Cada ano que pasa faise máis e máis penoso ter que saír á rúa. Este xaneiro tinguido de sangue, que se prolongou no mes de febreiro, fainos recapacitar. Dende o ano 2010, son 69 as mulleres asasinadas na Galiza. Estas son as cifras da vergoña que se verán incrementadas en canto se esclarezan os casos pendentes.

Seguimos agardando a que as autoridades se preocupen, por fin, pola vida das mulleres.

Nesta loita contra os feminicidios seguimos agardando a que as autoridades se deixen de minutos de silencio e se preocupen por fin pola vida das mulleres e pola súa auténtica seguridade. Aínda está pendente unha cobertura dos casos de violencia machista con perspectiva de xénero, de xeito que a Lei Galega para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero sexa efectiva. Queremos un compromiso real para rematar con este terrorismo machista.

Temos dereito a sermos libres, iguais e estar no mundo sen pagar por esa liberdade.

Por outra banda, a Lei do “Solo sí es sí” debería ter sido unha axuda para todas nós, pois é unha lei que tipifica condutas que ata agora quedaban impunes por non estaren recollidas no Código Penal, cando, por desgraza, convertérona nunha arma política para lanzala uns aos outros.

O que ocorre é que os xuíces aplican a lei que favorece o reo en caso de dúbida. Sen ter presente que o consentimento está no centro, trasladándolle ao agresor a obriga de probar que a relación foi consentida. Todo isto sería moi positivo se dispuxésemos dun sistema xudicial con formación en perspectiva de xénero.

Noutra orde de cousas, a crise na que estamos mergullados non serviu para cuestionar o modelo dun capitalismo salvaxe fondamente inxusto e que provoca desigualdade. As medidas tomadas só serven para recortar gastos sociais, privatizar os bens comúns e os servizos públicos como a sanidade, xustificar despidos, abaratar salarios, precarizar aínda máis as nosas condicións laborais. Todo para garantir os beneficios dos bancos, grupos financeiros e multinacionais.

Como resultado, a pobreza ten nome de muller porque o sistema só considera como económicas as actividades realizadas no mercado que dean beneficios, pola fenda salarial entre homes e mulleres, por poñer o acento nas empresas á conta de invisibilizar os traballos de coidado e os domésticos, que deberían estar no centro, como demostrou a pandemia. Por todo o anterior, o 8 de marzo en lugar de celebrar nada, vémonos nas rúas!

* Foto tomada pola autora o 8M do 22 na Virxe da Cerca, Santiago de Compostela.