Roma, luns 28 de outubro. Son as 4.30 h da tarde e comeza a anoitecer. Paseo pola ribeira do Tíber facendo tempo, contemplando e meditando. Roma sempre é un agasallo para os ollos e para o corazón. Pola testa pasean as imaxes da cerimonia de onte, domingo na basílica de San Pedro: a misa de clausura do Sínodo da Amazonía.

No Sínodo moitos testemuñaron que é posible mirar a realidade doutro modo

Foi unha misa austera e breve con respecto doutras ocasións. Prevaleceu o gregoriano e botei en falta algunha música amazónica. Impresionoume a procesión de entrada con centos de sacerdotes e bispos participantes no sínodo, mentres, como nunha declaración inicial, o coro cantaba unha fermosa versión do Cántico das Criaturas de San Francisco de Asís: “Laudato sii mio Signore, per quelli che perdonano in nome del tuo amore”. Resoan tamén as palabras do Papa durante a homilía tras proclamar a pasaxe do fariseo e o publicano no templo: “A relixión do ego segue, hipócrita cos seus ritos e oracións, esquecendo que o verdadeiro culto a Deus pasa a través do amor ao próximo”. E facendo referencia ao publicano: “Cantas veces, tamén na Igrexa, non se escoitan as voces dos pobres. E incluso son obxecto de burla ou son silenciadas por incómodas…”, pero no sínodo “moitos testemuñaron que é posible mirar a realidade doutro modo, acolléndoa coas mans abertas como un don, habitando a creación non coma un medio para explotar, senón unha casa que hai que protexer” (os indios).

Imaxe da inauguración do sínodo

“Novos camiños para a igrexa e para unha ecoloxía integral”

Un Papa “con lume nos ollos”, ao que lle quedou curto o Sínodo

Convidado por un grande amigo, entro no Vaticano e paseamos polas logias e patios, onde rezuma tanta historia e tantas historias. Cearemos na casa de Sta. Marta, a hospedaría vaticana onde tamén vive Francisco. Este amigo ten argallada unha sorpresa: antes de entrar no comedor, vén o Papa Francisco a saudarme. Atópoo vello e canso, pero con lume nos ollos. Falamos… Pregúntolle polo Sínodo: “Hoxe abriu a ola a presión”-contesta. Logo, na cea, o Papa vai en ringleira, coa súa bandexa, a servirse do menú que hai no buffet, e mesmo quenta un prato de sopa no microondas.

O Sínodo da Amazonia é unha porta aberta para futuras reformas

A carón da nosa mesa cea o cardeal Hummes, histórico brasileiro, aquel que lle dixo a Bergoglio cando o escolleron Papa: “Acórdate dos pobres”, e foi cando o cardeal Bergoglio tomou o nome de Francesco. Falo co cardeal Hummes e confésame que para o Papa o Sínodo quedou curto: había que ir máis aló! Hummes non viste de púrpura, vai cun austero traxe gris, entón recordo o encontro do pasado ano co cardeal Rosa Chávez, tamén vestido de persoa e falando entusiasmado do Profeta, Oscar Romero.

Logo de cear, paseo nocturno e privilexiado polos xardíns vaticanos; aló no alto brilla unha luz na escuridade, é a casa onde vive Bieito XVI.

De outubro de 2017 a outubro de 2019

Os días previos á Clausura, no Vaticano semellaba verán, xa non pola temperatura senón pola calor que transmitían os participantes no Sínodo: relixiosos e relixiosas, leigos, padres, bispos… Reinaban o castelán latino e o portugués brasileiro. Tamén a polémica e os asexos integristas que botaron ao Tiber varios símbolos amazónicos gardados na igrexa de Sta. María Transpontina.

O Sínodo da Amazonía comezou 2 anos antes coa convocatoria por parte do Papa, en outubro de 2017, a petición das Conferencias episcopais dos países da rexión: Venezuela, Perú, Colombia, Brasil, Bolivia, Ecuador. Veu logo o proceso presinodal do que deu a luz o instrumentum laboris coas propostas de traballo, recollendo a preocupación pola crise ecolóxica no Amazonas, os novos colonialismos e a necesidade dunha presenza nova da Igrexa. O sábado 26 de outubro, tras un mes de traballo, foi aprobado o Documento Final do Sínodo.

Pronto comezaron os ruxerruxe… No documento ían propostas ben atrevidas como a ordenación de homes casados, diaconado feminino, a muller coma dirixente de comunidades eclesiais, o pecado ecolóxico, rito amazónico propio, defensa dos indíxenas, da súa cultura e territorio.

Vista da aula Pablo VI durante unha das sesións de traballo

Unha Igrexa que xa non volverá a ser igual

Agardando a Exhortación sobre o Sínodo que o Papa Francisco promete para fin de ano, e da que se comenta que irá máis aló do documento sinodal, enténdese que o Sínodo da Amazonía é unha porta para futuras reformas en toda a igrexa católica. A igrexa alemá está tamén en proceso sinodal e reclamando algunha das propostas que aparecen no documento final do sínodo amazónico.

Parece seguro que Francisco conta co consenso da maior parte dos bispos do mundo, ou non sería doado dar certos pasos. Ben é certo que hai duras resistencias de sectores moi conservadores e que barullan moito, mesmo ameazando cun cisma. Pero o Papa parece firme e decidido. O venezolano cardeal Porras, un dos presidentes da Asemblea, deixou claro que o proceso non tiña marcha atrás no discurso final: “Chegamos a un cumio, non para nos deter”. Mauricio López Oropeza, secretario da Rede Eclesial Panamazónica, manifestou que logo do Sínodo a Igrexa non volverá a ser igual.

Paso a mañá en San Paulo Extramuros, están preto as Catacumbas de Domitilla. Hai unha semana, o domingo 20, máis de 50 bispos rememorando o chamado Pacto das Catacumbas durante o Concilio Vaticano II, asinaron no mesmo lugar un manifesto comprometéndose a ser “unha igrexa con rostro amazónico, pobre e servidora, profética e samaritana”. Oxalá non quede no esquecemento.