Con 80 anos fóisenos Rafael Pillado. Era ben mozo cando comezou na Bazán. Desde a súa militancia sindical e política no PC ferrolán en plena ditadura, estivo sempre ao quite da defensa dos traballadores e da loita antifranquista. Foi parte dos detidos nos tráxicos eventos do 72, canda o asasinato de Amador e Daniel. Xa en 2021 fixo público que sufría un agresivo cancro por exposición continuada ao amianto no estaleiro: unha imprevisión fatal da empresa que el mesmo denunciara sen saber aínda que formaba parte das vítimas. Empeñouse nunha nova loita: “Vou converter o meu xuízo nun xuízo para desenmascarar os responsables deste asasino silencioso aproveitando a ditadura”. A xustiza deulle a razón.

Rafael Pillado, en decembro de 2021 en Ferrol. Foto Óscar Corral (EL PAÍS)
Rafael Pillado, en decembro de 2021 en Ferrol. Foto Óscar Corral (EL PAÍS)

Adeus a Rafael Pillado Lista, un referente ético nun mundo pouco ético

Os dereitos humanos avanzaron contigo. E a xustiza, a grande, a de verdade, ficará moito máis presente para todos. Por ela sufriches o martirio inmisericorde dos “satisfeitos, dos soberbios e dos instalados no poder, no ter e posuír”, e dos do abuso sistemático contra todos os empobrecidos do mundo.

Nunca ninguén poderá dicir de ti que fuches un dos aproveitados e corruptos. Soubeches mediar con forza e ánimo na loita obreira, sindical, veciñal, cultural etc. Atento ás inxustizas. E alí te achantabas ti e facías causa común cos oprimidos.

Inmensas grazas, amigo. Dixo o poeta Díaz Castro: “O mundo enteiro sería ben máis pobre sen ti”.

Temos un referente! E tivemos a sorte de que saíu de entre nós, do pobo humilde: grazas aos teus pais e á túa familia toda. Para eles, a meirande consideración.

Recordas o slogan: “Pillado, o noso Deputado”? Non nos debes nada! Non soubemos daquela serche recoñecedores de tanta loita. Para ti foi unha sorte. A túa política estivo no corazón das clases humildes, na rúa, no taller, no mono azul, do que nunca te desclasaches nin te deixaches corromper, por moito que o intentaron e che ofreceron. Nin as difamacións e infamias fixeron pé contra ti. Brillaches polos teus feitos e bonhomía. Non prenderon na cidade, nin na fábrica, nin na prensa, nin nos infúndeos que se facían correr oralmente. Eras demasiado Rafael para tantos “Guerrilleros de Cristo Rei” que vivían nas cloacas.

Exemplo de autenticidade, coherencia e honestidade. E nunca odiaches. Fuches sempre inmensamente libre. Aguantabas sen claudicar das reivindicacións. Aí, na causa dos pobres eras forte coma un penedo: “Non nos moverán!”

A meirande aperta e gratitude. Como o Alén é moi grande, xa nos reencontraremos, Rafael. Preguntarei por ti. Seguramente teremos que loitar aínda outro convenio colectivo. E que xa el non sexa coma o do 72 en Ferrol!

Ti entendes moito diso. Confiamos en ti. Sempre.