Inmigrantes

A historia ensínanos que a achega dos migrantes e refuxiados foi fundamental para o crecemento social e económico das nosas sociedades e ségueno a ser hoxe en día.

(Xornada Mundial dos Migrantes e Refuxiados 2022)

Trump

Unha persoa que, en vez de construír pontes, pensa en construír muros —calquera muro— non é cristiá. Non é o Evanxeo. Non é cristiá.

(México 2016)

A trata

A trata de seres humanos é unha das manifestacións máis dramáticas da mercantilización do outro. Constitúe unha chaga no corpo da humanidade contemporánea… A trata desfigura a humanidade da vítima, ofendendo a súa liberdade e a súa dignidade. Pero tamén deshumaniza os culpables, negándolles o acceso a unha “vida en abundancia”. A trata constitúe unha violación inxustificable da liberdade e da dignidade das vítimas, polo que debe considerarse un crime contra a humanidade. Sen dubidar.

(Conferencia Internacional sobre a Trata de Persoas. 2019)

O clericalismo

É un dos males da Igrexa. Pero un mal cómplice, pois os curas teñen a tentación de clericalizar os leigos. Moitos leigos piden ser clericalizados. Isto é un pecado a dúas mans e debemos vencer esta tentación. O leigo debe ser leigo, ten a forza que vén do seu bautismo. Para min, o clericalismo impide o crecemento do leigo.

(2014, comentando Evangelii Gaudium*)

O clericalismo é un látego, unha zoupada; é unha forma de mundanidade que emporca e fere o rostro da esposa do Señor, escraviza o santo pobo de Deus.

(Discurso á Asemblea Xeral do Sínodo. 2023)

Humor e alegría

Endexamais perdades a alegría e o sentido do humor! Cando un cristián, e aínda máis unha monxa, un frade, un cura, perden o sentido do humor, avinágranse e é tan triste ver cregos e monxas avinagrados… Están conservados en vinagre!

Hai que estar sempre co sorriso e o bo humor. Un santo triste é un triste santo. Tede o sorriso que vén do corazón, que non finxe, que sempre está cheo.

(Audiencia, novembro 2024)

Papa Francisco I

Advertencia aos que se queixan

Hai que ter sempre o corazón nas necesidades dos demais. Sabedes que hai xente que non ten traballo? Cando vos queixedes de que tedes moito traballo, pensade en quen non o ten. Hai xente que non pode pagar o alugueiro e van ser desafiuzados. Cando entredes nos vosos conventos e reitorais, pensade que as tedes de balde. Cando nos días de neve ou chuvia esteades ben abrigadiños… pensade que hai xente que dorme ao aire libre, debaixo de calquera cousa.

(2024, Reflexión con motivo da DANA en Valencia)

Riqueza

Non serve de moito a riqueza nos petos cando hai pobreza no corazón.

Endexamais vin un camión de mudanzas tras dun cortexo fúnebre, xamais. Porén, existe un tesouro que ninguén pode roubar, e non son os aforros, senón o que demos polos demais.

imperdíbel

Globalización, mercado e identidades dependentes

“Abrirse ao mundo” é unha expresión que hoxe foi cooptada pola economía e as finanzas. Refírese exclusivamente á apertura aos intereses estranxeiros ou á liberdade dos poderes económicos para investir sen trabas nin complicacións en todos os países. Os conflitos locais e o desinterese polo ben común son instrumentalizados pola economía global para impoñer un modelo cultural único. Esta cultura unifica o mundo, pero divide as persoas e as nacións,porque «a sociedade cada vez máis globalizada fainos máis próximos, pero non máis irmáns». Estamos máis sós ca nunca neste mundo masificado que fai prevalecer os intereses individuais e debilita a dimensión comunitaria da existencia. Hai máis ben mercados, onde as persoas cumpren roles de consumidores ou de espectadores. O avance desta globalización favorece normalmente a identidade dos máis fortes, que se protexen a si mesmos, pero procura licuar as identidades das rexións máis febles e pobres, facéndoas máis vulnerables e dependentes. Deste xeito, a política vólvese cada vez máis fráxil fronte aos poderes económicos transnacionais, que aplican o “divide e reinarás”.

(Carta Encíclica Fratelli tutti. 2020)