Hoxe quero compartir convosco un libro que recolle 15 relatos de mulleres que confiaron no seu presente para facer posible un futuro cheo de esperanza. Neles atopamos a memoria do esforzo, do empoderamento e da dignidade. As mulleres que os protagonizan, espalladas en distintos lugares do mundo, ofrécennos pequenos retallos de existencia que tocan a terra do cotián. Unha terra na que foron quen de artellar proxectos de emprendemento con lucidez e audacia, combinando a intuición e os dons persoais.
Son relatos breves e narrados coas voces das nenas das súas protagonistas, pero as súas palabras remiten a eses significados existenciais que fan posible afrontar a vida con sentido e que, como acertadamente se enuncia no título do libro, fan que as mulleres que xestaron estes relatos se convertan en lendas. As súas vidas regálannos humanidade. Elas deron novos nomes ao éxito, nados das súas experiencias de superación, resiliencia e reconciliación.
Xunto ás súas historias atopamos a creatividade doutras mulleres, que se deixaron nutrir polos relatos das súas compañeiras. Con humildade, puxeron a súa arte ao servizo das historias de vida que escoitaron e ofrécennos non só belas ilustracións, senón tamén unha interpretación visual do narrado que nos axuda a ver máis aló do papel e ábrennos aos matices, aos subliñados, aos detalles.
Na última parte, o libro ofrécenos preguntas e actividades que nos axudan a reflexionar sobre os nosos propios relatos existenciais, cos nosos retos, dúbidas e soños, para seguir facendo medrar esa xenealoxía de mulleres emprendedoras que cambian o mundo e o que esperamos del.
O libro nace da man da ONG Taller de Solidariedade como parte da súa campaña “Enredadas no cambio”, coa que quere promover o traballo digno e a igualdade de xénero, impulsando e visibilizando o emprendemento feminino.
O libro o podedes descargar en galego na súa web: https://tallerdesolidaridad.org/descarga-libro-de-ninas-a-leyendas-enredadas-en-el-cambio/