Con Manuel Ayaso (Aguiño 1934 – Aguiño 2023), Ribeira e Aguiño en particular e Galicia en xeral, souberon saldar unha débeda de recoñecemento e homenaxe cun artista recoñecido a nivel internacional que sempre presumiu de aguiñés de nacemento e ribeirense de corazón.

Manuel Ayaso

Ayaso, Fillo Predilecto de Ribeira e socio honorífico de moitas entidades, foi sobre todo, un home bo, humilde, sinxelo e xeneroso que agasallaba á xente coa súa arte, que atendía calquera chamada de participación como pasou nas escolas de Aguiño e Ribeira, onde acompañado pola súa filla Mónica, ilustrou parte dos poemas realizados polos cativos. Anunciou doar a metade da súa obra ao concello de Ribeira, conta cunha escultura de bronce na praza do Concello, do amigo e artista Jontxu Argibay e hai cadros seus na igrexa de Aguiño, na casa da Cultura, nos colexios, no concello, nos museos… doazóns feitas por el e a súa dona, Lucía Rivas.

Foi o amante do sinxelo, dos cativos, da natureza, dos humildes… en definitiva, dos desfavorecidos ou maltratados

Ayaso tiña devoción por Picasso e Dalí; a diferenza deles foi un xenio humilde, sinxelo, que chegou ao máis alto e sempre presumiu de ter nacido aquí; trunfou antes no estranxeiro onde o consideraban o “Goya” galego e gañou numerosos premios artísticos expoñendo nas mellores galerías de Jersey, Filadelfia ou Nova York.

Tivo que ser xa na última etapa vital onde empezase a recibir os recoñecementos merecidos na súa terra natal tras expoñer en múltiples lugares do noso país.

Creador dun estilo único, propio, que algúns, con palabras altisonantes e cosmopolitas, definiron como: expresionista, con referencias surrealistas… con mestura de sentimentos, pesadelos, soños, enfermidade, medos, costume, soidade…, que se poden ler nas súas obras, identificables cunha soa mirada… Non obstante, Ayaso foi o amante do sinxelo, dos cativos, da natureza, dos miserables, dos humildes… en definitiva, dos máis desfavorecidos ou maltratados. Na súa obra existía tamén a denuncia social, apuntando aos poderosos, á cúpula da relixión, aos caciques e á influencia que estes tiñan sobre a sociedade; pintando artistas do circo, monicreques, personaxes do entroido, mariñeiros, mulleres, peixes, paxaros, mar, flora… máis alá da tristura e o medo deixa ver a loita contra a inxustiza e a esperanza do triunfo dos humildes.

Ayaso foi un artista, un amigo, un aguiñés que sobrevivirá á morte pola súa arte, pero tamén pola súa personalidade, xenerosidade, humildade e paixón polo cotiá; pintar, dar un paseo, botar a partida, tomar un viño, ter unha conversa e amar aos seus, e por seus refírome a todas e cada unha das persoas que tivemos a fortuna de atopalo nesta vida.