Este libro xorde da conxunción de moitas grazas. Grazas ás mulleres da Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria, amigas que me sosteñen nesta aventura de escribir e publicar; grazas ás teólogas feministas, que coas súas investigacións me forneceron datos e historias; grazas a Sole Pite Sanjurjo, que ilustrou a obra con mestría; grazas a Lorena Conde e a Inés Salvado, que me fixeron ver a espiritualidade sen etiquetas relixiosas, presente nas súas vidas; grazas ao Concello de Santiago, que vai poñer o nome de Exeria a unha praza compostelá; grazas á Editorial Galaxia, que se puxo ao noso dispor; grazas a vós, que ledes, apoiades…

No relato tentei imitar o xeito de escribir de Exeria: coloquial, sinxelo.

O libro ten dous puntos focais. O primeiro dámo a ensaísta Milagros Rivera Garretas, que escribe que en Exeria todo é tan impecable, tan sinxelo e liso, que podería parecer que non hai nada sospeitoso nunha muller que percorre o Imperio romano dunha punta a outra a finais do século IV. Pero a pouco que se mire, o contexto social, político e relixioso do século IV non é para nada impecable, sinxelo e liso.

O segundo punto focal do escrito descubrino na teóloga feminista Elisabeth Schüssler Fiorenza, que nas súas obras En memoria de Ella e Los caminos de la sabiduría, nos convida a practicar a hermenéutica da sospeita: a sospeita como sistema de traballo, cando nos achegamos aos textos trasmitidos na Igrexa. Schüssler Fiorenza convídanos a sospeitar dos textos tal e como se nos teñen transmitido, pois as ópticas dos narradores son androcéntricas, e tamén a recrealos desde miradas non patriarcais, facendo hermenéutica da creación activa. A clave, di, é poñerse na pel das mulleres, darlles o protagonismo nas historias e imaxinar como as contarían elas.

Así fun lendo entre liñas e imaxinando todo o que Exeria cala e propúxenme contarllo a esta Igrexa de principios do século XXI. No relato tentei imitar o xeito de escribir de Exeria: coloquial, sinxelo. Non teño ningunha dúbida acerca do elevado nivel cultural desta muller, que se desenvolve sen problema en latín e grego, tanto na escrita como na fala, que parece saber algo de siríaco; unha muller que se alegra fondamente cando lle regalan libros, pensando en compartilos coas súas irmás…

Desde estes dous puntos de fuga, fun tirando de diferentes fíos que o texto ía traendo a min. O primeiro fío do que tirei foron as mulleres: as amigas de Exeria (das que pouco sabemos) e as mulleres cristiás de finais do século IV. Hai xa algúns estudos feitos que tentan relacionar a Exeria con homes importantes do seu tempo: Teodosio, Casiano, Prisciliano… Pero non atopei nada que a relacionara coas mulleres. Onde estaban as mulleres no século IV? Por que nas investigacións non se fala delas, tendo en conta que Exeria era unha muller e dedica o seu escrito a un grupo de irmás e amigas?

Exeria pon o seu desexo de coñecer ao servizo das outras, das súas sorores

Así fixeime en como estaban a ser tratadas as mulleres na Igrexa cristiá no século IV, poñendo de manifesto como todas elas, coas súas vidas, saltan por riba das recomendacións e mesmo prohibicións do seu tempo. Así tamén Exeria escribe cunha pulcritude infinita, sen descompoñer nin un momento o seu discurso, sen un lamento ou unha queixa, coma se todo o que fai fora perfectamente canónico e normalizado.

Outro fío do que tirar é a autoridade. En latín hai dúas palabras para autoridade: auctoritas e potestas. A potestas define o poder capaz de impoñerse mediante a coacción ou a forza. A auctoritas apela ao recoñecemento da sabedoría ou autoridade dunha persoa nunha determinada materia. Exeria non repara na potestas, por iso non se fai de menos ante a xente coa que se atopa. Ela é unha muller de auctoritas, que recoñece a sabedoría de vida das persoas coas que fala, da que bebe e aprende. Exerce a súa auctoritas coas compañeiras, as amigas na distancia, ás que fala desde abaixo, desde a proximidade. Non como unha superiora ás súas pupilas, nin rebaixada ante elas, senón como iguais. Exeria pon o seu desexo de coñecer ao servizo das outras, das súas sorores, irmás e amigas queridas, ás que lles di: “Quero que saibades”. No libro, relacionei esta auctoritas co liderado entrañable do que nos fala a antropóloga mexicana Marcela Lagarde no seu libro Claves feministas para liderazgos entrañables (Ed. Puntos de encuentro, Managua, 2000).

Outro fío do que tira este libro que é a Igrexa do século IV. Exeria ve nacer o monacato e cónta llelo de xeito particular ás mulleres da Gallaecia, 200 anos antes de Martiño de Dumio. Toma nota das liturxias na cidade de Xerusalén, centro eclesial do momento, visita lugares de culto, describe os edificios que atopa… No seu escrito vemos a primeira evolución da Igrexa, uns cambios con luces e con sombras, unha igrexa que está a relegar as mulleres, avanzando en patriarcalización e suntuosidade, o que me fai acender alarmas que lle fagan pensar á Igrexa de hoxe.

Espero que vós, lectoras e lectores, vaiades atopando máis fíos dos que tirar, para levar a Exeria máis alá do tempo e do espazo.

Grazas e boa lectura!