Dende a Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria organizamos un chamamento á mobilización o 6 de marzo, a prol da Revolta das Mulleres na Igrexa.

Tal e como fixemos o ano pasado, o domingo 6 de marzo volvemos ás portas da(s) nosa(s) Igrexa(s) a reivindicar que queremos formar parte da Igrexa con voz e voto. Todas xuntas baixo un manifesto, organizadas e compartindo símbolos. Tras o encontro do 27 de novembro en Madrid, artellouse un movemento estatal con moita forza. Sintonizámonos e deseñamos un plan de mobilización e outro de comunicación aberto á diversidade que nos caracteriza, dando cabida a todas as nosas identidades e linguas.

No plan de mobilización, elaboramos un manifesto común coas liñas ideolóxicas principais, co obxectivo de pular por un discurso que reivindicase (como fixemos o ano pasado) que queremos estar na Igrexa con voz e voto. Reivindicamos a tradición feminista que nos precede na loita pola dignidade das mulleres, esixindo a igualdade de dereitos, poder votar, a liberdade sexual e reprodutiva. Traemos a Boa Nova de Xesús, que nos seus inicios fixo da igualdade entre persoas unha das aportacións máis radicais do cristianismo á historia da humanidade.

Quedamos nas rúas de 15 cidades distintas o mesmo día á mesma hora para celebrar un acto semellante (que non igual) en todas estas vilas a un tempo. Ao redor de 20 tipos diferentes de grupos nos que participamos as mulleres crentes de todo o Estado, en 5 linguas distintas e cun accesorio común. Contactamos coa marca HILVANADO, afincada en Zaragoza, que naceu do proxecto Hilvanando culturas, confeccionando futuro para a integración de mulleres de distintas culturas, vinculadas ao colexio do barrio de Oliver, na devandita cidade. Elas coseron a tea para crear máscaras da Revolta. De seguido e grazas ao financiamento propio, chegaron a cada recuncho do Estado. Parecerá nada, pero coséronse ao redor de 500 máscaras.

No canto do plan de comunicación, configurouse unha comisión de comunicación conformada por 15 mulleres de todos e cada un dos recunchos do Estado. Grazas ao seu traballo e implicación, botáronse a andar perfís en distintas redes sociais, co obxectivo de darnos difusión e poñer en común todos os pequenos esforzos que imos facendo na nosa contorna local, vinculados á revolta (primeiro co 6M no horizonte, pero con máis contido respecto do Sínodo de Mulleres na Igrexa). Elas tamén foron quen de dar a luz unha estética na que todas nos vísemos reflectidas. Fresca, lixeira e empoderadora.

Vivimos un proceso fermoso, no que construímos a nova Igrexa que imaxinamos. Unha comunidade de iguais onde a muller é recoñecida como un suxeito de pleno dereito, con voz e con voto en todas partes, valorada polos talentos e aportacións propias. Grazas ao liderado compartido entre todas as persoas (laicas, consagradas, sacerdotes…), facemos da pluralidade, paridade e horizontalidade piares básicos deste movemento que procura unha Igrexa que acompañe sen xulgar toda a diversidade das familias, identidades e orientacións sexuais, onde as mulleres estamos a ser recoñecidas con autoridade e liderado.

Que che parece? Para máis información, tes á túa disposición a nosa páxina web, www.exeria.org, ou o noso Facebook, Asociación Mulleres Cristiás Galegas – Exeria.