1M. Revolta das Mulleres na Igrexa

A Revolta de Mulleres na Igrexa segue medrando e facéndose oír… Dos 8 grupos que iniciamos o movemento en 2020, hoxe somos xa trinta e tres consolidados e algún máis que se está a formar por toda a xeografía do estado. Hai mulleres en revolta en Alicante, Asturias, Badaxoz, Barcelona, Bilbao, Burgos, Cabra, Cantabria, Córdoba, Granada, Guipúscoa, Huesca, Xaén, A Rioxa, As Palmas de Gran Canaria, León, Lugo, Madrid, Málaga, Menorca, México, Murcia, Navarra, Salamanca, Santiago de Compostela , Sevilla, Tenerife, Teruel, Valencia, Valladolid, Vigo, Vitoria- Gasteiz e Zaragoza.

Estamos coordinadas en cinco sectores (Norte, Centro-norte, Mediterráneo, Centro e Sur) Todas subscribimos as conclusións do Sínodo das Mulleres ( https://www.catholicwomenscouncil.org/es ) e, no encontro de estatal de 2025 en Ciempozuelos, referendamos entre todas un documento marco de coordinación no que, respectando as particularidades e procesos de cada grupo, nos apoiamos unhas ás outras para seguir avanzando. Temos un equipo coordinador de mulleres que mira cara adiante, poñendo futuro, pensando en todas, afianzando pasos que todas poidamos dar.

Un dos acordos é o de xuntarnos. Os anos pares facémolo por sectores e nos impares a nivel estatal. Así, o pasado mes de xaneiro tivemos a primeira xuntanza do sector Norte en Astorga. Alí xuntámonos mulleres de Navarra, País Vasco, Cantabria, Asturias, León e Galicia. Viñeron como convidadas mulleres de Astorga e Palencia, entusiasmadas e con ganas de unirse. En febreiro xuntáronse en Burgos as do sector Centro-norte (Aragón, Rioxa e Burgos). Son encontros que nos dan vida, nos que nos poñemos cara sen pantallas, nos celebramos e nos damos azos.

Temos unha data que nos une a todas: o Día da Muller, que celebramos o domingo anterior ao 8M para podérmonos sumar aos actos convocados o día 8 polas plataformas feministas. Así, o 1 de marzo as revoltas saímos á rúa, ao pé das nosas igrexas e catedrais, nunha celebración común, baixo o mesmo lema e cartel, para reivindicar a igualdade na Igrexa.

Este ano a nosa reivindicación fixouse nos nosos corpos de mulleres, corpos de Deus, templos da Ruah, do Espírito. O lema elixido foi “Este é o meu corpo”

Con palabra, xestos e festa, celebramos e lembramos ás mulleres vulneradas, porque a pobreza ten nome de muller: as que cruzan fronteiras, as precarizadas nos seus salarios e traballos, as asasinadas e abusadas nas guerras e dentro dos seus fogares…

Na performance puxemos no medio aos arquetipos de muller: a Virxe María e Eva, a pecadora. Ao longo do tempo, o patriarcado e o clericalismo impúxonos dous modelos: virxe ou pecadora. O imaxinario colectivo obrigounos a situarnos nun ou outro destes dous polos.

  • Submisa como a Virxe ou desobediente como Eva
  • Casta e pura como a Virxe ou sensual e sedutora como Eva.
  • Inxenua como a virxe ou desconfiada como Eva
  • Compracente como a virxe ou inconformista como Eva
  • Xenerosa como a Virxe ou ególatra como Eva
  • Servil como a Virxe ou ambiciosa como Eva

O patriarcado clerical plastificou e cousificou os nosos corpos e encirrounos no enfrontamento entre mulleres: as Marías fronte ás Evas. No noso acto quixemos facer sororidade, recuperar os lazos que nos unen como mulleres e facer xustiza a Evas e Marías, lembrando como Xesús se achegou a nós, ás insignificantes, ás destinadas a existir nas marxes. Xesús tocou os nosos corpos diverxentes e non normativos cando tocou á muller dobrada. Non nos xulgou nin condenou cando lle puxeron diante unha muller adúltera. Púxonos no centro do escenario da Vida, facéndonos protagonistas das nosas historias de resistencia, na muller das hemorraxias… Nós, as mulleres, aprendemos con Xesús a transformar as nosas vidas vilipendiadas, a recoñecernos como ‘fogar’ da humanidade.

Queremos romper con eses modelos de muller que nos esencializan e nos converten nunha imaxe estereotipada. As mulleres somos rebeldes e xenerosas, ambiciosas e sagaces, confiadas e audaces. Somos lesbianas, heterosexuais e asexuais, somos casadas, divorciadas e emparelladas; somos corpo, lucidez, emoción e razón, concupiscencia e pracer. Somos fillas, somos nais, somos desexadas e desprezadas, sacrificio e tenacidade, persuasión e intelixencia, abrazo e xenreira, loita e descanso, aloumiño e coidado. Somos amadas e odiadas, bálsamo e comechón. Somos fillas do Deus humanidade, rescatadas nun abrazo trinitario que nos acorpa nas nosas loitas.

A Igrexa é muller, din os teólogos. É corpo de Cristo, dixo Paulo. A Igrexa é corpo que menstrúa, sangue derramado para dar a vida, para parir unha nova humanidade. Así, con pan e viño, con corpo e sangue, celebramos os nosos corpos nunha mesa á que homes e mulleres somos chamados.

Na celebración lembramos as palabras de Casaldáliga, e sentímonos chamadas pola luz da túa memoria, sinais cara ao Reino facendo Historia, en sororal e subversiva Eucaristía.