A primeira vez que me preguntaron se estaba a favor ou en contra do aborto foi nunhas xornadas de presentación da teoloxía feminista. Estabamos dúas mulleres de relatoras e conseguiramos que asistise bastante xente e moi diversa, incluso grupos non próximos ao feminismo cristiá, tanto dun lado coma do outro. Foi na quenda de preguntas. Unhas rapazas novas levantaron a man: “E vós, que opinades do aborto?”.
Pillounos algo de sorpresa. A pregunta non viña a conto, aínda que agora, con perspectiva e máis coñecementos sobre a historia do feminismo, podo entendela mellor. A liberdade de decisión das mulleres, especialmente sobre o seu corpo, é unha das liñas mestras dende o principio do movemento feminista. E polo que estamos a vivir agora mesmo, cuns señoros que opinan con intención de facer dano, aínda lle queda camiño.
temos que loitar por unhas condicións boas para a o IVE, ás que toda persoa poida acceder sen sentirse humillada.
Independentemente das liortas políticas, a realidade actual é dura para as mulleres que fan unha interrupción voluntaria de embarazo (no mundo sanitario: IVE). Legalmente tes unha cobertura parcial. Un reloxo legal de 3 meses (curiosamente, o mesmo tempo no que santo Tomás dicía que a alma entraba no corpo humano), 4 en casos puntuais, onde que tes que actuar rápido, con coñecemento e tomando decisións importantes baixo presión. Un escenario ideal no que, por suposto, sirva a retranca, todas as mulleres estamos preparadísimas e contamos con educación e formación de alto nivel.
Na Galiza podes ir pola vía privada ou pola pública. Na privada é un mínimo de 600 €/900 €, un prezo para todas as economías. Pola Seguridade Social, o protocolo parte das unidades de Planificación Familiar (nada de consultar co teu médico de cabeceira), que che pasa unha consulta con psicoloxía antes de con xinecoloxía. A perla do pastel pona un sobre no que che dan os seguintes papeis: 1, a lei; 2, as axudas para ter fillos. Si, leron ben. E para mais inri, tes a obriga de esperar tres días naturais na túa casa antes de volver por alí. Coma se os textos legais puidesen supoñer un consolo ou un consello. Apáñate.
Non é igual en todas as comunidades autónomas. En Cataluña contas cunha unidade para-sanitaria, CJAS – Centre Jove d’Atenció a les Sexualitats, que te acompaña tanto antes coma despois do proceso e que te pon en contacto con persoas na túa mesma situación. Ademais, cada caso é un mundo, cheo de grises ante os cales non debemos xulgar a ninguén.
É precisamente este enfoque o que deberiamos tentar levar nas discusións que teñamos sobre o aborto. Nada de chulería propia do patriarcado que condena. Mellor, unha actitude inspirada nun deus todocoidadosa, todoagarimosa, que non xulga, senón que apoia e acompaña. Lembro a resposta inocente que lles demos ás rapazas nesa conferencia: “Ante o sufrimento, sempre estamos do lado da persoa que sofre. Aborto si ou non, dependerá de cada caso; o que si é seguro é o si á liberdade de decisión”. Hoxe eu engadiría que o que temos é que loitar por unhas condicións boas para o IVE, accesible para todas sen importar cantos cartos teñan na súa conta, o seu nivel de formación, privilexios sociais etc. Se Deus nos deixa liberdade para todo, ata para non crer nel, como non nos deixará tomar decisións sobre a nosa reprodución?