O 6 de marzo foi un día moi especial para celebrar a Revolta das Mulleres na Igrexa, baixo o lema “Na Igrexa con voz e voto”. En Galicia, contamos con dúas concentracións: unha no Cristo da Victoria, en Vigo, e outra na Praza da Quintana, en Santiago, organizadas polas Mulleres Cristiás Galegas.

O sentimento que hoxe me asolaga como muller na Igrexa é de tristura. Dóeme que a Igrexa non acolla a muller con plenos dereitos e en igualdade cos homes na vida e na estrutura eclesial. Non se trata de buscar o poder…, trátase de ser iguais para servir mellor, de construír unha comunidade fraterna capaz de ser testemuña evanxélica, unha comunidade onde non hai marxe para a exclusión.

Foi importante para min sentirme apoiada no 6M por mulleres e homes, laic@s e relixios@s… xuntos pedindo na rúa que a Igrexa escoite o que xa é un berro en tantas comunidades cristiás de todo o mundo, que non se entenden vivindo doutra maneira. Por iso o meu berro tamén foi un berro de esperanza.

Pilar de Francisco

Paréceme que está ben celebrar este tipo de accións porque a Igrexa tense que democratizar, dando xa voz e voto ás mulleres en todas aquelas decisións que nos afectan a todas as persoas que a formamos.

Para min, significa unha loita para conquistar uns dereitos que na Igrexa se nos veñen negando dende sempre. Así mesmo significa un avance na unidade das mulleres para reivindicar os nosos dereitos e facelo dun xeito festivo, alegre e reivindicativo.

Significa ir construíndo xuntas unha igrexa nova, de iguais, que acompaña a todas as persoas, sen distintos, sendo sensibles ante a diversidade familiar e ante os problemas que viven e sofren as persoas con precariedade, excluídas, marxinadas, empobrecidas, migrantes, vítimas da violencia e as guerras.

Pilar Cuesta

Fun con ilusión a Santiago, pois cando as Mulleres Cristiás Galegas nos xuntamos crease un ambiente alegre, de unión, cordialidade, empatía etc. Había unha enerxía especial, coma sempre que nos reunimos, ou eu así o percibo. Sabémonos no mesmo barco e co mesmo rumbo. Apoiadas unhas nas outras. Iso empodéranos, danos forza para reivindicar o espazo que nos é negado dentro da Igrexa por mor do noso corpo, un corpo sempre baixo sospeita.

Achegáronse persoas de Lugo e doutros lugares e, por suposto, contamos coa axuda inestimable de Xan, que sempre está aí, ao noso lado.

Foi un día precioso, o tempo tamén nos acompañou. Abrazámonos e cantamos cancións con letras reivindicativas creadas por nós. Acabado o acto, ata lle fixemos competencia, nos distintos estilos de música, a un “cantante” da rúa! Celebrámonos e xantamos xuntas, en comuñón con todas as mulleres do Estado, que tamén saíron á rúa este mesmo domingo para berrar ao unísono: ata que a igualdade sexa costume.

Cheguei á casa moi contenta e coas pilas recargadas.

Eva Queiro Uhía

Somos mulleres que rexeitamos un ser de Igrexa machista e patriarcal, que cremos na igualdade real.

Dende aí participo na Revolta das mulleres na Igrexa, empuxando a historia, convencida de que unidas conseguiremos que algún día outra Igrexa sexa posible. Porque as voces das mulleres son voces sabias, voces que transmiten unha imaxe dun deus “todogarimoso”, que nos enche a vida e nos da folgos para conseguir que as estruturas caducas e machistas se convertan en espazos inclusivos onde todas as persoas, sen excepción, sexan partícipes e participantes activas nun plano de igualdade, sen paternalismos nin clericalismos opresivos.

Este é o meu soño e creo que tamén é o soño de Xesús. “Ata que a igualdade sexa posible”.

Macamen Díaz

O 6M é un día imprescindible na vida da Igrexa, ao igual que o movemento da Revolta das mulleres. Neste día visualizouse o traballo que este colectivo fai por transformar a Igrexa e a sociedade. Créase o espazo necesario para que outras organizacións e cristiáns e cristiás de base poidan participar apoiando esta reivindicación de igualdade, do mesmo xeito que nas manifestacións do 8M toda a sociedade se une aos grupos feministas saíndo á rúa.

O día 6M atopamos un grupo alegre, seguro da súa loita, sen complexos e moi acolledor. Así, foi fácil atoparse integrada, acollida e agradecida polo traballo que lideran na Igrexa e co que a IOAC está en plena conexión.

Non pode ser que este cambio imparable que se dá na sociedade non teña un reflexo na vida da Igrexa. Poder ser co-partícipes del é unha responsabilidade e un privilexio

Clara Raposo

Cando falamos de “revolta” na Igrexa, estamos a falar de reivindicacións serias, demandadas por moitos grupos de mulleres e homes a nivel mundial e que repetiremos ata que o noso clamor chegue ao Vaticano.

Énchenos de orgullo pensar que neste momento estamos concentrados en máis de 17 cidades ante as portas das nosas catedrais, para esixir a igualdade e o recoñecemento da dignidade das mulleres na Igrexa. Tamén que desde fóra das nosas fronteiras, noutros países como México DF, Angola ou Colombia, estase a repetir o mesmo berro.

Todas e todos os participantes buscamos a paz, demandamos xustiza e reparación dos erros cometidos pola nosa Igrexa, demandamos unha Igrexa sinodal e un Deus pai-nai razón. Razón pola que berramos con forza: “Abonda xa, abonda xa”.

Día de reivincación, feliz, pleno e cheo de emocións, alegría do encontro de amigas e amizades.

Marieta Santos