A comezos do mes de decembro faleceu Manoel Vello Salgado, activista de mil causas, crente, irimego… Sirva este texto anónimo recollido de Praza.gal e adaptado como homenaxe a quen foi e ao moito que fixo.

Galeguista histórico, ao longo da súa vida participou en política como concelleiro, dirixente en varias organizacións galeguistas e referencia social na defensa da Galiza e de innúmeras causas. Implicouse e estivo sempre en primeira liña nos momentos máis críticos na historia recente da Galiza, como a súa participación directa no descubrimento dos enterros ilegais das vacas tolas no seu propio concello, a participación intensa no movemento Nunca Máis ou as mobilizacións a prol da paz durante as manifestacións e actos do “Non á Guerra”.

Foi sindicalista, impulsor da promoción das pequenas e medianas empresas, traballou no sector editorial galego, promoveu o rock galego, participou en innúmeros actos de reivindicación dos nosos escritores, tanto a nivel nacional como a nivel local, a través da Asociación Bieito Fandiño. Defensor da lingua e do galego internacional desde a súa concepción reintegracionista, colaborando de forma intensa para lograr a presentación no Parlamento galego da ILP da Lei Paz Andrade.

Persoa de fe, participou intensamente na Igrexa galega como cristián de base, sancristán na súa parroquia de Xanceda e membro de Irimia. Amigo dos seus amigos e amigas, fiel a eles durante toda a súa vida, sempre foi unha persoa honesta e leal, sempre disposta a botar unha man a todas as persoas próximas que o necesitasen. E todo isto a pesar de ter que loitar desde os 23 anos cunha grave enfermidade de ril que o limitaba na súa vida diaria.

Un exemplo para todos os que tivemos a fortuna de compartir a nosa vida con el. Deunos unha lección mestra de como vivir, de como aproveitar a nosa pasaxe por este mundo, de como saber ser felices axudando aos demais e implicándose na sociedade que nos toca vivir, defendendo a xustiza e os intereses dos seus compatriotas.