Cada día vemos como están mudando e adaptándose ás medidas impostas os xeitos que temos de relacionarnos entre nós. Deste modo, xorden novas propostas para novos tempos, como é o caso da actividade dos Coloquios na Encrucillada. Mantendo o espírito dos Foros de Encrucillada, a través da plataforma Zoom convidóusenos a un espazo de diálogo aberto entre a teoloxía e a cultura galega.
A dinámica destes consistiu en facer un traballo previo en grupo sobre algún dos tres textos de tres persoas (Marta García Fernández, Carmen Ubieta Bernabé e Andrés Torres Queiruga) e, recollendo as cuestións que xurdiran nese traballo, comentalo abertamente con elas. O tema destes artigos é a Biblia hoxe, e obsérvase poñendo o foco no Antigo Testamento, no Novo Testamento e na hermenéutica. Para esta ocasión, fixaremos a atención no artigo “Como debemos ler hoxe o Novo Testamento?”, de Carmen Bernabé.
A autora advírtenos do perigo de facer unha achega extremadamente intelectual que empane a nosa experiencia espiritual
Con poucas palabras, o traballo de reflexión que fixemos o pasado 22 de xaneiro constou de tres partes. En primeiro lugar, vemos que estamos ante un artigo de rigor académico (serio a nivel metodolóxico), que deixa ver a vocación e facilidade pedagóxica da autora. Accesiblemente, perfila un enfoque novidoso para achegarse á lectura do Novo Testamento (NT) e da Biblia, se o xuntamos cos dous traballos que o acompañan. En segundo lugar, é reseñable a máxima de que, se ben é preciso ter unha serie de coñecementos previos que operen como base, neste artigo incítasenos a facer o traballo de esexese ao afrontar literalmente o contido do NT, motivando así o labor hermenéutico, co fin de traelo á nosa realidade. E aínda máis, a propia autora sitúanos nun espectro, advertindo o perigo de facer unha achega extremadamente intelectual que empane a nosa experiencia espiritual, así como o de caer nunha revisión simplista e baleira de contido.
En terceiro e último lugar, o camiño de ida e volta que refire Bernabé ao longo do artigo asumímolo como unha unha viaxe persoal onde a clave do entendemento reside na experiencia de revelación individual, pero, fundamentalmente, como un traballo colectivo. Tan só a través da comunidade que establece diálogo e mesmo debates vivos é posible acadar a reinterpretación que precisamos. Ao descubrir esta necesaria democratización da hermenéutica, non temos límites á hora de incluír perspectivas (como ben di a autora). Ademais, gozamos dunha tradición con moito arraigo na nosa historia e presente hoxe. Esta simultaneidade nace da esencia do artigo: amosar como no Novo Testamento reside o sentido orixinario e orixinante da mensaxe teolóxica de Xesús (da Boa Nova). Revélase como unha forza que non é finita nin ríxida. Este sentido é a chave que nos propón Carmen Bernabé para ler o Novo Testamento hoxe.