Grazas é a palabra que nos sae do corazón ás coordinadoras da edición do libro Revuelta de mujeres en la Iglesia. Alzamos la voz.

A acollida desta obra en todo o Estado está sendo impresionante! A primeira edición esgotouse rápido e, despois de tres reimpresións, neste mes de maio sae á rúa a segunda edición, mellorada, coas anotacións que nos foron facendo os diferentes colectivos de mulleres que conforman a Revolta, e que se vai presentar na Feira do Libro de Madrid.

…e xa imos pola segunda edición!!

É importante o feito de ter editado este libro. Por primeira vez, as mulleres na Igrexa damos un paso adiante e alzamos a nosa voz poñendo negro sobre branco ás nosas propostas para construír a Igrexa do século XXI. Somos sete as mulleres que coordinamos a obra, e fixémolo en circularidade desde Barcelona (Pili Calle), Zaragoza (Mabel Ruiz), Madrid (Silvia Martínez, Pepa Moleón e Pepa Torres), Sevilla (Mercedes López) e Santiago de Compostela (Marisa Vidal). A diversidade é a marca que nos caracteriza, unha diversidade que non nos impide ter claro que Igrexa queremos. O libro é a nosa voz, que se repite e resoa nos distintos ámbitos eclesiais facéndonos presentes nas parroquias, vigairías, movementos e asociacións. Queremos que a todos os recunchos da Igrexa chegue a visión do feminino, non coma un discurso esencialista e baleiro nin de laios ou reproches, senón como unha nova forma de entender e construír a comunidade eclesial.

Este é un libro vivo, que medra coas ganas de ver unha igrexa horizontal, na que a Igualdade sexa costume. Nas súas páxinas hai pensamento, teoloxía, pero tamén os primeiros pasos para levar á práctica os cambios que queremos ver na Igrexa. Cada unha das partes do libro (“Xenealoxías da Revolta”, “Xeografías da Revolta”, “Políticas e Vivencias” e “A Igrexa que Soñamos”) teñen interesantes colaboracións de diferentes teólogas e rematan cun apartado no que damos pistas de como empezar, en colectivo, a construír unha Igrexa en clave feminista.

Non podemos menos de agradecer a acollida que se vive nas presentacións do libro e que está facendo resoar a nosa voz por todo o Estado español e máis aló das súas fronteiras. Estamos a crear interesantes diálogos nos que mulleres e homes imos atopando razóns e azos para construír algo novo nesta nosa Igrexa, sempre necesitada de conversión.