Astros e fontes e flores, non murmuredes dos meus soños,
sen eles, como admirarvos nin como vivir sen eles?
Rosalía de Castro
O sábado 9 de maio celebramos un aniversario moi especial, e fixémolo cunha festa ao noso xeito: sinxela, pero grande. Non nos citamos nun amplo salón de veludo, dunha Academia ou dun pazo… senón nun centro sociocultural de barrio, o do Castiñeiriño de Compostela, onde prendeu a revolta do 68 compostelá, a loita antifranquista e no que a Igrexa galega de base deu firmes pasos postconciliares. Na nosa festa celebramos os pactos entre mulleres, tecidos ao longo do tempo, e que puxeron de manifesto as mulleres que nos acompañaron, en representación de Alcem la Veu-Revolta das mulleres na Igrexa, Mujeres y Teología de Zaragoza e a Plataforma Feminista de Lugo. Despois da benvida, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, falounos dese camiño de sororidade tecido no feminismo galego cando MCG Exeria estaba no inicio da Marcha Mundial das Mulleres.

“As flores estiveron presentes ao longo do día. Flores feitas por nós, en teas de cores. Porque nós somos flores ventureiras medrando nas beiras dos camiños, fillas bravas da Igrexa e do feminismo. Somos sementes que estenden as súas raíces habitando en terra de ninguén”

As flores estiveron presentes ao longo do día. Flores feitas por nós, en teas de cores. Porque nós somos flores ventureiras medrando nas beiras dos camiños, fillas bravas da Igrexa e do feminismo. Somos sementes que estenden as súas raíces habitando en terra de ninguén. Sen patrias, sen amos, fóra de coutos, invernadoiros ou xardíns botánicos, flores nacidas nas beiras entre o sagrado e o profano, entre o laico e o confesional, entre a institución e a marxinalidade… O noso perfume recolle cheiros de matrias distintas: hai en nós un pouco daquel perfume co que unha vez, unha muller, unxíu a cabeza do profeta, e tamén o cheiro bravo das xestas.

Nas rúas as feministas berran: somos as fillas das que non puidestes queimar! Pois ben, nós somos as fillas das que arderon na fogueira, as mortas na guillotina, as que sabían que a súa morte era semente. Somos fillas das resucitadas, de Inés de Roma, de Perpetua e Felicidade, de Xoana de Arco, de Margarita Porete, de Olympe de Gouges,… As nosas nais foron mártires, asasinadas por mor da súa independencia e liberdade… Nós, as Mulleres Cristiás Galegas Exeria, estamos aquí para resucitalas, porque a súa Pascua é a nosa Pascua.

Foto celebración 30 anos mulleres cristiás galegas
Despois da acollida e as palabras de Goretti, en mesa redonda reflexionaron sobre o camiño percorrido Pilar Wirtz Molezún, mestra inspiradora da nosa andaina; Marisa Rodríguez Pereiro, que naceu ao feminismo en Mulleres Cristiás Galegas Exeria; Mabel Ruiz Ruiz, compañeira de Mujeres y Teología Zaragoza, asociación que leva máis de 30 anos conxugando feminismo e ser cristiá; e, Ana Torrón Díaz, xornalista e feminista, da Plataforma Feminista de Lugo.

Na celebración final, con música e imaxes, recordamos a sororidade, encarnada nas figuras de Exeria e Rosalía e nos momentos e persoas luceiro, a nosa particular santa compaña de inmorrentes. Na honra desas dez mulleres luz acendemos o cirio pascual e dez candeas… elas son a nosa Pascua, a luz das nosas vidas, esa que non se acende para metela debaixo da cama, senón para poñela nun candeeiro e alumar a cantos entren na casa…

Foto celebración 30 anos mulleres cristiás galegas
Tamén estreamos unha peza musical, composta por todas e arranxada por Lucía, recordo agradecido destes anos. Con flores e cestas reivindicamos pan e rosas, poñendo luz e vida no camiño de Exeria, que virou en xardín. Rematamos a mañá cunha danza de sororidade, plasmando cos nosos corpos o apoio entre nós, o sostén e a cadencia que son as amigas, a confianza de sabernos irmás, sororas.

Despois de xantar e cantar rematamos a nosa festa aos pés de Exeria, na escultura que a honra en Compostela, pensando na próxima xuntanza, no camiño que se nos abre por diante… Ata que a igualdade sexa costume!

Marisa de Corme
Mulleres Cristiás Galegas Exeria