Elixir na vida é complicado. Así nolo mostra Alauda Ruiz de Azúa en Los domingos. E se esas decisións son das que nos afectan (nos tocan nos afectos), as opcións son poucas e difíciles. Por iso a Ainara (unha xenial Blanca Soroa) non lle vale ir estudar a outra cidade —claro intento das persoas adultas por desprazar un problema que non son quen de resolver— e véo como un chanzo máis dese “sen amor”, desa falta de autenticidade e de fondura que a arrodea. Para ela, a vida monástica é a forma de amor radical que tanto anda buscando: a calma no medio do ruído e do caos familiar, a liberación, a paz.
Cartel da película Los Domingos

© Foto – Filmaffinity

Hai algunhas inexactitudes no relato que potencian a tensión da fita. En primeiro lugar, as ordes monásticas contemplativas (as monxas) non rexentan colexios. Iso fáltalles ás congregacións relixiosas (as relixiosas), que hai tempo que se están a desligar das tarefas docentes. Hoxe os colexios relixiosos están gobernados maioritariamente por segrares que seguen o ideario da congregación fundadora. Tamén hai que remarcar que optar pola vida contemplativa é unha escolla de mulleres adultas. De feito, non se pode entrar nun mosteiro con menos de 21 anos e, cando se entra, hai que pasar tres meses de proba, dous anos de postulantado e dous máis de noviciado para chegar á profesión temporal. Tres anos despois faise a profesión definitiva. O proceso dura, como pouco, sete anos.

As feministas ven con certo receo que unha muller nova opte por formar da Igrexa

Como persoa crente, botei en falta que o filme recollese unha teoloxía máis actualizada, máis acorde co Vaticano II (1965) e coas reformas que iniciou o papa Francisco, así como o uso dunha linguaxe relixiosa máis acorde cos tempos actuais. Pareceume pouco real o papel do sacerdote nun tempo no que a dirección espiritual xa non existe fóra dos movementos conservadores da Igrexa (que tamén os hai, pero que non son o trasfondo na película). A dirección espiritual hai tempo que deu paso ao acompañamento, un proceso de escoita lento, aberto, respectuoso coas persoas e non orientado exclusivamente á vida relixiosa ou monástica.

As persoas non crentes coas que falei do filme recordaban ao velo os tempos nos que estudaron en colexios relixiosos, cando estes facían gala da disciplina e do control, con métodos didácticos pouco actualizados. As feministas ven con certo receo que unha muller nova opte por formar parte dunha estrutura tan patriarcal como é a Igrexa, sen distinguir a diferenza que hai entre a estrutura diocesana e o funcionamento autónomo dos mosteiros.

Ao meu modo de ver, a película non é unha fita relixiosa. Máis ben nos coloca diante dos ollos o fracaso das sociedades burguesas que non saben xestionar as relacións humanas, a hipocrisía das familias que antepoñen a aparencia á autenticidade (sen seren crentes, optan por centros de educación relixiosa) e o analfabetismo en intelixencia espiritual de quen rexeita as relixións como unha resposta pouco racional sen ter as ferramentas necesarias para desenvolver unha busca de sentido cada vez máis necesaria.