Un estímulo dos que marcan a túa carreira profesional foi o que tivo Thomas Jolly (Rouen, 1982) cando lle encargan a organización das cerimonias inaugural e de clausura dos Xogos Olímpicos de París. E un pulso valente, actual e consciente da súa aposta foi a resposta que o director de “La Piccola Familia” nos está a trasladar o venres 26 de xullo e o domingo 12 de agosto de 2024.
“Cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos que parodiaba o cadro de A última cea de Leonardo da Vinci.
“Cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos que parodiaba o cadro de A última cea de Leonardo da Vinci.

Non semella doado presentar o Sena como caixa escénica, mais as impoñentes escenografías que o curso da historia chantou nas beiras do río serven en bandexa un propósito artístico que non deixa indiferente. Para iso conta coa colaboración de Patrick Boucheron (París, 1965), un dos máis prestixiosos historiadores, un dos artífices da actual renovación historiográfica europea e que aconsella tamén a nivel escenográfico.

E que mellor que transgredir as iconas da cultura francesa con festa!

Por que dous homes á cabeceira desta “Irimia en lila”? Porque a súa complicidade e “savoir faire” foron quen de sacudir as nosas miradas e poñernos diante da sociedade de hoxe en día, fragmentada, diversa, que non entendemos e que nos incomoda. E que mellor que transgredir as iconas da cultura francesa con festa! E que mellor que a través das mulleres, d@s trans, queer, co adubío irredento do baile que é corpo real, movemento que convida á fusión e da música popular que alegra o corazón! Porque os dous son conscentes de que o francés de Aya Nakamura ten que entrar na Academia diante da que cantou, porque o “Imagine” interpretado en inglés cun leve sotaque parisino por Juliette Armanet ten que entrar nos nosos soños, porque a “Marsellesa” entoada pola muller de cor Axelle Saint-Cirel filla de inmigrantes da Illa de Guadalupe enriba do Grand Palais ten que superar a iconografía aceptada, porque o irreverente “Ça Irá” de María Viotti e Cojira na propia Bastilla ten que entrar nas Constitucións e a coroa de Barbara Butch e todo o seu indisciplinado corpo de baile ten que entrar na Igrexa.

E, ademáis, porque foi conforme coa realidade política que representan as persoas que ocupan as alcaldías de Paris e Los Angeles e que tiveron protagonismo no peche da cerimonia de clausura dos xogos olímpicos: Anne Hidalgo, alcaldesa de París e Karen Bass de Los Angeles. As dúas comparten o feito de ser as primeiras mulleres alcaldesas na historia de cadansúa cidade, as dúas comparten a clara vocación social do seu programa, ben na loita pola igualdade, ben na loita contra a pobreza respectivamente.

E para rematar unha suxestión e un desexo. Como suxestión, un visionado á parte artística das cerimonias (tv á carta, youtube, etc.). Como desexo que para os vindeiros xogos olímplicos conten con mulleres na dirección artística e no asesoramento como as nosas Ánxeles Cuña Bóveda, Marta Pazos, Esther Carrodeguas, Laura Iturralde, Marta Verde, Rocío Sánchez Ameijeiras, Ofelia Rey Castelao, Carmen Manso, …