Dentro da nosa Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria tivemos sempre a inquietude de renovar, de buscar novas formas que nos axudasen a facer as nosas celebracións máis auténticas, máis profundas, máis humanas, de maneira que todo o noso ser se implicase na celebración, experimentando a presenza de Deus en cada unha de nós e en todas.

Foto de grupo que participou no obradoiro “Danzando a nosa plenitude” o 29 de outubro de 2022
Foto de grupo que participou no obradoiro “Danzando a nosa plenitude” o 29 de outubro de 2022.

No ano 2005 organizamos un obradoiro impartido por Victoria Hernández Alcaide, bailarina e coreógrafa especialista en danza contemplativa.

Victoria abriunos un mundo. Démonos conta de que temos un recurso marabilloso que é o noso corpo, que, por medio da danza, permítenos expresar a experiencia relixiosa, a experiencia de unión con Deus, que non é privilexio para uns poucos. A mística é para toda a humanidade e a danza con movementos suaves e repetitivos vai logrando en nós un proceso de interiorización cada vez máis profundo.

Facede a proba nas vosas celebracións e incluíde algunha danza!

Pasados xa tantos anos como 18, volvemos a repetir o obradoiro no pasado mes de outubro. O obxectivo era aprender máis e mellor a técnica para practicar novas danzas. Foi unha experiencia preciosa, primeiro de traballo para aprender e despois de oración, poñendo en práctica o aprendido.

Victoria Hernández afirma que non hai idade nin tempo nin número de repeticións. A danza produce un efecto orante nos que a realizan e nos que a ven, efecto que segue a producirse ao longo dos anos. Nós somos testemuñas desta verdade. Cada vez que danzamos xuntas, a experiencia orante é verdadeira e profunda e acrecéntase entre nós a relación fraterna, comprometida e amorosa que responde aínda que sexa timidamente á relación co Deus que nos habita.

Facede a proba nas vosas celebracións parroquiais ou de grupos, con nenos e nenas, con adultos de todas as idades, facede a proba e incluíde algunha danza sinxela. Esperade a ver que pasa e estou segura de que a comunidade ou o grupo crecerá como tal na experiencia íntima do encontro máis profundo e máis auténtico co Deus envolvente no que somos e existimos.

Feliz e danzante 2023!