© Foto – Bea e Alex de Brava Producións
O “xeito de Pilar” envólvete, enrédate, deu nun “encontro milagreiro
Foi unha idea que se foi fraguando hai anos no sentipensamento colectivo da Rede Miriam e na asociación de MCG Exeria. Despois de meses, coido que polo arte que ten “o facer de Pilar” que nos preñou de confianza, de formas para o encontro e de facer compartindo o mellor de cada unha, artellouse unha proposta que quería respectar e dar resposta a ese “xeito de Pilar” e ó que a sororidade con ela prendera en nós.
A linguaxe simbólica foi transversal a todo o acto. Comezando por un cesto circular cheo de flores diversas, que a comunidade de Bazar elaborou, colocado sobre unha “kufiya” palestina cor malva, un mantón no centro, bandas malvas con ramalletes de flores frescas malvas e brancas. Si! Todo para significar o xeito sororal de Pilar que traspasa o individual para facer sempre en círculo (en ramallete), si! A circularidade como matemática e filosofía de traballo e de vida.
A mañá estivo chea de palabras para celebrar a sororidade.
Ó inicio unha sinxela e fermosa presentación poética da xornada, para continuar “falando da sororidade”, desde a resignificación da figura de Antígona, pasando polas experiencias de sororidade e espiritualidade feminina na Biblia, e nas vidas de mulleres relevantes (ex.: Exeria). Continuaron testemuñas de palabras desde a experiencia e o “partir de si” que a relación con Pilar evocaba.
Testemuñas da Rede Miriam, do ser relixiosa na aldea, da Escola de Espiritualidade, do seminario de Acompañamento de Salamanca, da Compañía de María e mesmo, de xeito espontáneo, do Voluntariado social Rogas. Tamén breves vídeos de persoas que non puideron vir, mostra das diferentes redes de complicidade e amizade fonda con Pilar.
A coincidencia sobre o sentir a Pilar como “parteira de Vida” en todas elas era palpable. No meu ser empezouse a sensación de hipercirculación recoñecendo o cambio que supuxo ese cambio de Guía-directora a “parteira”. As emocións sobrepasaban e o latexo acelerábase. Por momentos as bágoas desbordaban, abroiaba unha amalgama de sentimentos; admiración, solidariedade, compaixón, agradecemento, forza , fonda sensación do auténtico, do sagrado, producindo esa mestura deliciosa de felicidade, recoñecemento e sensación de Espiritualidade encarnada.
Pechaba a mañá das palabras o potente canto “Chea de vida” que expresaba a integración de como estamos e queremos estar, facendo danza colectiva e amosando forte a nosa diversidade (expresada a través da linguaxe de signos) o sentir da sororidade nese salón de actos que parecía que abría as entrañas a moita mais xente, países, e vidas! A música, igual ca profetisa Miriam, convocaba á danza e á proclamación, facía caricias máxicas nas almas de tódalas persoas. A enerxía, a forza do encontro, as miradas, apertóns e sentires eran de verdade espazo sagrado de celebración e honrar da Vida!
© Foto – Bea e Alex de Brava Producións
Todo para honrar e seguir a circularidade e a sororidade con Pilar.
Embargadas neses pensamentos compartimos un xantar, realmente eu diría que o “banquete da sororidade” en estado puro. Delicioso e divertido tamén o canto e baile con sabor e tonos moi “nosos”.
Pois isto debe ser milagreiro, non si? Eu sentía que iamos crecendo e collendo forza e folgos a medida que pasaba o dia.
E digo eu.. que o alimento destes encontros é tan de calidade, fainos tanto ben, ensánchanos e fainos medrar, énchenos de gozo, levanta o espírito, que igual podiamos seguir esta “dieta da sororidade “ para sempre!
A celebración da tarde.
Foi parida con calma e alma. Tivo lugar na Igrexa pero sentadas en círculo, con elegante solemnidade puxo o colofón do exquisito banquete. Despois de tanta palabra o silencio e o simbólico dominaban a escena: música de fondo e outra vez o mantón que adornaba o centro do escenario da mañá de palabras sororais; persoas significativas na traxectoria de Pilar saíron a debuxar con flores (as de pola mañá e “semprevivas” violetas) un círculo no centro para situar nel a Pilar con dúas fieis amigas e compañeiras de camiño, que simbolizaban esa trindade sagrada feminina; unha sabia compañeira, mestra do reencontro, acompañou con postura de gran dignidade, como guía os pasos do ritual que se centraría en bendicir, con danza colectiva, e unxir á nosa compañeira, impoñendo o “manto da sororidade” expresando a nosa oración agradecida, profunda e amorosa.
Eu vivo no Amor e o Amor envólveme!
Con este retrouso de fondo, algunhas palabras espontáneas; un precioso poema co aire da poetisa de Bazar, varios agradecementos desde o fondo e un estoupido de baile de irmáns de Pilar que compartiron vivas e aperta colectiva no círculo, pechouse este espazo milagreiro.
Ademais do mantelo, as máis novas do encontro, simbolizando o futuro e a continuidade no camiño de mullerío e sororidade, compartiron agasallos: acuarela con arte e amor dunha compañeira artista. Tamén se agasallaron xabóns con arrecendo a lavanda que inundaron de alquimia co arte e o amor da comunidade contemplativa de Armenteira. Volveu a estoupar de xeito espontáneo pechando o círculo do encontro… “Chea de Vida”!