O noso Deus é un Deus compasivo que sofre onda os seus fillos e fillas, que se lle conmoven as entrañas e anda na procura de levantar os que se inclinan baixo o peso da aflición e empurralos á esperanza e á resistencia. A teoloxía feminista recorda de cotío que a resposta de Deus ao mal que acontece no mundo non se xoga na súa omnipotencia senón no seu amor. (Elizabeth A. Johnson, La que es. El misterio de Dios en el discurso teológico feminista, 330- 345).
Durante o coronavirus, evocar a Raquel e o modo en que Deus escoita o seu pranto pode ser un referente para a nosa fe
A matriarca Raquel aparece na Biblia como un símbolo de gran forza cando se quere expresar dor, separación ou desamparo. A súa experiencia de sufrimento e perda que vive na súa familia permite a Xeremías (Xer 31, 15) e logo a Mateo (Mt 2, 17-18) presentala como a encarnación do desconsolo e a impotencia. Pero esa imaxe queda resignificada coa presenza consoladora de Deus. O profeta anuncia un tempo novo, non nado nos esforzos humanos, senón do corazón compasivo dun Deus que invita a ver a realidade máis aló das bágoas e o cansazo, asegurando que o porvir está cheo de esperanza (Xer 31, 16-22).
Ao longo destes meses no que o coronavirus cambiou as nosas vidas e a encheu de preguntas e incertezas, evocar de novo a Raquel e o modo en que Deus escoita o seu pranto pode ser un referente para a nosa fe e un modo de ofrecerlles ás nosas irmás e irmáns unha palabra sobre Deus que non quede presa de ritos ou de fórmulas milagreiras.
Raquel chora polos seus fillos. Fresco do século XIV (Mosteiro de Marko – Macedonia)
A pregunta sobre Deus neste tempo ten na mirada feminina unha resposta que camiña da man de pequenas historias de vida, coma a de Raquel, que saben o que implica coidar, solidarizarse, abaixarse por amor e tamén afrontar a perda, acompañar e resistir. As mulleres, polo lugar que as sociedades patriarcais sempre lles outorgaron, quizás poidamos entender mellor como Deus permanece a carón dos que están a sufrir e sufrirán as consciencias da crise que estamos a vivir no mundo. Esta afirmación non quere ser unha discriminación á experiencia relixiosa dos varóns, senón poñer o acento nun tema relevante para as mulleres e que estamos chamadas a elaborar teoloxicamente.
Deixo aquí as palabras de Ivone Gevara, por se axudan:
“A transcendencia e a inmanencia do mal convídanme a vivir a Deus doutro xeito e tal vez a falar doutro xeito da Boa Nova. Os discursos menos absolutos, os discursos da incerteza ou da diversidade parecen máis doados nestes tempos difíciles. (…) anímame a converterme á realidade que percibo, esa realidade mesturada, confusa, na que ningunha palabra pode ser definitiva, na que ningún Deus pode ser todopoderoso, ningún ben totalmente soberano e ningún mal a última palabra da vida.” (El rostro oculto del mal. Una teología desde la experiencia de las mujeres, 2002).