“As nosas formulacións anticlericais, individualistas e interclasistas resultaban excesivas para outras compañeiras. Así, durante vinte anos houbo nos EUA dúas asociacións sufraxistas diferentes. Neste tempo, con Susan B. Anthony e Matilda Joslyn Gage, escribimos os volumes 1 a 3 de History of Woman Suffrage. O movemento sufraxista volveuse reunir de novo na National American Woman Suffrage Association (NAWSA), da que fun presidenta desde 1890 até 1892.
Nos anos 70 do século XX comezou a desenvolverse a teoloxía feminista.
Na miña cabeza seguía a darlle voltas ao tema da Biblia como argumento feminista. En 1854, o papa Pío IX declarara a bula Ineffabilis Deus, proclamando o dogma da Inmaculada Concepción da Virxe María. Eu son protestante, pero vía as limitacións do modelo de muller sacrificada e abnegada que proclamaba esta bula.
“Aínda que é moi digno de eloxio servir aos nosos semellantes, o primeiro deber da muller é, porén, para consigo mesma: desenvolver todas as súas facultades e posibilidades propias para poder orientar e servir mellor á próxima xeración.”

Como presidenta da NAWSA, mentres Susan B. Anthony xestionaba a asociación, viaxei por Europa durante dous anos, reuníndome con mulleres que compartían as miñas inquedanzas e que me achegaban observacións críticas sobre o lugar da muller na Biblia.
“Fixemos un fetichismo da Biblia durante demasiado tempo. Chegou o momento de lela como o facemos con todos os demais libros, aceptando o ben e rexeitando o mal que ensina.”
“Fixemos un fetichismo da Biblia durante demasiado tempo
En Greenbank, Bristol, reuninme coa sufraxista inglesa Helen Bright Clark. Formamos un equipo de mulleres inglesas e norteamericanas e comezamos os traballos de lectura e revisión, que duraron case cinco anos (1890-1895). As cartas eran a nosa estratexia de traballo. Éramos 26 mulleres entre lectoras, escritoras e revisoras. Unha das nosas compañeiras, Matilda Joslyn Gage, publicou en 1893 Woman, Church and State (Muller, Igrexa e Estado), un libro que desafiaba a ensinanza tradicional de que as mulleres eran a fonte do pecado e que o sexo era pecaminoso.
Tiñamos claro que non se trataba de traducir mellor a Biblia, senón de achegarnos aos textos cunha nova mirada. Somos mulleres adultas e formadas. Sabemos latín, hebreo, grego… e temos claro o noso obxectivo: buscar pasaxes que defendan os dereitos das mulleres e poñelos en valor. É o mesmo que estamos a facer cos códigos de leis civís.

En novembro de 1895 publicamos The Woman’s Bible – Parte I, comentando o Pentateuco, e foi todo un best seller. As 50.000 copias da primeira edición esgotáronse en tres meses.
Continuamos traballando e, en abril de 1898, publicamos a segunda parte, que compendiaba o resto do Antigo Testamento e todo o Novo. Eu xa tiña 83 anos. Aínda me quedaban forzas para escribir a miña autobiografía, Eighty Years and More, a miña última achega á historia do feminismo, polo que tanto loitei.
O éxito da Biblia da muller tivo a súa parte amarga. En 1896, a Asociación Nacional Americana para o Sufraxio da Muller rexeitou The Woman’s Bible, declarando non ter “relación oficial coa así chamada Biblia da muller, nin con ningunha publicación teolóxica”. Pasou o tempo e A Biblia da Muller caeu no silencio e na incomprensión… Non foi ata os anos 70 do século XX que se comezou a desenvolver a teoloxía feminista.
Buscando as vosas raíces, a vosa xenealoxía, atopástesvos comigo, con Lucretia, con Susan… Aquí estabamos, esperándovos… esperando que vós tamén vos acheguedes aos textos bíblicos cunha mirada crítica e espírito aberto”.