BEGONHA CAAMANHO RASCADO,
A súa familia materna era orixinaria dunha aldea pontevedresa de A Caniza. Ela nace en Vigo, críase no barrio do Calvario nunha casa a carón da das súas avoa e bisavoa; a súa infancia vai estar inzada de xogos na rúa, cine e os poemas e contos lidos ás noites pola súa nai para ela e a súa irmá e irmáns. Na adolescencia vai vivir ao barrio de Coia e alí remata os estudos de bacharelato.
“Cando empecei a traballar cría firmemente no que facía… logo topei coa censura e coa creación dunha maquinaria para enganar que non me interesaba”.
Na Radio Galega levará adiante varios proxectos de seu, un deles Andando o mundo con sintonía de Berrogüetto, tamén Club Cultura, Expreso de medianoite e vai colaborar no Diario Cultural que dirixe Ana Romaní. Afíliase na Converxencia Intersindical Galega (futura CIG). “Há que mudar as leis e implicar-se ativamente na construçõm dum modelo público de meios de comunicación que nos faga máis sabi@s e máis livres”.
Colabora con A Nosa Terra, Tempos Novos, a revista antimilitarista Ar!, a revista de pensamento feminista A festa da palabra silenciada e en cadernos e documentos da organización feminista Mulheres Nacionalistas Galegas.
Un momento do acto celebrado na Praza Exeria, en Santiago de Compostela
En Compostela nace a Begoña escritora ou contadora de historias como ela se referenciará: “recoñézome nesas mulleres que foron portadoras de historias, aínda que as máis das veces non tivesen acceso á literatura escrita”. Cando ten 45 anos, e nun período de baixa por depresión, comeza a escrita de Circe ou o pracer do azul, no 2009, a primeira novela dunha triloxía, seguiralle Morgana en Esmelle, no 2012. Con estas dúas novelas pretende reescribir os mitos que están na base da nosa civilización, dándolle voz ás mulleres, non en exclusiva, pero si desde unha nova perspectiva. A primeira novela será a recreación das voces de dúas mulleres, Circe e Penélope, que comezan tanteando os sentimentos de ambas sobre o mesmo home e rematan atopando a chave da propia vida: o Eu tamén navegar que anunciara a poeta Xohana Torres; aquí Begoña Caamaño consegue emocionarnos e adentrarnos no ambiente da Grecia clásica dende o idioma de noso. Coa segunda novela, Morgana en Esmelle, pasa da mitoloxía grega á mitoloxía celta, parte doutro dos alicerces do noso mundo atlántico, o ciclo artúrico, seguindo o ronsel de Cunqueiro, Méndez Ferrín ou Darío Xohán Cabana.
A terceira novela ía ser arredor da figura de Xerezade, que consegue sobrevivir coa estratexia de contarlle un conto á súa irmá Duniazade antes do amencer, pero este derradeiro proxecto -e a novela sobre a súa bisavoa- non vai poder desenvolvelos porque morre dez días despois de facer os 50 anos, en outubro de 2014.
Un ano despois da súa morte, un grande grupo de amigas faranlle unha homenaxe e sacarán O libro das amigas. Doce anos despois, a Real Academia Galega decide que ela sexa a autora celebrada ao longo deste 2026.