Escribo este artigo despois de pasar un momento de shock. A rabia sacoume del e, despois dun par de chamadas, púxenme a escribir. Anque decidimos non seguirlles o xogo, silencio é un mal aliado.

Cóntovos. Este ano organizo xunto cunha compañeira o Espazo de Teoloxía Feminista (ETF) en Vigo1. Dende hai varios anos, este espazo lévase facendo en Compostela con moi boa acollida, así que decidimos que as mulleres do Sur tamén nos iamos apuntar a unha cousa tan chula. Da man da Asociación MCG EXERIA puxémonos mans á obra. Este ano o tema escollido era a cristoloxía feminista.

Edwina Sandys xunto a súa obra Crista
Edwina Sandys xunto a súa obra “Crista” (2016; Hiroko Masuike/The New York Times)
Inciso para quen non coñeza os ETF: trátase dunha especie de “clube de lectura” mensual, cun tema relacionado coa teoloxía e o feminismo, cunha metodoloxía circular. É dicir: non é unha clase maxistral, se non que cada unha das participantes toma a palabra nas diferentes roldas e partilla a súa opinión dos textos. A chave está en ter un tempo para falar limitado, cronometrado, limitando ás que falan moito e garantindo espazo para as que falan pouco. Iso xera un espazo de debate, partilla de experiencias e reflexións moi enriquecedor.

O Espazo de Teoloxía Feminista é mais necesario que nunca.

Ata aquí todo ben. A verdade é que a convocatoria foi un éxito, conseguimos ser un grupiño xeitoso (no momento que escribo estas liñas somos 12 mulleres – moi profético, non?). Ata o cartaz chegou ata amigos das terras do Norte, por Ferrolterra, dende nos felicitaron por tal iniciativa. Por desgraza, tamén recibimos detractores. Foi precisamente pola imaxe do cartaz que viaxou… moito e moi lonxe, ata aparecer en páxinas web ultras de Madrid e a recibir mensaxes en redes sociais tachándonos de blasfemas. Imaxinades por que? Por poñer no cartaz a imaxe dunha muller crucificada. Concretamente, a escultura da Christa que Edwina Sandys realizou en 1974 para provocar unha reflexión sobre o lugar das mulleres na igrexa.

A outra crítica viña por realizar as xuntanzas nos locais dunha parroquia, xa que en Santiago, co mesmo cartaz, a diferencia é que se fai nun local municipal, e alí non temos constancia de protesta algunha. Na parroquia contáronnos que eles están acostumados a sufrir acoso cada varios anos sobre algún tema que “molesta” a uns poucos. E os “molestos” comezaron a enviar correos electrónicos ameazantes e a facer chamadas cunha violencia verbal incrible.

Desta volta foron tantas as chamadas que tiveron que desconectar o teléfono. Tamén foron un paso mais. Chamaron a unha persoa particular para agredila verbalmente. Unha chamada con número oculto, é dicir, que a persoa que o fixo sabía que iso era delito. Estouno a escribir e non o creo. Agora volve o silencio. A creatividade da rabia xa non sabe por onde tirar. Que facer? Parece que organizar o Espazo de Teoloxía Feminista é mais necesario que nunca. A parroquia sigue deixándonos o local, anque tiveron que retirar o cartaz (finalmente pararon as chamadas).

Quería escribir un artigo sobre política de cara ás próximas eleccións galegas. Sobre a presenza por primeira vez de dúas mulleres candidatas, ou de como o feminismo pode incidir no programa electoral dun partido. Pero como o persoal é político, remítome ós feitos. Para que o que escribo non volva a suceder, desexo, parafraseando a unha película, “que o feminismo te acompañe cando vaias votar”.

1– Ver o artigo de Irimia en Lila “XI Espazo de Teoloxía Feminista. Cristoloxía feminista”.