“Non se trata de camiñar xuntos, senón de decidirmos xuntas”

Parece que algo “vai cambiando” na igrexa xa que, por primeira vez nun sínodo, “falouse explicitamente das mulleres e tamén da necesidade de recoñecer o compromiso asumido por elas na evanxelización na Amazonía. Naturalmente, a solicitude, por suposto lexítima, de dereito a voto presentada por un grupo de monxas que participaron nas sesións sinodais, non tivo resposta.

A italiana Paola Lazzarini, da organización Donne per la Chiesa, contou un dato significativo: escribiu unha carta ao xesuíta Giacom Costa, secretario da comisión da Secretaría do Sínodo preguntándolle por que, se o documento preparatorio do Sínodo destacou o traballo realizado polas mulleres na Amazonía, non se aprobaba o dereito a voto das mulleres. El contestou que “era unha contradición, pero que era demasiado tarde para cambiar”.

Ao Sínodo asistiron 180 homes, todos bispos, e 35 mulleres. Entre as mulleres, a maioría monxas, hai expertas no tema. Os 180 homes teñen dereito a votar o documento final, pero as 35 mulleres teñen voz pero non voto. Este momento foi aproveitado por un grupo de monxas que se rebelou con esta decisión para loitaren contra a desigualdade. Son mulleres, a maioría relixiosas de varios puntos do mundo, que se desprazaron até o Vaticano para protestaren e esixiren ao Papa poder votar igual que os homes alí presentes. Elas difundiron un vídeo que recolle algúns datos: no Vaticano só houbo sete subsecretarias; ninguna muller estivo á fronte dunha secretaría ou departamento. Na igrexa católica, dos 1.200 millóns de fieis máis da metade son mulleres; elas representan menos do 3% dos dirixentes do Vaticano.

Excluídas das decisións

Hai 180 pais sinodais con dereito a voto e ningún é muller e isto indica como as mulleres estamos excluídas das decisións sobre o futuro da Igrexa e máis aínda nun sínodo sobre unha rexión, a Amazonía, onde, como indica o documento preparatorio, o rol das mulleres, leigas e relixiosas, é crucial para a fe”, dixo Zuzanna Flisiowska, directora de Voices of Faith, organización que loita para promover o rol das mulleres na Igrexa católica. Varias monxas de diversos países, como Simone Campbell de EEUU lideresa do proxecto Nuns on the bus; Irene Gasman, priora do mosteiro benedictino de Fahr, en Suíza ou Deborah Rose-Milavic, estadounidense e directora de Future Church, entre outras, todas mulleres significativas pola súas loitas pola defensa da igualdade na Igrexa e polo seu liderazgo e preparación, apoiaron a campaña coa súa presenza nas portas do Vaticano.

Este mesmo grupo de mulleres rescatou e recoñeceu o papel de Francisco “…se ben reiterou o non ás mulleres sacerdotisas, si admitiu que é urxente darlle máis espazo ás mulleres, e, de feito, nomeou varias delas en cargos importantes do Vaticano aínda que non de primeira orde…

Non ter dereito a voto demostra que a igrexa é unha organización patriarcal e machista

É certo que por primeira vez foron designadas mulleres consultoras da secretaría xeral do Sínodo xunto con outras expertas e auditoras. Pero sen voto… Non hai unha verdadeira razón para que isto non fose posible. Por que as mulleres relixiosas non poden votar e os homes relixiosos si? Existe unha clara discriminación. Trátase de que as mulleres sexan incluídas tamén nas instancias onde se toman determinadas decisións. Non se trata só de camiñar xuntos, senón tamén, de decidir xuntos. É un gran desfase e un atraso tremendo onde se demostra que a Igrexa é unha organización patriarcal e machista, dominada polo masculino, que impide poñer a homes e mulleres nun plano de igualdade. O dereito a voto é algo elemental. Non se pode comprender nunha sociedade onde as mulleres xa o conseguimos hai tempo e non hai marcha atrás.

Que é o que está perdendo a nosa igrexa sen a experiencia, habilidades, talentos, preparación e dons da metade dos seus membros?

Son conscientes os homes que dirixen a igrexa de que as mulleres somos maioría non só en número senón tamén en compromiso e implicación na vida das comunidades cristiás?

Un feminismo imparable

O feminismo é imparable e ten que ser asumido na Igrexa e abrir portas e ventás para que entren aires novos sen “contaminación” que de verdade axuden a coidar a Casa Común. Necesitamos sentírmonos incluídas para achegar o mellor de nós mesmas.
Neste Sínodo, a voz das mulleres, o sufrimento da xente e a súa testemuña viva merecen ser escoitadas co sumo respecto e darlle valor ás súas palabras, xa que elas saben moi ben do que están falando. Non falan só desde a doutrina senón desde a experiencia da propia vida xa que están presentes nos lugares máis marxinados e excluídos, neste caso da Amazonía.

As mulleres facemos moitas cousas xa na Igrexa. Pero é necesario que a aquilo que facemos, a Igrexa lle dea visibilidade. Sabemos o que achegamos, sabemos que estamos liderando comunidades e grupos, sabemos xestionalas e sabemos que merecemos vivir os ministerios con rostro de muller. Queremos camiñar en IGUALDADE como foi concibido por Xesús e as primeiras comunidades.