Amigas e amigos de Exeria:

Hai algo máis dun ano, a Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria pensamos que en Santiago debería haber algún espazo urbano que recordase e visibilizase a figura de Exeria, a nosa matroa. Goretti Sanmartín suxeriu a idea do emprazamento (no cruce entre a Avenida de Lugo e a rúa dos Concheiros) e axudounos a presentar a petición no Concello. Esa petición ía acompañada dun bo feixe de sinaturas de diferentes persoas e entidades como Irimia que, con nós, lle pedían ao Pleno do Concello de Santiago de Compostela que este espazo urbano levase o nome de Exeria e que nel se fixese algún tipo de intervención cultural e artística que recordase esta muller. A concelleira Mercedes Rosón recolleu a nosa petición e con nós foi vendo as posibilidades que se ían abrindo. O bo facer de Sole Pite interveu para idear a fermosa escultura que dende novembro preside este espazo urbano, entre a cidade vella e a nova, no camiño francés a Compostela, principal vía de entrada das peregrinas e camiñantes que nos visitan. A escultura fálanos dunha muller cunha historia que se esvae no camiño, avanzando sempre cara ao abrente, cara ao nacemento da vida, cara aos inicios, para recuperar as historias perdidas, os camiños primitivos da igualdade. Exeria, Eucheria, Etheria, Egeria… é a primeira escritora da Hispania, unha muller que escribe para as súas irmás, ás que chama Lumen meum, dominae, sorores, amigas, luz da miña vida… Como ben di o pé da escultura de Exeria: “Quero que saibades!”. Potente e rebelde exercicio de autoafirmación feminina, de toma de conciencia.

Para as Mulleres Cristiás Galegas este é un momento histórico. Levamos percorrido un camiño como asociación de máis de 25 anos, con moitos soños compartidos por mulleres que fomos e estamos a ser parteiras dunha nova conciencia na Igrexa.

A escultura de Exeria é un símbolo dunha nova conciencia que soña con que a igualdade sexa costume na Igrexa

Cando naceu a nosa asociación, buscamos unha matroa, unha muller que nos representase como grupo e eliximos a Exeria por ser unha investigadora, unha muller pegada á terra, camiñante, que non quería que outros lle contasen, senón que quería ver por ela mesma e transmitirlles ás outras as súas descubertas. Exeria represéntanos, e hoxe máis que nunca, pois con esta escultura e co libro que vimos de editar, Eu son Exeria, que xusto vén de saír publicado tamén en castelán, estámola poñendo na boca e nos ollos de toda a cidadanía de Compostela e tamén de quen nos visita. Exeria está na capital de Galicia, na entrada a Compostela, cunha estatua elaborada nun proceso de sororidade entre nós e Sole Pite, entre Sole Pite e Cuqui Piñeiro. Sole foi a muller que escoitou o noso soño e lle puxo corpo, foi quen de poñer as nosas intuicións e desexos nun anaco de bronce. Con Sole, Cuqui Piñeiro, na súa fundición Arte Bronce, foi a encargada de materializar o soño de todas.

Esta escultura visibilízanos a nós e tamén a todas as persoas que acollen a outras, que se deixan atravesar por realidades diferentes, que se abren á luz, a saír de si mesmas. Somos as herdeiras desas mulleres que buscaron unha nova maneira de falar de Deus, en feminino e feminista. Recollemos a tradición das apóstolas, das beguinas, das que, como Exeria, abriron camiños para outras e falaron coa súa propia voz.

Neste momento de ledicia queremos recordar a todas as mulleres que, ao longo destes 25 anos, construíron a nosa asociación, ás que xa non están, ben porque os seus camiños tomaron rumbos diferentes ou ben porque a súa vida pasou a outra maneira de presenza. Con elas brindamos!