“Crentes e feministas: razóns para a esperanza”

Preto de 200 mulleres, procedentes de 29 das 33 Revoltas locais de todo o Estado, reunímonos do 9 ao 11 de maio en El Escorial para celebrar o III Encontro Estatal da Revolta de Mulleres na Igrexa – Alcem la Veu, baixo o lema “Crentes e feministas: razóns para a esperanza”.

Facendo memoria da nosa historia con Pepa Moleón, Marisa Vidal e Pilar Calle.
Facendo memoria da nosa historia con Pepa Moleón, Marisa Vidal e Pilar Calle.
Desde Galicia asistimos en representación da Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria e das Revoltas de Vigo e Lugo. Alí confirmamos o noso desexo de sermos e estarmos en igualdade cos homes nunha Igrexa máis circular e menos xerárquica, máis laical e menos clerical; unha Igrexa servidora, misericordiosa, aberta e acolledora. Ao recentemente nomeado papa León XIV, pedímoslle que impulse a reforma dos costumes, doutrinas e leis da Igrexa, ancoradas nunha concepción patriarcal e clerical que mantén a subordinación e a invisibilidade das mulleres. Cremos que o traballo e o pensamento das mulleres, así como o seu acceso aos espazos de toma de decisións, son fundamentais para a necesaria conversión da Igrexa ao Evanxeo. O Deus da vida, que ama as súas criaturas, quérenos libres e iguais, e rexeita todo o que impide a nosa plenitude.

Neste encontro, a Revolta reafirmou a súa aposta pola igualdade e a denuncia de que o patriarcado é pecado, pois a gloria de Deus é que as mulleres vivamos en plenitude e abundancia.

190 mulleres de todo o territorio español tecendo redes de sororidade
190 mulleres de todo o territorio español tecendo redes de sororidade.
Así marcamos a nosa folla de ruta para o futuro, que concretamos en:

  • Seguir creando comunidades cristiás sororais.
  • Manter un esforzo continuo de formación teolóxica e feminista, impulsando a teoloxía feminista na nosa vida cotiá e nos espazos públicos.
  • Promover a nosa presenza en todos os espazos da Igrexa, asumindo responsabilidades na liturxia (mesmo no altar), na organización, na representación e na expresión pública da nosa fe.
  • Apoiar a pastoral da diversidade sexual en todos os ámbitos eclesiais.
  • Esixir estruturas diocesanas contra os abusos a menores e persoas adultas na Igrexa, espazos onde denunciar, previr, escoitar e apoiar as vítimas.
  • Celebrar a vida e a fe recuperando imaxes, símbolos e linguaxes inclusivas e liberadoras.
  • Producir materiais litúrxicos e pastorais que incorporen a perspectiva de xénero.
  • Promover unha espiritualidade ancorada na vida e no compromiso por outro mundo posible no que a vida das mulleres importe.
  • Renovar o noso compromiso por e coas mulleres empobrecidas e con todas as periferias sociais e existenciais.
  • Continuar a nosa participación e diálogo cos movementos do feminismo civil.
  • Fortalecer a nosa colaboración coas redes internacionais do feminismo católico, con especial incidencia no sur global.
Representación das 29 Revoltas locais presentes no Encontro en El Escorial
Representación das 29 Revoltas locais presentes no Encontro en El Escorial.