Carta de Ana Vila a Ernesto Cardenal
No mes dos mangos en flor; na segunda lúa do 2019; no décimo mes da entrega da nosa xente pola Liberación de Nicaragua, pídenme que conte de Ernesto, que diga o que el significou e significa para min.
Mergúllome no meu corazón, fago unha inmersión interior e coa forza coa que agroman as herbas, medran as plantas e re-verdean as árbores, logo das primeiras choivas de maio… Hoxe danme papel e lapis para dicirche, dicirche todo o que teño no meu corazón e que tantas veces quedaba dentro.
Ernesto, lémoste nun tren, á noite. Un tren que corría de Madrid a Galicia. Era a pasaxe da multiplicación dos pans e os peixes. Eu non cría! Ah! Ti mo explicaches: solidariedade, compartir… Agora si que podo crer! Así si que entendo o que dicía Xesús.
Contigo e a túa comunidade de Solentiname, entendín e entendo a mensaxe do “Moreno”! Dese Amigo común que temos, buscamos e xa atopamos dentro, moi dentro! E contigo e grazas a ti, ao Espírito que palpita en ti, non se me apagou “a mecha que fumega”.
E logo, a seguir buscando onde fose esa mensaxe que nos enviabades desde Solentiname. Esa reflexión que cada día teciades xuntos. E quixen ir, non sabía cando, pero eu marcho a Nicaragua! Voume cos que me alentaron e non deixaron apagar a mecha que fumegaba.
Ti, como auténtico sementador, transmitíasnos ese tesouro agochado, mergullado no teu corazón e que ceibabas a todos os irmáns e irmás, ao todo o mundo, ao planeta enteiro… Chegoume e salvoume. Perdía a fe, non me valía nada do que oía, Ernesto, nada do que me dicían ou compartían.
Á luz dunha candea, na montaña de Lugo, lin con inmenso gozo, a vosa vida en Solentiname
Á luz dunha candea, na montaña de Lugo, na miña terra galega, lin con inmenso gozo, admiración e envexa, a vosa vida en Solentiname! Esa experiencia humana na que destes entrada a todo vapor ao Espírito, ao de Xesús, e que aniñou no voso corazón, en toda a alma, en toda a mente e en todas as vosas forzas e… selaches a miña fe, Ernesto!
Hoxe si que me escoitas e a miña mirada pode atoparse coa túa, con calma. Algo tan desexado, tan esperado e que pensei que nunca chegaría.
Cóntame, Ernesto, o teu segredo. En que palpita sen acougo o teu corazón?
E esa maxia que transmites, que tocou a miña vida -e a de tantos e tantas- e fixo cambiar o rumbo, que intuía, pero agonizaba no meu corazón.
Que loita! Que Vida a túa!
Namoroume a túa valentía.
A túa visión profunda, profética da vida cotiá do noso pobo, da dos seres humanos, da do Cosmos!
Que me tocou de ti, Ernesto? O teu amor ao Amigo, ao Compañeiro de todos, ao Amor!
O teu compromiso coa Vida, con seres humanos, coa xustiza, da que estabas namorado e presidía cada un dos teus amenceres e solpores. A túa capacidade de amar salpicou a miña vida, a túa profundidade de pensamento, desenmascarando o opresor, denunciando sen medo e dándonos primicias sobre a ditadura.
Home de carne e óso. De Espírito e misterio. Home de vento e choiva. Home de luz e sombra. Home de humanidade plena! No teu nacer, vivir e morrer, eclosiona a VIDA; resucita a VIDA; eclosiona o UNIVERSO!
Grazas, Ernesto. Quérote un montón!