Gabriela Mistral (1889-1957)
A OMS lexislará para o coidado das mulleres que son tratadas como “ventres de alugueiro”
Parece que hai melloras no ámbito da saúde física (máis recursos en prevención, máis opcións de tratamentos e máis cirurxías non invasivas; en xeral, con matices, a ese nivel si que se avanzou). Pero cómpre subliñar que, nun aspecto tan esencial como é a saúde mental, esta segue moi por debaixo da atención digna e humanizada que merece. A estatística das patoloxías actuais vai en aumento; algunhas parecen propias da era consumista e neoliberal, e xa comezan na infancia, pero sistematicamente quedan, moitas veces, na mera fase diagnóstica ou nunha intervención medicamentosa. A política da saúde mental segue a estar lonxe de ser atendida con coidado: medicadas, si, pero bastante desenfocadas da atención personalizada e digna que este tema merece. A sociedade avanza e a esperanza de vida medra, pero tamén medran as doenzas mentais e da alma —se é que son distintas… cousa que, nalgúns casos, dubido—. Aquí a espiritualidade feminina sabe ben da política do coidado desde o acompañamento.
Conectando co principio: este ano o 7 de abril ten no seu lema como centro ás mulleres: “Comezos saudables, futuros esperanzadores”, poñendo o foco na importancia da saúde materna e neonatal para sensibilizarnos e traballar na necesidade de investir recursos humanos e materiais no benestar das mulleres embarazadas e nos partos saudables. Este enfoque é tan urxente como necesario. Se queremos vivir desde a esperanza, temos que comezar pola mellora da saúde integral desde o nacemento, desde os coidados prenatais, poñendo o centro na maternaxe e nas pre-mamás, suprimindo a instrumentalización dos embarazos e partos. As experiencias falan de certos maltratos perpetuados nos diferentes sistemas sanitarios, que deberían tratar ás mulleres embarazadas como protagonistas da súa saúde e da criatura que nacerá. Que dicir dos países en vías de desenvolvemento, nos que a duras penas existen coidados xinecolóxicos e neonatais… Haberá que garantir uns mínimos para que ese lema sexa real para todas as mulleres do planeta, independentemente do lugar de nacemento, da condición social e doutras variantes.
Iso que entendo como toda unha espiritualidade da saúde e do bo trato, temos que reaprendelo, temos que conquistalo, case sempre en espazos alternativos, desaprendendo moitas normas, cánones, vicios aprendidos e sanando camiños que foron, ás veces, de “malestando”.
Quero rematar amosando o descubrimento diario de que a vida é relación e todo é circular, así que vou relacionar esta proposta de traballo na revolución da política dos coidados coa poesía de Gabriela Mistral, que, por certo, naceu un 7 de abril, en Vicuña (Chile), e foi a primeira muller latinoamericana gañadora dun Premio Nobel de Literatura, no 1945, por unha obra marcada pola sensibilidade e polo compromiso social, en especial en temas de amor, maternidade e xustiza…
Seguimos explorando con tenrura a cara da vida dos coidados, enfatizando o xeito do Bo Trato.