é unha horrible barbarie que se perpetúa
Que está a pasar? A que extremo pode chegar o pensamento machista? Ó de posuír á Muller coma se mesmo fora obxecto de propiedade privada? “Mateina porque era miña”. Chegouse ao máximo extremo da crueldade, matar ás propias criaturas, “mateinas porque eran túas”. É o colmo, é onde máis doe, meter á infancia, sagrada, no saco.
Recuperando a idea de Galeano “Hai criminales que proclaman así no más…”, o dereito de propiedade do Home pola Muller, os súper machos dos máis machos. Pero ningún, ningún, ten a valentía de confesar “mateina por medo”, porque o medo da Muller á violencia do Home é o espello do medo do Home á Muller sen medo!
Temos que poñer coherencia e non ser cómplices
Doe, doe o mundo! Está enfermo, está doente unha parte da sociedade que sigue expresando ese medo, ese machismo incrustado, que por medo mata, que mata ás nais da vida e tamén as vidas de nais, as fillas e fillos das súas entrañas, isto si que é un “contranatura”, un “sinsentido”. Unha horrible barbarie que se perpetúa porque non temos solucións, respostas contundentes a nivel social para mirar de fronte, porque na relación, na educación e nos medios que usamos hai contradicións: si, somos feministas e vivimos dende aí, pero convivimos con unha educación que permite o acceso á pornografía a través dos móbiles a idades temperás; si, somos feministas porque xa miramos os dereitos igualitarios, pero seguimos deixando que a cultura machista penetre a través de contidos de animación na xuventude, a través de modas nas que a dominación, a dureza da violencia individual e en grupo son unha maneira de consumo e diversión; si, somos feministas pero permitimos que os nosos fillos e fillas estean desprotexidos e compartan tempos con asasinos, que se chaman “pais” pero que só queren utilizalos como moeda de cambio das súas posesións.
Si, o mundo precisa sandar e curarse. Así que o primeiro é miralo de fronte. Mirar con realismo o diagnóstico que permita poder poñer efectivos, remedios, prevencións e coidado. Quero crer que hai tratamento, quero crer que tomamos en serio a Vida, que tomamos en serio este funcionamento do medo machista, esta guerra da violencia machista, violencia vicaria, que xa empeza a ser epidémica. Para comezar, a primeira vacina é mirar e ir da man dás vítimas, sen “peros”. Sen dubidar nin un segundo, con coherencia e contundencia na protección á infancia. Precisamos medidas e políticas sociais para vivir sen medo, precisamos medidas de protección serias, continuas e seguras para coidar e protexer a vida das criaturas.
Si, o mundo precisa sandar e curarse.
Temos que poñer coherencia e non ser cómplices; poñer cancelas ao mundo das redes, non permitir aos depredadores sexuais acceder con trampas ao mundo da infancia e adolescencia, pedindo restricións na idade de acceso a plataformas de violencia, sexo e xogo online. Pidamos políticas de acollida para as vítimas, casas de protección e axudas económicas para evitar a dependencia dos seus acosadores.
Que impotencia! A nivel de comunidades eclesiais teremos que facer denuncia profética, cando menos, e con urxencia (un comunicado alto e claro!) e, á mesma vez, apoiar iniciativas e “amadriñar” con propostas de acollida, acompañamento, seguimento desas situacións, cando menos incluílo nas accións pastorais igual que facemos acompañamento en cárceres, con mulleres prostituídas, ou outras vítimas. Polo menos estar involucradas as igrexas nestas vías de protección da infancia e das mulleres asasinadas en alma e corpo, facer resucitar eses corpos de Muller e crianzas. Poñendo forza en apoiar as medidas en que non morran, será o primeiro.