Un ano máis, as mulleres da Revolta das Mulleres na Igrexa imos saír á rúa o domingo anterior ao 8 de marzo. Todo empezou no ano 2020, despois da folga de mulleres na igrexa de 2019, cando en oito cidades do estado decidimos saír ás portas das catedrais demandando igualdade na Igrexa.

Aquel ano, co peche da pandemia, tres das oito cidades tivemos que quedar na casa, pero ao ano seguinte xa eramos 12, e logo 20 e este ano 2024 somos 23: Alacant, Badaxoz, Barcelona, Bilbo, Burgos, Cabra, Ciutadella, Córdoba, Donostia, As Palmas de Gran Canaria, Granada, Logroño, Málaga, Madrid, Oviedo, Salamanca, Santander, Santiago de Compostela, Sevilla, Valencia, Vitoria-Gasteiz, Vigo e Zaragoza.

As nosas reivindicacións de igualdade timidamente van sendo escoitadas e a igrexa vai dando pasos nese camiño. O Sínodo das Mulleres de 2023 foi un éxito de participación e traballo conxunto.

Seguimos a compartir celebracións e reflexións grazas a webinars que nos fan afondar e avanzar nos cambios que queremos ver. O libro que recolle a nosa historia e vindicacións: La revuelta de las mujeres en la Iglesia, vai xa pola segunda edición, con 2.000 exemplares vendidos, e segue medrando e expandindo revolta.

Nel recóllense os documentos elaborados a nivel global no Sínodo das Mulleres, que foron entregados nas nosas dioceses e na aula conciliar do Vaticano. Algo estamos vendo moverse nas declaracións do papa, que chama a desmasculinizar a Igrexa, que convida unha bispa anglicana ao Consello de Cardeais.

Vimos mulleres votaron nun sínodo da igrexa por primeira vez no Sínodo da Sinodalidade. Na diocese de Madrid, a Comisión de abusos a mulleres adultas que puxo en marcha a Revolta elevou un informe ao defensor do pobo. En definitiva, a Revolta medra imparable. No noso traballo continuo de difusión, estamos sendo escoitadas e demandadas en diferentes ámbitos, relixiosos ou non, en parroquias, barrios, vilas,… na igrexa pero tamén no feminismo e nos movementos sociais… Do mesmo xeito que o feminismo penetra e fai mudar a sociedade, así tamén nós, na Igrexa, somos quen de facer oír a nosa voz e ir movendo os marcos do patriarcado.

E seguimos… Se queredes que as propostas das mulleres se oian nas vosas parroquias, grupos e movementos chamade por nós (mcgexeria@gmail.com). Estaremos encantadas de achegarnos e falar, dando un empurronciño máis…

Ata que a igualdade, a xustiza e o coidado da casa común sexan costume!

Marisa Vidal Collazo
Mulleres Cristiás Galegas Exeria