Antón G. Vilasó de novo

O pasado día 21 de decembro faleceu Antón Gómez Vilasó, coñecido de moitos e de quen os irimegos novos saben pouco ou nada. É de xustiza ofrecer, polo menos, unha semblanza deste home que ten feito unha contribución singular á construción dunha igrexa ao servizo do pobo e enchoupada na cultura e na lingua de Galicia. Farémola con referencias a algúns feitos mesturadas con resonancias persoais. Nalgunha medida tamén Irimia afinca as súas raíces nesta experiencia pastoral de base en Compostela.

Nacido en 1929, foi ordenado no marco do Congreso Eucarístico de Barcelona en 1952. Aínda naquel ambiente dominado pola escolástica e dentro dunha igrexa poderosa, de cristiandade e aliada do poder, buscou e aproveitou as fendas polas que entraba algo de aire fresco renovador procedente do exterior e estivo disposto a aprender de movementos como a Acción católica francesa, nunha liña de igrexa popular e enviada ás periferias.

Despois de exercer como coadxutor en Betanzos e de párroco en Dimo, faise cargo da parroquia do Castiñeiriño en 1958 e alí permanece ata 1976. É desta época da que dispoñemos de maior información e tamén é na que se desenvolve, madura e se difunde a súa proposta.

O primeiro que destacan as persoas que o coñeceron é a calidade do seu trato humano

Téñome preguntado moitas veces como se poden explicar os cambios tan profundos que se foron producindo ao longo da vida de Antón. Ten un mérito especial o camiño percorrido por Antón G. Vilasó e outras persoas da súa xeración (como Francisco Lorenzo, Xosé Chao ou Antón M. Aneiros), que foron capaces de reeducarse, de reinventarse: educados para mandar, aprenderon a facerse servidores; educados no dogmatismo, aprenderon a promover o dialogo; educados no inmutable, aprenderon a promover o cambio; educados en privilexios, aprenderon a promover a xustiza; educados no rigorismo, tiveron entrañas de misericordia; educados para o individualista “que se salve quen poida”, promoveron a solidariedade…

O primeiro que destacan as persoas que coñeceron a trataron de preto a Antón G. Vilasó é a calidade do seu trato humano. É a experiencia de atoparte con alguén que te escoita, que non te xulga nin se impón; alguén que te valora, que se alegra e celebra as túas capacidades; alguén que te invita a participar en diversas iniciativas comunitarias e de axuda: catequese, acampadas, reunións de estudio, accións reivindicativas, asociacións… Cando estabas con el, sentíaste valorado como a persoa máis importante do mundo. E todo isto desde a discreción, desde a sombra. Foi un dirixente, pois tiña un programa que marcaba unha dirección, que suscitou outros animadores e animadoras ao seu arredor, pois non acaparaba protagonismo na toma de decisións. A máis importante lección de pedagoxía non a recibín en ningunha facultade nin doutorado, senón que foi velo coa súa maneira de estar presente nos diversos grupos, respectuosa, apoiadora, dando tempo. Pero foi moito máis que unha boa persoa ou un líder carismático.

Igrexa do Castiñeiriño

Antón comprometeuse na transformación a fondo da vida parroquial, con accións que parecen sinxelas, pero que eran revolucionarias (e aínda o serían hoxe, 50 anos despois). Poñerei só algúns exemplos. Instaurou a liturxia en lingua galega, na misa principal dos domingos, na que tamén se acollía aos numerosos grupos de nenos e nenas da catequese. Este xesto, entre outros, contribuíu a que esta parroquia se convertese nunha casa onde numerosas parellas galeguistas puideron celebrar con autenticidade as súas vodas, e algunha personalidade como Bouza Brey, recibir unha despedida con dignidade. Pero foi moito máis ca un crego galeguista.

Fixo que a construción da comunidade estivese no centro

Durante o tempo no que el foi párroco de Nosa Señora de Fátima no Castiñeiriño, e durante uns anos despois, fixo que a construción da comunidade estivese no centro. Un símbolo disto foi colocar a mesa do altar nun lugar central da nave da igrexa, ao nivel de todos, de maneira que nas celebracións era rodeada tamén polos fieis. Pero isto ía máis lonxe: daba a palabra incluso aos nenos e nenas na homilía compartida, suprimiu o pago de aranceis polos servizos relixiosos, promovía unha fe adulta e crítica que se amasaba cos problemas e situacións do día a día.

A acción deste home transcendeu con moito os limites da parroquia. Hai quen di que foi un dos actores principais da transición en Galicia. Non son capaz de valorar iso. Sei que, con outros párrocos e cos consiliarios dos movementos XEC e XOC preparou e pronunciou a homilía colectiva de apoio aos estudantes universitarios democráticos na primavera de 1968. Sei que amigos seus, cregos ou leigos, se comprometeron na acción política democrática de diferentes tendencias no final da ditadura e no comezo da democracia. Sei que na base do movemento dos Coloquios Galegos de Parroquias (alcumado os “europeus”) das cinco dioceses, do que el foi secretario e Xosé Chao presidente, había unha idea de Galicia como suxeito político democrático e inclusivo, liberado da ditadura e da inxustiza. Pode sorprender que sempre tivo o apoio do cardeal Quiroga Palacios que, seguramente non comprendía algunhas das súas opcións, pero que confiaba nel. Supoño que a súa sinxeleza non lle permitiría recoñecelo, pero el foi un inspirador de prácticas alternativas, liberadoras, en ámbitos diversos de educación popular, por parte de mestres, de cregos, de educadores de tempo libre, etc.

Antón G. Vilasó co neto

Unha vez pregunteille que metodoloxía seguira nos grupos que animou, deles o máis coñecido “A Reunión dos Luns” pola súa persistencia (pois aínda se segue reunindo os xoves de todas as semanas) ou polos seus membros (pois nel participaba, por exemplo, Agustín Bueno), e esperaba que me confesara, por exemplo “A Revisión de Vida” = Ver-Xulgar-Actuar, que eu considero xenial. Pois non; simplemente díxome que era un intento de educarse e mellorar na fe cristiá.

Para min, isto e o trato con el foi o máis revelador, o que me axuda a comprender tamén o seu camiñar, a súa evolución e seus cambios. Era un home bo, que quere ás persoas, inspirado ou apoiado no Deus de Xesús de Nazaré.