Na revista alemá katholish.de publicouse recentemente esta entrevista que aquí traducimos e resumimos. Resulta sorprendente a liberdade e a honestidade coa que se expresa o presidente dos bispos alemáns Georg Bätzing, actual bispo de Limburg, na véspera do novo proceso sinodal.

A Igrexa está en crise, e non só por abusos. O número de membros, novos sacerdotes e asistentes á igrexa diminúe rapidamente. Só hai parches, non solucións. Vai a Igrexa directa a esnafrarse contra un muro?
Comparto a preocupación. Se non cambiamos nada, o cambio será total:iremos cara ao cero. O desenvolvemento da tradición estivo estancado durante décadas, e vemos as consecuencias. Cómpre un cambio radical de perspectiva na Igrexa. A pregunta non é: “Que será de nós?” Esta pregunta é inútil, só leva á frustración Cómpre cambiar a perspectiva. Non “Que será de nós?”, senón “Para quen estamos aí?”. Porque temos unha mensaxe de cuxo poder estou máis que convencido. Hoxe o Evanxeo está cheo de enerxía.

Segue a xente segue interesada nesa mensaxe?
Si, pero necesitamos novos puntos de contacto. A miña experiencia é que cando nos aventuramos noutros ambientes, descubrimos persoas que teñen as mesmas preguntas ca nós. Se estás presente alí, no desinterese, xorden espazos para cuestionarse cousas xuntos. Iso aprendémolo coa cultura da acollida. Lugares para a pregunta e actitudes de busca compartida. Non en masa. Hai que despedirse: xa non seremos un movemento de masas. Aínda así, a Igrexa debe dirixirse sempre a todos. Non se converter nunha seita…

Hai que despedirse: xa non seremos un movemento de masas

Vostede ten posicións claras, por exemplo, nos temas de ordenación de mulleres ou o celibato. Agora, como presidente da Conferencia Episcopal tamén fala polos demais bispos. Sería necesaria máis moderación?
Eu, algo en broma, digo: Os irmáns elixíronme cando xa levaba catro anos de bispo. Eles saben das miñas crenzas e que non agacho o meu pensar. Pero tamén que son quen de cuestionarme. Se non che gusta o que digo, podes dicirmo, mesmo publicamente. Pero este non é o momento de conterse. Non son bispo para os outros bispos, senón para os crentes da diocese. Teñen dereito a saber a miña posición. É un deber de conciencia.

Con todo, sabe que cada palabra súa se sopesa e alimenta titulares.
Teño 60 anos. O tempo do medo rematou. Antes era diferente. Por momentos estaba máis ansioso, máis reservado. Pero hai tanto en xogo no noso tempo que é importante dicir o que pensamos. Se non puidese facelo na Igrexa, esta non sería a miña casa, e si que o é.

imaxe Horizonte Universal. O tempo do medo rematou. Hai demasiado en xogo

Falaba da capacidade autocrítica. Cambiou de opinión persoal como resultado de críticas?
Pois hai opinións que teño máis claras. Considero que a cuestión da muller na Igrexa é decisiva para o futuro. Convencinme moito máis diso, tamén a través das críticas á miña posición. Estou moi influenciado por Hans Urs von Balthasar…os debates mudaron a miña perspectiva, de xeito que hoxe diría que ese auxilio teolóxico dos estereotipos de xénero, que se poden atopar mesmo nas imaxes neotestamentarias dos noivos, xa non valen no noso tempo, non resolven os nosos problemas. Antes mesmo de converterme en bispo díxenme: os argumentos do sacerdocio reservado aos homes non están asumidos polo pobo de Deus. E iso é un criterio de calidade teolóxica. Cando iso xa non pasa, teño que cuestionar a miña posición.

O Camiño Sinodal. Despois da asemblea de Frankfurt en outubro no Vaticano e na Igrexa universal hai moito vento en contra do proxecto de reforma alemán. Non está xa preprogramado o fracaso dese proxecto? Ao remate só haberá máis decepción…
Non lle teño medo. O fío da paciencia da xente estira ata romper, mesmo cos máis conectados. O elevado número de persoas que abandonan a Igrexa son sinais: “Non estamos satisfeitos con como está cambiando a igrexa e co ritmo do cambio. Queremos manter a nosa fe, pero non vemos como facelo nesta Igrexa”.

O fío da paciencia da xente estira ata romper, mesmo cos máis conectados

Logo o drama xa está aí. Non pode ser peor. Con respecto ao Camiño Sinodal, trátase de xestión de expectativas. Teño a expectativa de que o Camiño Sinodal esixirá agora o sacerdocio para as mulleres? Ben, iso é un tema para un concilio… Desde 1994, describiron esa cuestión como resolta e pechada. Pero non tal. Está aberta, pídese, e non se tranquilizará porque haxa mulleres noutros postos de liderado na igrexa. Igual na cuestión do sacerdocio. Aquí estamos a defender un sacerdocio compatible co matrimonio. E non estamos sós niso. Pero tamén sabemos que non imos abolir o celibato como Igrexa en Alemaña. Pero queremos ofrecer argumentos.

O asunto do abuso sexual. O estudo de 2018 supuxo unha conmoción no sistema, aínda que desde 2010 estaba claro o escándalo do abuso. Que pensou?
Eu non pasei por iso na miña formación como sacerdote. Máis tarde, despois de 2010, durante a miña etapa como Vicario Xeral, decateime de que tiña algúns seminaristas que sufriran abusos. Para min foi unha constatación aterradora que me abriu os ollos. Eu mesmo veño dunha parroquia onde había un cura abusador. Un caso con todos os elementos estruturais que coñecemos: o silencio, o afastar o agresor dos rapaces para, disque, facelo inofensivo…O que lles pasou aos afectados pouco importaba. Sempre o souben, pero era moi pouco concreto porque non se falaba diso. Neste sentido, tiven todo un proceso de aprendizaxe, xestionar a decepción do que fan os curas cando abusan deste xeito do seu poder e do seu poder espiritual, que non usan para promover, senón de forma que dana a xente para toda a vida e arrinca a fe do corazón.

Con todo, a percepción pública segue sendo fatal: que hai encubrimento e só onde é absolutamente necesario, recoñecemento.
É unha preocupación lexítima. Como crente seguro que che gustaría dicir coa cabeza ben alta: son católico. Moitos xa non poden facelo. Ten que ver coa confianza perdida. O esforzo que agora estamos a facer non o debemos facer para recuperar a confianza, senón porque llelo debemos aos afectados. Hai que facelo o mellor posible. Se isto leva a unha nova confianza ou non, non está na miña man, está nas mans dos demais. A confianza dáse, non se compra nin se gaña.