Somos memoria. E tivemos a gran sorte de que formase parte das nosas vidas. En Arzádegos, co Digno fixeramos unha xuntanza a finais da década dos oitenta. E botamos a andar os CDR: Eirada, O Viso e Portas Abertas. Viaxes, reunións, encontros… Profunda admiración por unha persoa tan culta. Aprendeunos a mirar a abundancia no pequeno, a grandeza da semente, a posmodernidade nas raíces, o auténtico valor da solidariedade ao que dedicou a súa vida: loitar pola xustiza social e a revolución que se fai coidando. E a formación permanente, a preparación continua: lectura, estudo. O Amor pola música, pola nosa Terra, pola nosa Xente. Grazas. Moitísimas grazas.

En febreiro de 2018 na celebración dunha eucaristía, en Parada de Outeiro, como acto de despedida e agradecemento ao seu párroco, Miguel Fernández Grande, Sabela e Irene en representación da freguesía de Parada de Outeiro e Coedo expresaron o noso sentimento colectivo:

“Queremos destacar o seu desexo, tesón e determinación por conservar e rehabilitar a Igrexa Parroquial, os retablos, as imaxes, a capela da Santa Marta, a capela de San Xoán en Laioso, a casa reitoral.

Loar a súa valentía polo emprego da lingua galega na misa, acabado de chegar á parroquia e por darnos a entender que tiñamos unha Terra cun idioma ben fermoso no que podiamos cantar, e ler, e rezar… e comunicarnos.

Así “O Chabolo” foi, daquela, o lugar de encontro dunha mocidade chea de ilusións por cambiar as cousas, dispostos a defender a Nosa Terra, a súa fala, de poñer en valor as súas tradicións e a súa cultura. E cantamos poemas de Rosalía e lemos a Curros Enríquez, a Castelao…

A maioría dos que estamos aquí sabemos o que significa a expresión “dar o vincallo”: era para atar as gavelas. Así quixo vostede vencellar, atar os esforzos de homes e mulleres que traballaban no campo para mellorar a súa situación. E naceu a cooperativa Vincallo e tamén se crea un CDR (Centro de Desenvolvemento Rural).

No recordo quedan os traballos no Agro e na Silvela, os magostos, as festas, as excursións, as misas e as romaxes, as cantigas, a súa voz garimosa e sosegada, ese aire novo na celebración de Eucaristía.

Agradecémoslle que nos mostrase sempre cal había ser a nosa prioridade na vida: amar os demais, compartir, axudar, vivir coma cristiáns comprometidos”.