O pasado 6 de marzo, as Mulleres Cristiás Galegas-Exeria recollemos nunha ateigada sala Mozart do Auditorio de Galicia o premio Mulleres de Compostela 2023. Con este acto, organizado pola Concellería de Igualdade, o Concello de Santiago recoñecía publicamente a traxectoria profesional e vital de nove mulleres e colectivos da cidade polo seu labor a prol da igualdade. A concelleira Mercedes Rosón (concelleira de Igualdade) salientou das premiadas: “Teñen algo en común: todas nos recoñecemos nelas, todas compartimos os seus aportes á igualdade e á vida de tantas mulleres que veñen detrás”.
Ser recoñecidas e valoradas polo que somos énchenos de orgullo e fainos fiar na esperanza dunha outra sociedade e unha outra igrexa posible.
Da Asociación Mulleres Cristiás Galegas-Exeria destacouse que é un colectivo que reúne mulleres de toda Galicia que apostan pola defensa da igualdade dentro da Igrexa, dende a perspectiva das teoloxías feministas, destacando o noso compromiso coa cultura e a lingua galega. Marisa Vidal Collazo, coordinadora da Asociación, foi a encargada de agradecer o galardón que recollemos todas as compañeiras presentes no acto. Na recollida, portabamos carteis nos que se podían ver as caras e os nomes doutras mulleres que para nós son referentes de loita polo feminismo na Igrexa. No seu discurso de agradecemento, Marisa destacou como MCG-Exeria nace da sororidade e o apoio mutuo entre mulleres dentro e fóra da Igrexa, facendo propostas, denunciando inxustizas etc., interesadas en tecer outra Igrexa e outra Galicia posibles. Tivo tamén unhas palabras para “todas as que, dun xeito ou doutro, nestes 27 anos, formaron parte do noso proxecto e que hoxe non poden estar fisicamente aquí con nós, ben porque están xa do outro lado da vida ou ben porque o seu proceso vital as foi levando a outros lugares”. Non deixou tampouco de mencionar que “Diante delas, a nosa matroa, Exeria, que por fin ten o seu lugar no espazo urbano de Compostela. Elas son as nosas referentes de espiritualidade e acción”.
Para todas as Mulleres Cristiás Galegas, a velada foi unha auténtica festa. Ser recoñecidas e valoradas polo que somos énchenos de orgullo e fainos fiar na esperanza dunha outra sociedade e unha outra igrexa posible.