, todos, todos! Na Igrexa hai lugar para todos.
(Xornada da Mocidade en Lisboa 2023)
A memoria
“É doado caer na tentación de pasar páxina dicindo que hai moito que sucedeu e que hai que mirar cara adiante. Non, por Deus! Endexamais se avanza sen memoria, non se evoluciona sen unha memoria íntegra e luminosa. Hai que manter vivo o lume da conciencia colectiva, testemuñando ás xeracións vindeiras o horror que se viviu.”
(Fratelli Tutti-2020)

A globalización da indiferenza
“Ante a globalización da indiferenza, que nos volve a todos seres -innominados- responsables sen nome e sen rostro, sen memoria da nosa propia historia e do noso destino, ante un medo que nos volve tolos, resoa sempre a pregunta de Deus a Caín: “Onde está o teu irmán? O sangue do teu irmán berra por min desde o chan”.
(Esperanza, autobiografía 2025)
Pena de morte
“Todos os cristiáns e as xentes de boa vontade están chamados a loitar non só pola abolición da pena de morte, sexa legal ou ilegal, e en todas as súas formas, senón co fin de mellorar as condicións das prisións, no respecto da dignidade humana das persoas privadas de liberdade…a cadea perpetua é unha pena de morte oculta”
(Fratelli Tutti)
Primarear
“A Igrexa en saída é a comunidade de discípulos misioneiros que primarean, que se involucran, que acompañan, que frutifican e festexan. Seguindo ao Señor a comunidade sabe adiantarse, tomar a iniciativa sen medo, saír ao encontro, buscar aos afastados e chegar as encrucilladas dos camiños a convidar aos excluídos…Atrevámonos a primerear!
(Evangelii Gaudium 2013)
Alegría
“O mal humor non é un signo de santidade:`Afasta do teu corazón a tristura(Qo 11,10). Recibimos tanto do Señor, para que o gocemos, que as veces a tristura ten que ver coa ingratitude, con estar tan pechado en si mesmo que un vólvese incapaz de recoñecer os agasallos de Deus”
(Gaudete et Exultate 2018)

Divorciados
“O camiño da Igrexa é sempre o camiño de Xesús, o da misericordia e a integración…O camiño da Igrexa é o de non condenar a ninguén para sempre e difundir a misericordia de Deus a todas as persoas que o pidan con corazón sincero. Hai que evitar os xuízos que non teñen en conta a complexidade das diversas situacións e estarmos atentos ao modo no que as persoas viven e sofren a causa da súa condición. Trátase de integrar a todos, de axudar a cada un a atopar a súa propia maneira de participar na comunidade eclesial…ninguén pode ser condenado para sempre, non é a lóxica do Evanxeo. En certos casos os sacramentos poderían ser unha axuda. Por iso recordo aos sacerdotes que o confesionario non debe ser unha sala de tortura senón o lugar da misericordia de Deus. A Eucaristía non é un premio para os perfectos senón un xeneroso remedio e alimento para os febles”
(Amores Laetitia,2016)
Paz
“Debemos desarmar as palabras, para desarmar as mentes e desarmar a Terra…Mentres que a guerra só devasta comunidades e o medio ambiente, sen ofrecer solucións aos conflitos, a diplomacia e as organizacións internacionais precisan sangue novo e credibilidade. As relixións poden recorrer á espiritualidade dos pobos para reavivar o desexo de fraternidade e xustiza, a esperanza da paz. Todo isto esixe compromiso, traballo, silencio, palabras. Sintámonos unidos neste esforzo.”
(Carta desde o Hospital Gemelli, febreiro de 2025)
Sentido e superficialidade
“Cando nos asalta a tentación de navegar pola superficie, de vivir correndo sen saber finalmente para qué, de convertérmonos en consumistas insaciables e escravizados polas engrenaxes dun mercado ao que non lle interesa o sentido da nosa existencia, precisamos recuperar a importancia do corazón”
(Dilexit Nos 2024)