Endexamais a humanidade foi condenada a arresto domiciliario. Ao longo dos séculos, os movementos migratorios non deixaron de transitar polos nosos países. Co quecemento climático so poderán ir a mais. Hoxe, unha humanidade está camiñando cara a nós. De nada vai servir erguer muros, atrincheirarse, reforzar os controis nas fronteiras. Os e as emigrantes que se xogan a vida, seguirán a pasar por riba de todos os atrancos.

Este ano, malia as medidas de seguridade e os controis policiais establecidos entre Francia e Gran Bretaña, 40 000 emigrantes lograron atravesar a Mancha e a poñer o pe no país soñado.

Esta humanidade que camiña cara a nós, chama a construír un mundo onde cada persoa exista para a outra.

Estes emigrantes non nos agriden, non nos invaden, unicamente exercen un dereito humano fundamental: desprazarse, liberarse da miseria e da violencia para ir vivir a outro lugar unha vida que sexa digna.

Cando a xente de Ucraína chegou a Francia, deume alegría ver que en pouco tempo puideron traballar e ter documentos para residir legalmente neste país. Mais, que contraste cos emigrantes africanos, mal acollidos, humillados, acosados, aparcados en campamentos improvisados logo destruídos pola policía. Vese que pode máis a expulsión que a acollida. Haiche dúas varas de medir.

Os 234 emigrantes dun barco que cansou de mais de agardar no Mediterráneo foron finalmente acollidos por Francia. Trátase dun deber de humanidade. Esta xente que emigra é humana coma nós. Pertence á familia humana igualiño que a de Ucraína. O que se está a dar é unha crise da acollida, non unha crise de inmigrantes. O humano por diante de todo.

Esta humanidade que ven cara a nós coa súa valentía, a súa cultura, a súa vontade de vivir é unha oportunidade para o noso país.

Ponnos en garda contra unha Europa baluarte.

Esta humanidade que camiña cara a nós, chama a construír un mundo onde cada persoa exista para a outra.

Jacques Gaillot
Bispo de Partenia
París 15/11/2022
(Tradución Christina Moreira)