Carmen Soto

As Servas de san Xosé comezaron a súa andaina alá polo século XIX da man da súa fundadora, Bonifacia Rodríguez. Este mes cúmprese o 183 aniversario do seu nacemento e ante a actual situación que estamos a vivir, parece que o seu legado está máis presente que nunca. Cóntanolo Carmen Soto, serva de san Xosé.

Explica como é iso de que o legado de Bonifacia Rodríguez estea presente case 150 anos despois?
Bonifacia xunto a Francisco Butinyà iniciou en plena revolución industrial un proxecto que buscaba dar unha resposta á situación de moitas mulleres empobrecidas que, necesitadas dun traballo, atopábanse con situacións de explotación, de abusos, de falta de formación e de oportunidades. Hoxe esa situación segue existindo e segue sendo necesario impulsar camiños de dignificación e empoderamento das mulleres, especialmente das máis vulnerables. Por iso, seguindo as pegadas de Bonifacia buscamos ofrecer respostas axeitadas ao presente para as mulleres que viven situacións de vulnerabilidade agudizadas neste momento pola crise sanitaria mundial. Unha desas propostas no contexto no Estado español é o Proyecto Hilandera, que neste momento está a impulsar a produción de máscaras hixiénicas homologadas.

Son moito máis que solidarias, son máscaras éticas

En que consiste exactamente?
É un taller téxtil ético de promoción social situado no barrio malagueño da Carlinda, que nace da aposta de tres entidades sociais: a Congregación das Servas de san Xosé, a ONGD Taller de Solidaridad e a Fundación Marcelino Champagnat, para dar formación e emprego a mulleres en situación de vulnerabilidade doutras barriadas e poboacións da redonda. Actualmente traballan nel seis mulleres que, co apoio do persoal técnico, están a sacar adiante unha gran produción de algo tan imprescindible hoxe en día como as máscaras hixiénicas.

E, por que precisamente decidides poñervos a facer máscaras hixiénicas?
Porque cremos que estas máscaras éticas eran a mellor maneira de mostrar como é posible reinventarse en situacións de crise e dar resposta a unha dobre necesidade social como a de conter a pandemia e seguir mellorando a vida das mulleres a través do acceso a un emprego digno. Porque cada vez que compras unha máscara non só te protexes ti e aos teus, senón que protexes a todas esas mulleres que as fabrican e a aquelas que, grazas a esa compra, poderán chegar a ter un traballo digno. Ademais, contribúes a mellorar o mundo no que vivimos, ao tratarse de máscaras reutilizables.

Dixeches que son máscaras éticas, e non solidarias, por que éticas?
Son moito máis que solidarias. Son máscaras éticas porque dan traballo a mulleres para as que acceder a un posto de traballo se converteu nunha especie de carreira de obstáculos; éticas porque colaboran na relocalización da produción téxtil en España; éticas porque contribúen a un menor impacto ambiental, xa que se poden volver usar, ata o punto de que cada unha equivale ao uso de 5 desbotables. E tamén son éticas porque son solidarias, xa que ao mercalas existe a posibilidade de achegar unha doazón para contribuír a doar máscaras a proxectos sociais da localidade de quen realizase a doazón. Máscaras que se entregarán a persoas que a necesitan e non a poden mercar.

Contra a pandemia, reinventar solidariedades

Que outros proxectos como este impulsades na vosa congregación?
En Filipinas temos varios talleres de produción téxtil nos que traballan máis de 200 mulleres nos que se producen desde uniformes escolares ata diversas roupas litúrxicas. Estes talleres son unha pequena resposta alternativa, dentro do contexto asiático, non só ao modo de producir senón tamén ao modo de ofrecer traballo, é dicir, non só se quere facer roupa de calidade senón facelo en condicións dignas, e con soldos xustos. Empregar mulleres deste xeito e ofrecerlles un espazo de empoderamento, de dignificación e ademais, en moitos casos, elas son as que co seu traballo poden sacar adiante a toda a familia. (Pódese ver nesta web: http://www.talleresdenazaret-mandaluyong.yolasite.com/)

Tamén apoiamos a marca téxtil “Roupa feita con amor” que está a impulsar a ONGD Taller de Solidaridade, que é unha proposta solidaria, sostible e respectuosa co medio natural e que pon no centro as persoas. Esta marca ten diferentes produtos, pero neste intre estase a potenciar o traballo do Proyecto Hilandera integrando as máscaras hixiénicas no catalogo da marca téxtil.

Onde se poden mercar en Galicia e contribuír a este proxecto?
Estas máscaras elabóranse no obradoiro do Proyecto Hilandera e podedes mercalas a través de Taller de Solidariedade, mediante a marca de roupa ética “Roupa Feita con Amor” da que falamos. As máscaras pódense mercar na tenda online da nosa ONG (https://tenda.tallerdesolidaridad.org) ou na tenda física que ten a súa sede en Lugo (Rúa Ramón Montenegro, 17)

Máis información sobre Proyecto Hilandera:
Sonia Carralafuente [Comunicación]
91 535 95 58/ 638 02 81 51
Yolanda Lojo [Prensa]
636 47 42 43
Ana Silva Romero [Responsable de Ropa Hecha con Amor]
982 80 47 36
Máis información sobre
Taller de Solidaridad en www.tallerdesolidaridad.org
Servas de san Xosé en www.siervasdesanjose.org