“Antes de xulgar a unha persoa, camiña tres lúas cos seus zapatos”.
A partir deste proverbio sioux, saímos á rúa o pasado 5 de marzo as persoas que conformamos a Revolta de Mulleres na Igrexa-Alcem la Veu. Antes de xulgarnos, de decidir por nós, de negarnos a palabra ou negarnos o poder vivir en plenitude a nosa vocación, poñédevos nos nosos zapatos!!
A Revolta o pasado domingo 05/08/2023 en Santiago de Compostela. Foto: Bea Villar e Celia Lopez.
Enchemos de zapatos a praza da Quintana de Santiago e a porta da Igrexa do Cristo da Vitoria de Vigo. Zapatos diversos, coma nós, que representan o noso camiñar, que poñen en valor os pasos que imos dando cara a unha Igrexa de iguais, unha igrexa que acolle, que acompaña, na que nos fagamos corresponsables de construír o Reino de Deus.
A Igrexa precisa fortalecer a corresponsabilidade.
O camiño é longo, sabémolo, pero nós cada día somos máis. Este ano fomos 20 cidades en revolta: Almería, Badaxoz, Barcelona, Bilbao, Burgos, Ciutadella, Córdoba, Granada, Huelva, As Palmas de Gran Canaria, Logroño, Madrid, Oviedo, Salamanca, Santander, Santiago de Compostela, Sevilla, Valencia, Vigo, Vitoria-Gasteiz e Zaragoza.
No acto recordamos o Sínodo das Mulleres da CWC e como as reflexións de mulleres de todo o mundo foron entregadas ao Papa Francisco en Roma e tamén aos bispos das dioceses nas que a revolta está presente. En Galicia fixémosllelas chegar aos cinco bispos galegos, sen ter recibido resposta ningunha ata o momento.
Necesitamos recuperar a Comunidade de Xesús de Nazaret, que contradí o funcionamento actual da Igrexa. A Igrexa precisa fortalecer a corresponsabilidade de todos, darlles primacía aos Evanxeos para que podamos vivir como Xesús viviu e ensinou. A liberdade que nos trae Xesús non implica permanecer apegados ás tradicións, estruturas culturais e doutrinas, significa sermos libres para vivir vidas autodeterminadas en compañía de Xesús e de todas as nosas irmás e irmáns.
A Revolta o pasado domingo 05/08/2023 en Vigo. Foto: Rodrigo Varela.
Xesús dille á filla de Xairo (Mc 5, 35-43): “Non teñas medo, ten fe” e “Rapariga, levántate”. Xesús convídanos a non ter medo, a ter fe no Deus que nos ama e nos convida a camiñar, a sentirnos plenas, adultas, capaces. Convídanos a ter confianza, a levantarnos a pesar da dor ou dos erros, a poñernos de pé, a refacer lazos, tender pontes e construír novos espazos de sororidade e fraternidade nunha igrexa sinodal, que é asemblea de discípulos iguais na diversidade de dons e misións.
Tendes máis información e o noso manifesto en www.exeria.org